Presenza-OpiniónVolver ó índice / Europa
A precampaña electoral británica entra en calor
Por Xosé Manuel Figueiras (Titulares, 17/03/2005)
 
 

  Clic para aumentar
Tony Blair lanzouse á conquista do voto das mulleres, un segmento da poboación que parece terlle dado as costas nos últimos meses, despois do embrollo da guerra do Iraq e os compromisos con George Bush. As mulleres de máis de 55 anos que votan dunha maneira máis intensa, son o seu obxectivo primordial. Para iso, non dubidou en enfrontarse cara a cara a 35 mulleres nun programa de televisión e debater sobre as súas queixas. Alí expresáronlle o seu descontento con palabras como traizón, respecto, ou ben achacáronlle falla de humildade.
 
A pouco máis de mes e medio para as eleccións lexislativas en Gran Bretaña -espéranse para o 5 de maio-, os nervios comezan a estar a flor de pel. Os programas e os ataques entre partidos políticos saen á superficie con maior claridade. As sondaxes falan dun recorte da diferenza que separa ós dous grandes partidos británicos. E segundo unha estimación do pasado mes de febreiro, os laboristas que avantaxaban en 12 puntos ós conservadores, a día de hoxe, ven reducida esa avantaxe en cinco puntos, o que provoca o malestar nas filas traballistas.

Ante o apuro, Tony Blair lanzouse á conquista do voto das mulleres, un segmento da poboación que parece terlle dado as costas nos últimos meses, despois do embrollo da guerra do Iraq e os compromisos con George Bush. As mulleres de máis de 55 anos que votan dunha maneira máis intensa, son o seu obxectivo primordial. Para iso, non dubidou en enfrontarse cara a cara a 35 mulleres nun programa de televisión e debater sobre as súas queixas. Alí expresáronlle o seu descontento con palabras como traizón, respecto, ou ben achacáronlle falla de humildade.

Na casa dos conservadores, afortunadamente para os laboristas, as cousas non van mellor. Michael Howard, o líder conservador, pretende un lavado de imaxe para o seu partido, que aspira a remontar as expectativas de voto dos Tories, situadas nun 30% fronte ó 40% que lle asignan as sondaxes ós laboristas.

Para conseguilo, Michael Howard, presentouse na tarima da conferencia de primavera dos conservadores con toda a familia. Muller, fillos, netos e sorrisos. Ámbolos dous bandos saben que se queren gañar a confianza do público, non só feminino, terán que xogar no terreo das prioridades. E estas, teñen nome propio. A educación e a sanidade, preocupacións que se acentúan no campo feminino.

Blair non escatima esforzos en facer públicos os logros do seu goberno en outros ámbitos, como o traballo a tempo parcial, ou a ampliación da baixa por maternidade, pagada a 90% do salario durante seis semanas, e despois 102 libras por semana (en torno a 148 euros). Pero nas aparicións televisivas medráronlle os ananos, e recordáronlle novos problemas, como a crítica por baixos salarios, ou as escolas para os diminuídos físicos. Ademais, recibiu outro fogonazo en televisión, do seu chanceler Gordon Brown, que cuestionou a visión “blairista” da Gran Bretaña, como ponte entre Europa e os EEUU, e afirmando que os británicos teñen valores propios, o que contribúe ó descrédito do Primeiro Ministro.

En calquera caso, os programas electorais xa están perfilados, e mentres os conservadores apostan polos recortes dos servicios e a caída de impostos, os laboristas cren no incremento do gasto público para dar mellores servizos. Os Tories, queren concentrarse no que de verdade lle interesa ó público elector. Queren convencer de que os seus plans son serios, e que reducindo as taxas, é posible prestar servizos públicos eficientes en educación e saúde, reducindo o gasto noutros servizos e recortando desa maneira os impostos.

Parte do electorado laborista declárase atraído polas ideas dos conservadores, apoiando o que se refire ó recorte de impostos. Pero os profesionais liberais, prefiren falar dun maior gasto público. Os laboristas, sen embargo, falan de incrementar os gastos en tódolos servizos sen recortar impostos.

A fin de contas, o plan dos conservadores, ten gato encerrado. Se miramos as estratexias conservadoras en materia de sanidade, veremos que, mentres os laboristas propoñen unha sanidade pública e universal, os conservadores apostan pola financiación á metade. O resto do custe, pasaría a mans dun seguro privado.

Obviamente aquí, mesmo os votantes conservadores amosan un pronunciado descontento. Dous de cada un, opóñense á proposta dos seus dirixentes que terán que limar as asperezas, se non queren gañar fora o que perdan na casa. Os ataques e as propostas, seguirán sucedéndose nas vindeiras semanas.

 
 

Xosé Manuel Figueiras é analista do Igadi.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/03/2005
Fernando Pol