Presenza-OpiniónVolver ó índice / Europa
A Constitución Europea periga en Francia
Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 18/03/2005)
 
 

  Clic para aumentar
As declaracións do socialista Henri Emmanuelli, comparando o “si” á Constitución Europea co “si” que se lle deu ó goberno do mariscal Petain durante a Segunda Guerra Mundial, fan cambalear ó Partido Socialista e a súa credibilidade, de cara ó público e para futuros comicios no país galo. “Eu sei que puiden impactar á xente. Pero só quería demostrar que o Partido Socialista, non é infalible” subliñou Emmanuelli.
 
O éxito da Constitución Europea periga en Francia. Facendo memoria, os europeístas franceses xa pasaran por amargos apuros cando se efectuou o referendo sobre o Tratado de Niza, gañado por unha escasa marxe (51% do si contra 49% do non). Non parece, cando menos, que desta volta, a historia vaia mudar. As divisións internas dos partidos, e a situación económica que contamina o ambiente, deixan no aire o resultado final desta consulta.

Do lado socialista, as divisións apreciadas durante o 2004 con respecto ó posicionamento do partido no referendo da Constitución, e que deron lugar a un plebiscito, permanecen aínda vivas. As declaracións do socialista Henri Emmanuelli, comparando o “si” á Constitución Europea co “si” que se lle deu ó goberno do mariscal Petain durante a Segunda Guerra Mundial, fan cambalear ó Partido Socialista e a súa credibilidade, de cara ó público e para futuros comicios no país galo. “Eu sei que puiden impactar á xente. Pero só quería demostrar que o Partido Socialista, non é infalible” subliñou Emmanuelli.

As reaccións dende o partido non se fixeron tardar. Mesmo na corrente crítica e minoritaria da que forma parte, “Nouveau Monde”, Jean Luc Mélenchon -animador desta corrente- sostén que “está farto de que pequenas cousiñas, dean pé para os estigmatizar”. Outros afirman que se trata dun “esvarón inadmisible”, un “paso en falso”, e os máis, simplemente afirman que fai falla pechar filas en favor do “si”.

Entre os conservadores, os problemas son diferentes. A Chirac non lle saen as contas; en menos dun ano, cambiou catro veces de ministro de finanzas. “Monsieur Bretón”, alcumado o “Zorro do business” pola efectividade resucitando compañías en crise, e actual presidente de France Telecom, será o novo compañeiro de aventuras no goberno da dereita da UMP.

A causa directa de tanto novo nomeamento é o insuficiente crecemento da economía francesa, que segue sendo pírrico, e o déficit público para 2004, que é do 3’7% do PIB, cando o goberno se propoñía recortalo ó 3% neste ano. A escaseza de resultado nas contas públicas, suporá a imposibilidade de recortar os impostos, que era unha das promesas electorais do goberno conservador.

O malestar acrecéntase coas folgas, de estudiantes, de obreiros, e coa presión dos sindicatos. Descontentos coa situación económica e tamén coas reformas do goberno, bótanse á rúa. Incrementase así, en maior medida, o descontento xeral en vésperas do referendo sobre o futuro europeo. Os sindicatos opóñense ás privatizacións de Electricité de France, Gaz de France e Areva. Polo tanto, señor Bretón, ten “o pan na mesa” -como din os franceses- para equilibrar os números nun goberno renqueante, tal e como fixo en Thomson ou France Telecom.

Por outro lado, no Partido Socialista, de novo chove sobre mollado. Algúns partisanos do “non”, que non acaban de acatar os resultados da votación interna na que gañou o voto afirmativo á Constitución Europea -figúrense que se trata de Henri Emmanuelli e os seus colegas-, reclamaban ó Consello Superior do Audiovisual, a semana pasada, que durante as emisións nos medios, que se lle concedan ó Partido Socialista na campaña electoral, se lles dese un tempo equivalente ós partidarios socialistas do “si”.

Pero a dirección do Partido Socialista, quen ten a última palabra, negouse en redondo, reafirmando que só ten unha campaña, e só unha, e que traballan en favor da aprobación da carta europea.

A cuestión ven, aínda, de máis lonxe. Dun precedente creado na campaña de Maastricht, cando ó parecer Philip Séguin, Charles Pasqua e Jean Pierre Chevènement, obtiveron do Consello Superior do Audiovisual, que se autorizaran descontos cruzados, en favor do “si” e do “non”.

 
 

Xosé Manuel Figueiras,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/03/2005
Fernando Pol