| Presenza-Opinión / Balcáns |
||
| Un recordo para Bosnia Por Roberto Mansilla Blanco (Xornal, 28/11/2005) |
||
|
A derradeira década foi un raro exemplo de estabilidade en Bosnia, a pesar da convulsión vivida entre os seus veciños. En 1999 ocorreu a guerra en Cosova, mentres en Belgrado a inestabilidade política, a presión exterior e a frustración social acababan co réxime de Slobodan Milosevic. A guerra de 1992-1995 deixou entre os bosnios o amargo sabor da destrución, as matanzas e a división, con secuelas tan dolorosas, e aínda frescas no tempo, como o xenocidio contra os musulmáns, ocorrido en Srebrenica, en presenza das tropas holandesas da ONU. Os acordos de Dayton, asinados en novembro de 1995, impulsados polo diplomático estadounidense Richard Hoolbroke, permitiron crear unha Bosnia “federalizada” en dúas entidades: a Federación croata-musulmana e a República Serbia de Bosnia. Dúas entidades insuficientes, divididas, con poucos nexos en común, pero que foron defendidas polos soldados da OTAN e a ONU, baixo un rexedor británico, gobernante “de facto”. En todo este tempo, desapareceron da escena pública os líderes que asinaron ese acordo hai dez anos: o croata Franjo Tudjman e o bosnio Allia Izetbegovic, ambos falecidos, mentres o serbio Milosevic está preso no Tribunal de La Haya. Algúns militares implicados en crimes de guerra e contra a humanidade foron detidos e levados ante a xustiza. Todos menos o serbio Radovan Karadzic, un dos máximos responsables das matanzas, o persoeiro máis buscado que, irónica e aparentemente, todos saben onde se encontra. Outros como o croata Ante Gotovina, seguen a ser buscados, baixo a presión europea sobre o goberno de Zagreb. Amados por uns, odiados por case todos, heroes nacionais ou criminais ambiciosos de poder, o escuro pasado de Bosnia está aínda vivo e presente. Hoxe, Bosnia camiña cara unha nova Constitución, que deixe atrás os dez anos rexidos polo acordado en Dayton. Os líderes das tres comunidades se reúnen en Bruxelas e Washington para discernir o futuro dunha Bosnia federal, con institucións comúns. En decembro, Bosnia asinará coa UE o Pacto de Asociación e Estabilidade, marco xurídico e político que facilite a súa admisión nun futuro. Se espera que, en poucos anos, se estableza unha policía e un exército comúns. Pero este camiño é aínda prematuro e incerto. Os bosnios seguen véndose máis identificados nas súas entidades étnicas e relixiosas, que nunha nacionalidade federal. Por iso, ¿é posible unha futura partición de Bosnia, agora con mecanismos pacíficos e concertados? ¿Ou ben chegará o momento dunha Bosnia definitivamente unida, respectando a súa diversidade? ¿E se todo isto fracasa? Nos Balcáns, esquecidos polo 11-S e a guerra de Iraq, a historia demostra que todo é posible. |
||
|
||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/11/2005 |