| Relevos en Israel Por Roberto Mansilla Blanco (Vieiros, 22/11/2005) |
||
|
Para Sharon, e para a política israelí, o momento semella decisivo. A loita interna no Likud enfronta a un membro clásico da “vella garda”, un Sharon cuxa “militarización da política” aparentemente lle está reportando beneficios políticos, e un Binyamín Netanyahu, ex primeiro ministro que intenta posicionarse como o líder das novas xeracións. O curioso de ambos casos é que, pese á enorme diferenza de idade (Sharon ten 77 anos e Netanyahu, 56) e visión política, ningún dos dous líderes se caracterizou por manter excesivos e amplos contactos de paz cos seus interlocutores palestinos, premiando máis a política de seguridade que a de paz. Nun momento en que se conmemoraba o primeiro aniversario da morte de Yasser Arafat e os dez anos do asasinato do primeiro ministro israelí Yitzhak Rabin, entre israelís e palestinos obsérvanse cambios políticos simultáneos, unha especie de “final de época”, con todas as incertezas do caso. Sen embargo, dunha e doutra parte, aínda existen personalidades que consideran que o seu tempo político non rematou. As eleccións internas no Partido Laborista israelí amosaron unha sorprendente vitoria do reformista Amir Peretz, sobre o líder histórico deste partido, Shimon Peres, de 82 anos. Sindicalista sefardí nado en Marrocos, Peretz, de 53 anos, representa unha vaga de renovación necesaria non só na esquerda senón na política israelí: unha nova xeración, de orixe inmigrante, que pide a gritos acceder aos espazos políticos, tradicionalmente controlados pola comunidade ashkenazi centroeuropea. E que demanda atención social e unha oportunidade global para a pacificación. Esta situación interna provoca outro escenario, no que tanto Sharon como Peres (ambos socios no actual goberno de coalición), estudan a posibilidade de fundar un novo partido, ao que pensan ubicar no centrismo político. Se Sharon non gaña nas eleccións internas no Likud (as enquisas sinalan que, pese a todo, segue a ser o principal favorito), as eleccións do 2006 presentará un mosaico complexo, con Netanyahu, Peretz e a fórmula Sharon-Peres coma principais protagonistas. ¿Cómo se observa esta situación no lado palestino? A retirada militar israelí de Gaza, completada a mediados de setembro, deixou a Sharon nunha situación vantaxosa no escenario internacional, á espera de coñecer cómo o presidente palestino Mahmoud Abbas, poderá manexar a nova situación. A recente xira da secretaria de Estado estadounidense, Condoleeza Rice, permitiu a apertura do paso fronteirizo de Rafah, entre Exipto e Gaza, o cal constitúe a primeira saída internacional para a Autoridade Palestina, nun intento por renovar o proceso de pacificación. Pero Abbas está mais interesado nos próximos comicios lexislativos, pautados para decembro, os cales xa foran suspendidos en xullo, no momento do comezo da retirada en Gaza. O partido Al Fatah espera manter a súa hexemonía que permita atenazar o presumible avance do movemento islamita Hamas, sumamente popular en Gaza e Cisxordania. O sucesor de Arafat intenta manter un necesario equilibrio entre as distintas faccións de Al Fatah, especialmente ante o avance das novas xeracións de líderes, implicados nas “Intifadas” de 1987 e 2000, cunha visión política distinta. Pero aínda non logra convencer a unha poboación que amosa fortes sinais de frustración, nun complicado puzzle onde a súa posición se antolla coma dunha breve transición. Abbas e a “vella garda” palestina intentan aplacar e convencer a Hamas e Yihad Islámica de abandonar a loita armada e o terrorismo. Tarefa delicada, porque a Yihad Islámica non está disposta a cesar os seus ataques contra Israel ata que o goberno de Sharon non remate a súa política de “asasinatos selectivos”, vértice fundamental da política de seguridade israelí. ¿Chegou a hora dos relevos nas políticas israelí e palestina? Mentres Amir Peretz simboliza unha urxente necesidade de cambio na sociedade israelí, os palestinos aínda intentan dixerir a transición post-Arafat. Nesta conxuntura, Sharon, Peres, Abbas e as “vellas gardas” nos dous lados, non semellan convencidos de que a súa hora se está esgotando. A renovación é limitada e incerta mentres a paz camiña cun fráxil equilibrio. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 21/11/2005 |