Volver a TitularesVolver a Presenza/Estados UnidosPresencia-Opinión / Estados Unidos
“Plamegate”
Por Roberto Mansilla Blanco (Vieiros, 07/11/2005)
 
 

  Lewis Libby e Karl Rove, clic para aumentar
O “Plamegate” alcanza a personalidades tan ligadas ao pensamento e as decisións presidenciais como o vicepresidente Dick Cheney, considerado tamén o seu “mentor” político; Lewis “Scooter” Libby e Karl Rove, ideólogos neoconservadores e firmes defensores da política unilateral da actual administración na Casa Branca. Unha firme defensa presidencial cara eles ou un definitivo ostracismo oficial, afectaría enormemente á posición política de Bush e dos seus partidarios na Cámara de Representantes, o Senado e a Casa Branca.
 
Sobrevivirá a presidencia de Bush ao escándalo “Plamegate”? Xusto cando o presidente estadounidense cumpre o seu primeiro ano de reelección e o quinto no seu mandato presidencial, a Casa Branca atópase ante un escenario cheo de nubarróns e ante a súa crise máis delicada. A confusa trama en torno ao “Plamegate”, que involucra ao círculo político máis próximo de Bush, xunto a diplomáticos, xornalistas, axentes da CIA, etc, só pode significar o colofón dun goberno falto de credibilidade, acosado polos seus escuros manexos políticos e a súa falta de respecto á legalidade.

Para Bush, a reelección en 2004 debía significar dúas cousas: en primeiro lugar, o momento para limar asperezas con diversos sectores da sociedade estadounidense contrarios á súa política en Iraq. En segundo lugar, un escenario distinto nas relacións internacionais, baseadas nunha maior marxe para o multilateralismo. Pouco ou nada de isto ocorre actualmente. Un ano despois desa reelección, Bush e o seu goberno amosan unha serie de reveses políticos e sociais que colocan a súa presidencia no ollo dun furacán.

Dende os cálculos políticos de Bush, o escenario tórnase incerto. O “Plamegate” alcanza a personalidades tan ligadas ao pensamento e as decisións presidenciais como o vicepresidente Dick Cheney, considerado tamén o seu “mentor” político; Lewis “Scooter” Libby e Karl Rove, ideólogos neoconservadores e firmes defensores da política unilateral da actual administración na Casa Branca. Unha firme defensa presidencial cara eles ou un definitivo ostracismo oficial, afectaría enormemente á posición política de Bush e dos seus partidarios na Cámara de Representantes, o Senado e a Casa Branca.

Para o partido Republicano, a crise tenderá a afectar os seus cálculos electorais. En novembro de 2006 levaranse a cabo os comicios lexislativos, proba decisiva para as eleccións presidenciais de 2008. Bush non poderá postularse e unha posible perda da maioría parlamentaria complicaría as aspiracións dos presumibles candidatos republicanos. A reelección sería tamén un período importante para Bush á hora de elixir o seu presumible “sucesor”. Se, como se comenta nos medios informativos estadounidenses, pensara na secretaria de Estado, Condoleeza Rice, como candidata republicana, o “Plamegate” tamén salpicaría as súas aspiracións electorais.

Resulta evidente que o desgaste causado na administración Bush pola ilegalidade e ilexitimidade da guerra en Iraq no 2003, marcará os pasos futuros na presidencia da Casa Branca. Cunha frecuente sangría de atentados terroristas e vítimas civís, uns 2.000 soldados estadounidenses dentro dun país con claros síntomas de pre-guerra civil, o abrumador triunfo do referendo constitucional e a apertura do xuízo a Saddam constitúen vitorias pírricas para Bush. Asemade, revelar e corroborar que a percepción de Bush sobre a ameaza do réxime de Saddam baseábase en escandalosos manexos e falsos preceptos, non contribúe a pacificar nin Iraq nin Oriente Medio. Como tampouco o son as estratexias implementadas na guerra contra o terrorismo. Guantánamo, Abu Ghraib e a recente revelación de centros de tortura da CIA en Romanía e Polonia, son realidades demasiado contundentes e situacións demasiado graves.

O escenario mais presumible a curto prazo presentará unha implacable acción xudicial do fiscal Patrick J. Fitzgerald contra os implicados directos no “Plamegate” e unha forte presión política por parte do partido Demócrata, para rendabilizar politicamente a baixa popularidade e a aparente debilidade da presidencia de Bush. Mentres, a política exterior estadounidense buscará implicar á Unión Europea e a ONU na solución de problemas internacionais como Siria e Irán, coa finalidade de atenazar a presumible soidade de Bush no escenario internacional.

Todos estes factores están aumentando a impopularidade de Bush na sociedade estadounidense e a percepción, aínda que escandalosamente tardía, de que invadir Iraq foi un erro histórico. Aínda que as crises de Nova Orleáns, Iraq e o “Plamegate” terán un alto custe político e histórico para a actual presidencia, semella aínda pouco probable que Bush siga o mesmo camiño que Richard Nixon co Watergate en 1974. Posiblemente, o seu caso sexa mais parecido ao de Bill Clinton co escándalo Lewinsky en 1996.

Para Bush, o segundo período semella mais complicado e incómodo que o primeiro. En ámbolos dous períodos, a crise de Iraq expande na súa presidencia un grave (e histórico) efecto pernicioso. E aínda restan tres anos para rematar o seu segundo mandato.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Estados Unidos



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/11/2005
Fernando Pol


Subir