Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente MedioPresenza-Opinión / Oriente Medio
O fracaso do Gran Oriente Medio
Por Roberto Mansilla Blanco (Xornal, 18/12/2005)
 
 

  Mahmud Ahmadíneyad, clic para aumentar
As provocativas declaracións do presidente iraniano, Mahmud Ahmadíneyad, negando o Holocausto xudeu, pedindo a eliminación física do Estado de Israel ou, ao menos, a súa relocalización no centro de Europa, e afondando o seu apoio á causa palestina, non só revelan unha focalizada loita polo poder en Teherán entre a clase teocrática dos aiatolláhs e as novas forzas de poder nacionalistas dirixidas polo presidente, senón unha intención de atopar apoios rexionais para conter a presión occidental ante o programa nuclear iraniano.
 
Sen afastarnos do convulsionada Iraq, observamos un cada vez maior clima de violencia e conflitividade en Oriente Medio. Os escenarios formulados na actualidade deixan nun ínfimo nivel de aplicabilidade o plan de George W. Bush denominado “Gran Oriente Medio”, instrumentado a mediados de 2003.

Neste escenario de enfrontamentos e cambios turbulentos, denótase un ascendente nivel de rivalidade entre Irán e Israel. As provocativas declaracións do presidente iraniano, Mahmud Ahmadíneyad, negando o Holocausto xudeu, pedindo a eliminación física do Estado de Israel ou, ao menos, a súa relocalización no centro de Europa, e afondando o seu apoio á causa palestina, non só revelan unha focalizada loita polo poder en Teherán entre a clase teocrática dos aiatolláhs e as novas forzas de poder nacionalistas dirixidas polo presidente, senón unha intención de atopar apoios rexionais para conter a presión occidental ante o programa nuclear iraniano.

A virulenta retórica de Ahmadíneyad entra así a formar parte da campaña electoral israelí, cunhas eleccións xerais que están previstas para marzo de 2006. Os reacomodos políticos en torno ao novo partido fundado polo primeiro ministro Ariel Sharon, o Kadima, outórganlle iniciais vantaxes electorais cara os outros candidatos, Binyamín Netanyahu do Likud e Amir Peretz do laborismo. O partido de Sharon atrae a membros do seu gabinete como Simón Peres e o ministro de Defensa, Saúl Mofaz, semellando contar cun sólido apoio social.

Para Israel, e para Sharon, a caída do réxime de Saddam en Iraq coloca a un Irán, eventualmente reforzado con armamento nuclear, coma o principal rival israelí na zoa. Se a isto se engade o frontal apoio de Ahmadíneyad á causa palestina, a política israelí pode derivar nun maior reforzamento da doutrina de seguridade militar, a fin de conter a presumible influencia iraniana en Palestina, Iraq, Siria e o Líbano. Neste sentido, unha fonte do ministerio de Exteriores xa adiantou que Israel podería atacar plantas nucleares iranianas (nunha repetición do ataque á planta iraquí de Osirek en 1981), como unha mostra da súa “frustración” polo “fracaso da diplomacia” da Unión Europea e a OIEA, cara o réxime de Teherán.

Por outra banda, é necesario analizar este escenario rexional dentro do contexto político palestino. Unha frontal escisión dentro do partido Al Fatah, gobernante na Autoridade Nacional palestina, coloca ao presidente Mahmud Abbas na corda frouxa. A escisión do grupo liderado polo nacionalista Marwan Barghouti (preso en Israel) provoca en Palestina un efecto similar á escisión de Sharon do partido Likud en Israel. Este “efecto Barghouti” xa asestou o seu primeiro golpe ao goberno de Abbas, coa dimisión do primeiro ministro Ahmed Qurei.

Isto revela que, como Ahmadíneyad en Teherán, Barghouti provoca un terremoto político porque simboliza o relevo xeracional dentro da política palestina, enfrontada contra a “vella garda” de Abbas e Al Fatah. Neste sentido, a escisión en Al Fatah logrou sumar á súa opción a líderes históricos como Yasir Abed Rabbo e Hanan Ashrawi, previamente ás próximas eleccións lexislativas de xaneiro de 2006. Todo isto sen contar co ascenso social e político das opcións islamitas de Hamas e Yihad Islámica, e a súa política de non recoñecemento do Estado israelí, proclive cos postulados de Ahmadíneyad.

Se o escenario israelí, iraniano e palestino non semellara suficiente para provocar o caos en Oriente Medio, o asasinato do deputado libanés Gibran Tueni, coloca novamente ao goberno sirio e o seu aliado libanés no centro do furacán. Coa morte de Tueni, a oposición antisiria no Líbano perdeu a outro dos seus principais baluartes, xunto ao ex primeiro ministro Rafik Hariri en febreiro, cuxo asasinato foi responsabilizado, por parte dunha comisión da ONU, aos servizos secretos sirios e libaneses.

O asasinato de Tueni reforza aínda mais a presión internacional contra Siria, aliado de Irán e tradicional inimigo de Israel, a cal se expandiría tamén dende Iraq, ante as acusacións estadounidenses de que o réxime sirio de Bashar al Asad apoia, con loxística e refuxio, á insurxencia iraquí. Así que, mais que o plan de Bush, o que semella funcionar nestes momentos é o plan de Sharon para Oriente Medio.

O postulado principal do plan de Bush para o Gran Oriente Medio estipulaba a expansión democrática na rexión. Pero estes avances democráticos non van da man coas estratexias xeopolíticas. As recentes eleccións lexislativas en Exipto botan por terra estas expectativas. O proscrito partido islamita dos Irmáns Musulmáns alcanzou a mellor votación da súa historia, pero a reacción foi unha violenta represión oficial por parte do presidente Hosni Mubarak, unha das pezas claves de Washington en Oriente Medio.

Nunha conxuntura de guerra contra o “yihadismo” internacional, recoñecer a potencialidade dos grupos políticos islamitas como posibles axentes dinamizadores do cambio democrático en Oriente Medio, non semella unha estratexia clara para EEUU e os seus aliados rexionais. A posguerra iraquí e o clima de guerra latente en Oriente Medio tampouco auguran éxitos para o plan de Bush.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2005
Fernando Pol


Subir