Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Foro de Salamanca: ¿o cumio do cambio?
Por Roberto Mansilla (Tempos, novembro/2005)
 
 

  Zapatero, Lagos, Iglesias e Kirchner, clic para aumentar
O presidente anfitrión, José Luís Rodríguez Zapatero, imprimiu oficialmente o carácter institucional do Foro Iberoamericano, coa creación da Secretaría Xeral Iberoamericana, (SEGIB polas súas siglas en castelán), que terá a súa sede en Madrid. A elección por unanimidade dun funcionario de gran prestixio internacional como o uruguaio Enrique Iglesias (ex presidente do Banco Interamericano de Desenvolvemento) no posto de secretario xeral da SEGIB, enmarca esa importancia institucional do Foro. (Na foto, de esquerda a dereita: José Luís Rodríguez Zapatero, Ricardo Lagos, Enrique Iglesias e Néstor Kirchner, no XV Cumio Iberoamericano o 14 de outubro de 2005).
 
A diferenza das anteriores xuntanzas, o Cumio Iberoamericano de Salamanca 2005 pasará á historia como o impulsor da institucionalización do Foro Iberoamericano creado en 1991. Isto reflicte un cambio de percepción importante cara os cumios e encontros internacionais de xefes de Estado e de Goberno, caracterizados pola perpetuidade dunha retórica abstracta, aparentemente pouco eficaz para acometer os desafíos e problemas das sociedades iberoamericanas no século XXI.

Esta sensación de ineficacia lastraba a posibilidade de achegarse a acordos importantes neste cumio. Apenas chegado a Salamanca, o presidente colombiano Álvaro Uribe Vélez criticou a dinámica dos foros e xuntanzas dos líderes mundiais, cualificándoos como meros exercicios de “turismo presidencial”. En anteriores cumios e foros internacionais, o presidente venezolano Hugo Chávez cuestionou a necesidade dos mesmos, cunha frase que xa quedou para a posteridade: “os gobernos imos de cumio en cumio e os pobos, de abismo en abismo”.

Nun escenario internacional aínda non definido en canto a súa configuración, onde EEUU manifesta unha evidente hexemonía unilateral dentro dun mundo con variables cada vez máis multilaterais, o XV Foro Iberoamericano de Salamanca intentou descifrar estes cuestionamentos sobre a súa dinámica, coa finalidade de impulsar unha iniciativa que una a 22 países, 19 deles latinoamericanos, xunto a España, Portugal e Andorra.

O presidente anfitrión, José Luís Rodríguez Zapatero, imprimiu oficialmente o carácter institucional do Foro Iberoamericano, coa creación da Secretaría Xeral Iberoamericana, (SEGIB polas súas siglas en castelán), que terá a súa sede en Madrid. A elección por unanimidade dun funcionario de gran prestixio internacional como o uruguaio Enrique Iglesias (ex presidente do Banco Interamericano de Desenvolvemento durante 15 anos) no posto de secretario xeral da SEGIB, enmarca esa importancia institucional do Foro.

Do mesmo xeito, e como expresara o ministro de Asuntos Exteriores español, Miguel Ángel Moratinos, o obxectivo consiste en potenciar unha “comunidade iberoamericana” con voz e presenza nun escenario internacional de carácter multilateral, solicitando incluso un posto de “observador permanente” nas Nacións Unidas. A presenza en Salamanca do secretario xeral da ONU, Kofi Annan, foi concibida nesa perspectiva.

Outros aspectos importantes da Declaración de Salamanca atópanse no énfase posto na necesidade de investimentos nas áreas de ciencia, cultura e información, co compromiso asinado na Carta Cultural Iberoamericana e de impulso ao Espazo Iberoamericano de Coñecemento. Ademais, o alivio da débeda externa latinoamericana constitúe tamén un factor para potenciar o desenvolvemento e a cohesión social. Os aspectos sociais tiveron a súa preponderancia cos encontros empresariais, cívicos e o seguimento dun fondo humanitario.


Cuba, o eterno problema

Como ven sendo habitual dende o Cumio Iberoamericano de 2000, a ausencia mais significativa foi a do presidente cubano Fidel Castro, precisamente nunha ocasión onde a problemática de Cuba, unha vez mais, foi un tema central, motivo de intensos debates.

O prolongado dilema sobre a necesidade de cualificar a política estadounidense cara a illa caribeña como un “bloqueo” ou un “embargo” provocou roces entre Madrid e Washington e unha nota de preocupación da embaixada estadounidense en España. No ámbito latinoamericano, esta problemática traduciuse na configuración dos novos eixes xeopolíticos, especialmente entre Cuba e Venezuela, e a súa revitalización política fronte á hexemonía estadounidense.

Para superar a polémica diplomática, a Declaración de Salamanca estipulou un rexeite dos xefes de Estado e de goberno “ao bloqueo económico, comercial e financeiro” que Washington mantén con Cuba, evitando insistir no carácter político e militar da figura do “bloqueo” e instando ao goberno estadounidense a poñer fin a esa práctica. Este aspecto evidenciou unha voz innovadora por parte dos países latinoamericanos cara a súa relación con EEUU, cun marcado desacordo coa inxerencia norteamericana. Non obstante, en Washington declararon a súa “satisfacción” pola matización introducida na redacción final da Declaración.

Outro aspecto importante tivo que ver coa petición dos gobernos de Cuba e Venezuela, en canto á extradición do anticastrista Luis Posada Carriles, (preso en EEUU por entrada ilegal) acusado de cometer actos de terrorismo contra un avión cubano en 1976, con destino Caracas-La Habana, con saldo de 73 mortos. A Declaración de Salamanca tamén pediu a extradición de Posada Carriles, a Cuba ou Venezuela, o cal foi interpretado por ambos países como un “triunfo importante”, debido a que o “caso Posada Carriles” constitúe unha evidente incongruencia da política antiterrorista do presidente George W. Bush.

Fóra do cumio, arredor do palacio de xuntanzas en Salamanca, realizáronse manifestacións dos grupos solidarios coas revolucións cubana e venezolana e outros de agrupacións anticastristas que demandaban cambios democráticos na illa caribeña. O debate sobre Cuba tamén estaba nas rúas.


A loita antiterrorista

Pero tamén houbo outros aspectos que xeraron fortes discusións en canto á cualificación do terrorismo e dos conflitos armados. Para evitar roces con Washington, a Declaración de Salamanca estipulaba un acordo unánime na loita contra o terrorismo internacional, feito que foi aproveitado por algúns mandatarios para rendabilizar ganancias políticas.

O máis beneficiado foi o presidente colombiano Uribe Vélez, quen amosou a súa satisfacción porque a Declaración de Salamanca cualificou como “grupos terroristas” ás guerrillas das FARC e do ELN, en contra da posición cubano-venezolana que esperaba unha identificación dos mesmos como “grupos irregulares”. Aquí se manifestou a activación diplomática dos eixes políticos rexionais, coa mais que evidente manifestación dunha sutil confrontación entre as perspectivas do eixe Colombia-EEUU e de Cuba-Venezuela.

Do mesmo xeito, o texto final amosou o apoio común no proceso de pacificación e desarme dos paramilitares impulsado por Uribe, que xa tivera a súa aceptación por parte da Unión Europea e do Vaticano. O presidente colombiano, quen criticara ao principio a inefectividade destes cumios, practicamente alcanzou os obxectivos que se propuxo cando chegou a Salamanca.


Unha voz na diversidade

A Declaración de Salamanca tamén incluíu o seu compromiso de fortalecer a consolidación democrática en América Latina, así como apoiar a reforma dentro da ONU, a consecución dos Obxectivos do Milenio, o carácter multilateral do mundo do século XXI, e a consecución dun marco de regularización dos fluxos migratorios e a cooperación transatlántica neste sentido, tarefa a cargo da nacente Secretaría Xeral Iberoamericana. En canto aos obxectivos principais do goberno de Zapatero, o Cumio de Salamanca permitiu potenciar a súa tese da Alianza de Civilizacións e da cooperación entre España e América Latina.

Os foros iberoamericanos seguen a establecer os parámetros propios dos imperativos estatais, deixando á marxe a extensa variedade étnica, cultural e lingüística das poboacións indíxenas e aborixes en América Latina, así como a diversidade existente na propia Península Ibérica. Este debate non menos importante, aínda non fora abordado polos líderes presentes, xa que a perpetuación dun discurso oficial sobre unha identidade cultural e lingüística común, enmarcada na herdanza castelán e portuguesa, oculta a ampla diversidade interna de Iberoamérica.

Neste sentido, as referencias no texto final resaltaban a decisión de Brasil de incluír a ensinanza do castelán como materia obrigatoria na educación secundaria e o compromiso de expandir a lingua portuguesa nos países de fala castelán.

Para Galicia, o Foro Iberoamericano pode constituír unha importante baza para fortalecer a súa presenza e acción exterior entre as comunidades de emigración galega en América Latina e as súas sociedades, así como a súa íntima relación coa veciña Portugal. Nesta perspectiva deben observarse as posteriores visitas dos presidentes venezolano Hugo Chávez e o costarricense Abel Pacheco a Galicia, un día despois do Cumio de Salamanca.

Do mesmo xeito, a convocatoria do próximo Cumio Iberoamericano do 2006 en Uruguai, vai acoller un mapa político diferente en América Latina e Portugal, ante as consecutivas eleccións presidenciais e lexislativas desde novembro de 2005 e decembro de 2006 en Arxentina, Portugal, Bolivia, Chile, Colombia, México, Nicaragua, Costa Rica, Brasil e Venezuela. Os presumibles cambios de líderes e de perspectivas poden influír nos debates e decisións a adoptarse no próximo cumio.

O Cumio de Salamanca foi unha expresión das mudanzas que se están a operar no escenario internacional, e do cambio de perspectiva política que se está a producir nas relacións entre América Latina e os EEUU.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/10/2005
Fernando Pol