| Presenza-Opinión |
||
| De Bagdad a Kabul Por Roberto Mansilla Blanco (Vieiros, 22/09/2005) |
||
|
Isto imposibilita un modelo de democracia viable que contribúa á necesaria transición política. Afganistán carece dun tecido social estruturado para iniciar as reformas democráticas. A insurxencia talibán é aínda visible e semella recentemente fortalecida, do mesmo xeito que o poder político e militar dos “señores da guerra” é unha realidade inevitable. O novo Afganistán amosa unha consolidación dos grupos étnico-tribais (pastúns, uzbecos, tadxikos) e armados, como en Iraq dominan os xiítas, kurdos e sunnitas. Non é o escenario desexado polo goberno de George W. Bush, apresurado por constituír gobernos pseudo-democráticos en países desgarrados por recentes guerras, con transicións inacabadas. O presidente proestadounidense, Hamid Karzai, os seus tecnócratas e as tropas estadounidenses e europeas que contribúen a mantelo no poder, ten que facer malabarismos para solventar o delicado escenario do Afganistán post-talibán. É cada vez máis patente que a súa autoridade non se prolonga alén da capital, Kabul. Noutras rexións como o Herat, Kandahar ou Mazar-i-Sharif, campea a lei dos xefes militares e tribais. Se ben as eleccións lexislativas foron lexítimas e necesarias porque constituíron o primeiro exercicio democrático en 40 anos, a súa evolución non aporta solucións ao fragmentado panorama interno. Máis ben augura o afondamento das tensións e rivalidades internas. Uns 5.800 candidatos entraron en xogo para acadar 270 postos na Loya Jirga ou Asemblea Nacional. Entre eles, importantes membros do réxime talibán como o ex ministro Wakil Ahmed Muttawakil e familiares dos principais “señores da guerra”, como Ismail Khan, Rachid Dostum e Abdul Rasuf Sayyaf. Estes saen agora reforzados politicamente, grazas ao voto popular. Que o presidente Karzai permitira a inclusión nas listas electorais de remanentes “moderados” do réxime talibán e dos principais “señores da guerra” revela o crecente poder destes líderes tribais. Neste sentido, dase a entender que o seu concurso é necesario e inevitable para configurar un novo Afganistán. Atrapado por esta realidade, Karzai fracasou no seu esforzo por constituír un movemento, unha identidade e un Estado plenamente nacionais. A pesar de ser o máis visible líder nacional, Karzai ven perdendo apoios incluso dentro da súa propia etnia pastún, a maioritaria no país e da que se nutrira tamén o réxime talibán. Do mesmo xeito, e ante a inexistencia dunha sociedade civil organizada e dun organigrama estatal, Afganistán carece da presenza de partidos políticos, necesarios para o fortalecemento e a viabilidade dun sistema democrático. Sen institucións sólidas e cunha infraestrutura física precaria que non permitirá coñecer os resultados ata o próximo mes, Karzai impulsou iniciativas de listas individuais que amosaron unha gran complexidade para o electorado á hora de votar. En vez de partidos, os afganos votaron por líderes. Outro factor ten que ver co ánimo electoral. Unha mestura de confusión, medo e apatía influíu nos 12 millóns de afganos facultados para votar. Tan só a metade deles concorreu ás urnas, nun país onde as estatísticas son un enigma: sábese, con certa exactitude, que existe un 80% de analfabetismo, dividido nun 48% nos homes e un 78% nas mulleres. Ante esta realidade e a complexidade das papeletas de votación, moitos dos electores non sabían con certeza por quen votaban, confundidos ante unha maraña de nomes, números e símbolos. No que vai de ano, 1.000 persoas perderon a vida en Afganistán entre atentados e combates. Sete persoas morreron durante a celebración dos comicios dominicais, ademais de que algúns candidatos xa foran asasinados con anterioridade e outros estiveran ameazados. O clima de medo e inestabilidade é aínda unha dura realidade. A pesar de que o país recibiu $10 mil millóns anuais desde o 2001 para a reconstrución e o mantemento das forzas estranxeiras, nin Karzai nin as tropas da ISOF amparadas pola ONU e a OTAN, teñen éxito na consecución dunha saudable transición en Afganistán. |
||
|
||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/09/2005 |