Presenza-OpiniónVolver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Chávez, EEUU e a DEA
Por Roberto Mansilla (Xornal, 26/08/2005)
 
 

  Amapolas, clic para aumentar
Resulta obvio que Bolivia entra nas estratexias xeopolíticas de Washington e Caracas. O país constitúe un vértice enerxético importante e un activo productor de heroína. Alí chocan os intereses políticos de Chávez e da DEA e as multinacionais petroleiras estadounidenses. Tamén está o convulsionado Ecuador, onde nove movementos sociais bolivarianos acaban de anunciar a súa participación nas próximas eleccións presidenciais. Chávez ven ofrecendo apoio financeiro e petroleiro ao goberno transitorio ecuatoriano nun momento en que Quito negocia bilateralmente con Washington a implantación do ALCA e un plan antidrogas, extensivo do Plan Colombia. (Foto: A heroína prepárase a partir da morfina, substancia que se atopa naturalmente na landra de certas variedades de papoulas ou adormideras, desde onde se extrae).
 
O cada vez máis elevado nivel de enfrontamento retórico e diplomático entre representantes do goberno de George W. Bush e o presidente venezolano Hugo Chávez, augura un escenario conflitivo nos próximos meses. A conflitividade céntrase nos aspectos da loita antidrogas e o abastecemento petroleiro, pero ten as súas implicacións no panorama xeopolítico andino e suramericano.

Este nivel de conflitividade elevouse a un ton tan perigoso e incluso ridículo, que o influínte pastor evanxélico estadounidense, Pat Robertson, pediu ao seu goberno que “asasinase” ao presidente venezolano, catalogando o asunto como unha “necesidade de Estado”, ante a presunta ameaza que constitúe Chávez para os intereses estadounidenses. Robertson considera que Chávez alíñase co “castro-comunismo e o terrorismo islámico”.

Restando importancia a estas declaracións, Chávez anunciou a súa oferta de petróleo barato a EEUU e a implantación da “Misión Milagre” de recuperación da vista, ampliada a nivel hemisférico cara as comunidades máis necesitadas. Venezuela ven de reforzar a súa alianza con Cuba, trala aprobación da promoción “Fidel Castro” de militares venezolanos na Habana e a graduación de 1.610 mozos da Escola de Medicina das Américas.

Sen embargo, o cruce de declaracións provoca un pernicioso efecto acción-reacción. En Washington, a “liña dura” do goberno Bush comeza a seguir con maior atención a evolución internacional de Chávez. Acusan ao presidente venezolano de ser un “factor de inestabilidade” na rexión. Aducen que é parte da alianza estratéxica entre Venezuela e Cuba en contra dos intereses estadounidenses.


A DEA: ¿cooperación ou conspiración?

Pola súa banda, en Caracas, a recente decisión do goberno de Chávez de suspender as operacións antidrogas da DEA, acusándoa de ter probas de conspiración interna contra o seu goberno, foi completada cunha nova ameaza de rematar co abastecemento de petróleo venezolano ao mercado estadounidense, o seu tradicional socio.

O goberno estadounidense respondeu suspendendo os visados de entrada a tres altos oficiais venezolanos. Tamén concibe a posibilidade de desautorizar a Venezuela na loita antidrogas, no próximo informe que a DEA presentará ante o Congreso estadounidense, previsto para o 15 de setembro. En Washington consideran que altos oficiais do goberno de Chávez están implicados no tráfico de estupefacientes.

Ao mesmo tempo, Chávez acelera a formación de unidades de milicianos populares, imbricados coas Forzas Armadas, para a “defensa da revolución ante o ataque imperialista estadounidense”. Neste sentido, o goberno bolivariano ven de celebrar un Congreso Mundial da Mocidade e un Tribunal Antiimperialista, dúas plataformas mediáticas concibidas para a internacionalización da revolución bolivariana. Nestes actos, Chávez cualificou ao presidente Bush de “asasino imperialista”.

O paso dado por Chávez foi completado polo seu vicepresidente, José Vicente Rangel, quen declarou que, de seguir o nivel de inxerencia e ataques verbais de Washington contra o goberno bolivariano, Venezuela estuda suspender os visados de residencia dos cidadáns estadounidenses.

Desautorizar a Venezuela pode representar un dilema e un risco político para Washington. Segundo fontes estadounidenses, a cooperación antidrogas de Venezuela foi das máis importantes e efectivas no período 2002-2004. Do mesmo xeito, aínda está por verse a veracidade das acusacións de contactos co narcotráfico de altos oficiais venezolanos. Pero a negativa de Chávez de cooperar coa DEA tamén revela os seus riscos. Neste sentido, os exemplos do xeneral panameño Manuel Antonio Noriega e do ex presidente colombiano Ernesto Samper son moi próximos e reveladores.


Dous escenarios: Bolivia e Ecuador

A curto prazo, Bolivia e Ecuador poden ser o epicentro que afonde este enfrontamento. A razón débese ás acusacións feitas dende Washington contra Chávez sobre presunta inxerencia nos asuntos bolivianos, a través do apoio ao líder indixenista Evo Morales, e ecuatorianos, tamén con movementos indixenistas, bolivarianos e con ofertas financeiras e petroleiras.

A perigosa mestura da problemática antidrogas e petroleira ven influenciada por dúas estratexias enfrontadas. A perspectiva estadounidense cara Venezuela está mudando dun xeito acelerado e xa non transcorre polos canais diplomáticos senón que se integra nunha visión político-militar do problema venezolano. Soamente así pódese entender a visita do secretario de Estado, Donald Rumsfeld, a Paraguai. Rumsfeld persuadiu ao presidente Nicanor Duarte da necesidade de “conter a ameaza chavista e fidelista en Bolivia”.

En Washington alegan, aínda que sen probas, que existe unha conexión entre o líder indixenista Evo Morales e o eixe Chávez-Fidel Castro. Neste sentido, só existen probas simbólicas, aínda que non menos importantes: declaracións de apoio de Chávez a Evo e ataques directos do presidente venezolano á oligarquía boliviana e as multinacionais estadounidenses.

Resulta obvio que Bolivia entra nas estratexias xeopolíticas de Washington e Caracas. O país constitúe un vértice enerxético importante e un activo productor de heroína. Alí chocan os intereses políticos de Chávez e da DEA e as multinacionais petroleiras estadounidenses. Tamén está o convulsionado Ecuador, onde nove movementos sociais bolivarianos acaban de anunciar a súa participación nas próximas eleccións presidenciais. Chávez ven ofrecendo apoio financeiro e petroleiro ao goberno transitorio ecuatoriano nun momento en que Quito negocia bilateralmente con Washington a implantación do ALCA e un plan antidrogas, extensivo do Plan Colombia.

Sen embargo, a estratexia de Rumsfeld de illar e conter a Chávez pode virse abaixo ante a particular situación dos gobernos paraguaio, peruano e ecuatoriano. Paraguai non actuaría dun xeito unilateral a favor de Washington porque depende tamén das decisións dos seus socios en MERCOSUR. Os gobernos brasileiro, arxentino e uruguaio posúen maiores canais de entendemento co goberno de Chávez que co de Bush.

Nos casos peruano e ecuatoriano, a debilidade política e institucional, o dilema de pregarse aos intereses de Washington (ALCA e Plan Colombia) dentro do cambiante mapa de integración suramericano, e o avance de alternativas indixenistas máis afectas á revolución bolivariana, pode afectar á estratexia de Rumsfeld.

Do mesmo xeito, o goberno Bush espera introducir na OEA prerrogativas máis duras cara os países que alteren ou deterioren o funcionamento democrático. Se ben isto apunta directamente a Chávez, xa os gobernos de México e Brasil rexeitaron a proposta estadounidense na OEA.

Expulsión da DEA e paralización da cooperación antidrogas, ameaza de suspensión do abastecemento petroleiro, expansión da revolución bolivariana, presunto apoio a movementos insurxentes, eixe estratéxico con Cuba, ALBA vs ALCA. ¿Significa todo isto que Venezuela é o escenario máis preocupante para Washington en América Latina? Coa suspensión da cooperación antidrogas, ¿pódese estar propiciando en Washington un escenario en Venezuela similar ao de Panamá con Noriega en 1989?

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/08/2005
Fernando Pol