Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Cantas Bolivias?
Por Roberto Mansilla (Xornal, 11/06/2005)
 
 

  Evo Morales, clic para aumentar
O Movemento ao Socialismo de Evo Morales ten a principal iniciativa política para comandar unha rebelión popular á que se suma o Movemento Pachakutik de Felipe Quispe, máis radical nos seus procedementos para acceder ao poder. Quispe está no punto de mira da casta militar ante os seus chamamentos á rebelión e a súa ameaza de desatar unha guerra civil.
 
O escenario máis previsíbel para aparcar momentaneamente a interminábel crise boliviana será a celebración de eleccións xerais no curto prazo. Tamén resulta imperativo conxelar os plans de privatización das industrias gasífera e de auga natural e, con maior seguridade, convocar a unha Asemblea Constituínte. Así o manifestou o novo presidente interino, Eduardo Rodríguez, tralo acordo pactado co presidente do Congreso e o Senado, Hormando Vaca Díaz. Pero as crises bolivianas nos levan a varias dinámicas e vertentes, con acontecementos aínda imprevisíbeis.

A renuncia do ex presidente Carlos Mesa puxo sobre o tapete a fraxilidade institucional do país, a carencia de líderes populares na tradicional clase política boliviana e a definitiva ascensión de movementos sociais populares, encabezados principalmente pola maioritaria poboación indíxena. No sentido étnico e territorial, estamos a falar de dúas Bolivias. A do altiplano, emprazada no occidente do país, coa capital La Paz como epicentro, deprimida economicamente pero con amplos recursos acuíferos e controlada polas elites europeizadas. E a Bolivia oriental, fronteiriza con Brasil, capitalizada polas rexións de Santa Cruz e Tarija, ricas en gas natural e petróleo e onde as oligarquías locais puxan pola secesión territorial.

Nestas dúas Bolivias convive o 60% da poboación das etnias indíxenas aymara, quechua e guaraní, que viven principalmente do cultivo da coca. O Movemento ao Socialismo de Evo Morales ten a principal iniciativa política para comandar unha rebelión popular á que se suma o Movemento Pachakutik de Felipe Quispe, máis radical nos seus procedementos para acceder ao poder. Quispe está no punto de mira da casta militar ante os seus chamamentos á rebelión e a súa ameaza de desatar unha guerra civil.

Neste escenario, o 63% da poboación vive baixo o limiar da pobreza. Son varias Bolivias dentro de múltiples dinámicas de crise. Por iso, o ex presidente Mesa advertía do perigo dunha “guerra civil”. Un 78% dos bolivianos preguntados polo Instituto de Estudos Sociais consideraron que a mellor fórmula para evitar a guerra civil é que o pobo poida decidir co seu voto nas urnas.

Hai máis actores desta crise. A Igrexa católica intenta mediar no conflito, pero o Exército, quizais a institución máis respectada pola poboación, xurde como o árbitro dunha convulsión con consecuencias aínda incertas. A rebelión de dous oficiais hai dúas semanas foi mediatizada polo alto mando militar, nun intento por garantir a continuidade democrática. E que a recente historia de Bolivia é rica en golpes de Estado e alzamentos militares.

Os líderes políticos tradicionais non atopan o camiño para frear a popularidade dun Evo Morales que ve chegada a súa hora. Acusado de recibir apoio e financiamento dende a Venezuela de Chávez, Morales é o único líder capaz de controlar a rebelión popular e garantir o camiño das eleccións presidenciais, nas que parte como favorito. Con Evo no poder, sería a primeira vez que un representante dos indíxenas ocupe o palacio presidencial, neste caso pola vía democrática. É tamén significativo que sexan as masas indíxenas as que leven a cabo asembleas populares para discutir e presionar nas súas demandas, nun exemplo de desenvolvemento endóxeno de democracia social.

A intelixente retirada de Vaca Díaz, un dos políticos máis impopulares, na carreira da sucesión transitoria de Mesa, revela o descrédito dos partidos políticos tradicionais e da elite política. Pero a batalla no Congreso pola polémica Lei de Hidrocarburos será outro reto. Moitos partidos están vencellados aos intereses das petroleiras multinacionais (Petrobras e Repsol YPF á cabeza), que buscan privatizar a empresa gasífera nacional, o móbil da rebelión popular. Xa aprobaran esa lei hai un mes, incluso coa oposición do ex presidente Mesa. Pero hoxe o panorama é confuso e manter esa legalidade provocará unha nova explosión social.

Son moitas as Bolivias que hoxe puxan polo poder. E moitas as crises que afectan a Bolivia e á rexión andina.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2005
Fernando Pol