| Presenza-Opinión / África |
||
| Alxeria: as contas co pasado Por Roberto Mansilla Blanco (Xornal, 03/10/2005) |
||
|
Tanto para o goberno como para as Forzas Armadas, a importancia do referendo estimábase na necesidade de “pasar páxina” e exonerar os crimes. A vitoria lexislativa dos islamistas da Fronte Islámica de Salvación, en 1991, foi interrompida polo “golpe palaciano” dos militares, garantes do laicismo estatal, descoñecendo a vitoria electoral. A militancia do FIS, posteriormente apoiada pola creación do Grupo Islámico Armado, GIA, de orientación salafista, activou a insurxencia e a posterior resposta represiva oficial. Moitos observadores aseguran que Alxeria foi tamén parte da estratexia internacional do “jihadismo” iniciado en Afganistán. Segundo as axencias nacionais e internacionais, o resultado do referendo foi abrumador. Un 97% dos votantes apoiaron o plan gobernamental, que forma parte da Carta para a Paz e a Reconciliación, impulsada por Buteflika en 1999, aínda que esta non fora debatida no Parlamento. A iniciativa promove un mecanismo legal de amnistía para os grupos armados, tanto de parte dos dirixentes islamistas como dos militares, involucrados na chamada “guerra sucia” dos anos noventa. Sen embargo, non se coñecen as cifras do verdadeiro “inimigo” do goberno: a posible alta abstención. Observadores internacionais informaron da pouca afluencia de votantes, aínda que unha fonte da BBC estimaba en 79% a participación electoral. O máis probable é que o goberno manipule as cifras para revestir de lexitimidade a súa iniciativa. Polo tanto, ¿a quen beneficia, en realidade, este referendo? Obviamente, a Buteflika, un presidente que espera pasar á historia do atribulado país norteafricano como un “pacificador”, revestindo dun carácter legal a etapa de “reconciliación nacional”. Dende a súa chegada á presidencia, Buteflika esforzouse en activar os mecanismos legais necesarios para “despenalizar” aos verdadeiros responsables das masacres. En 1999, exonerou a 6.000 combatentes islamistas, coa lei de Concordia Civil. As Forzas de Seguridade tamén saen beneficiadas: nesta consulta popular, negábase a autoría de exaccións e violacións cometidas polos corpos de seguridade. As asociacións de vítimas da guerra civil, os verdadeiros derrotados con este referendo, aseguran que esta consulta “é só unha paz para os militares”. O líder da extinta Fronte Islámica de Salvación, FIS, Abasi Madani, declarou dende o seu exilio en Doha que as “feridas aínda están abertas”. Pero no centro do asunto queda, esquecida, a memoria recente. As decenas de milleiros de vítimas mortais e psicolóxicas que deixou un conflito afastado da atención mundial. Na actualidade, Buteflika é un importante aliado de Washington e París na guerra contra o terrorismo internacional. Ninguén se acorda das vítimas. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 05/10/2005 |