| Presenza-Opinión |
||
| Acerbaixán: ¿freo á “revolución
laranxa”? Por Roberto Mansilla Blanco (Xornal, 21/11/2005) |
||
|
Tamén existe confusión nas percepcións exteriores sobre os resultados electorais en Acerbaixán. Os organismos internacionais que fixeron de garantes da transparencia dos comicios, especialmente a OSCE e observadores da UE, criticaron que a evolución do proceso “non correspondeu completamente cos estándares e normas internacionais” sobre procedementos electorais e que os seus reportes “non coincidían” na súa totalidade co boletín oficial gobernamental. Estes reportes argumentaron que existiron “numerosos problemas” na campaña electoral e que as autoridades azerís “cancelaron os resultados en diversos distritos”. Sen embargo, posteriormente recoñeceron que estas eleccións “foron as máis ordenadas e inclusivas na historia independente do país” e amosaron a súa predisposición a recoñecer a lexitimidade do triunfo do partido de Alíyev, o Yeni Azerbaijan. O calvario comezou a fraguarse dentro do Bloque Democrático, unha complexa configuración de partidos opositores encabezados polo movemento Azadlig (Liberdade), o Partido da Fronte Popular, o Partido Liberal, o Partido Democrático, o Musavat e o Yeni Sisayet, YeS. Se ben o Comité Central Electoral aínda non completou o rexistro total do escrutinio, xa adiantou que os partidos da oposición obtiveran só 11 escanos parlamentarios, cando os líderes opositores reclamaron gañar 75 escanos. Isto provocou unha sucesión de manifestacións nas rúas, convocadas pola oposición, durante toda a semana posterior aos comicios. Se calculaba en 20.000 o número de manifestantes diarios, denunciando un suposto fraude electoral e facendo presión ante o Comité Electoral. Estas imaxes semellaban unha reposición dos acontecementos de Tbilisi no 2003 e Kiev no 2004, que motivaron as caídas dos gobernos de Eduard Shevarnadze en Xeorxia e Leonid Kuchma en Ucraína, substituídos por líderes como Mikhail Saakashvilli e Viktor Yushenko. Sen embargo, estas manifestacións non causaron os efectos desexados pola oposición. A clave reside en varios factores. As protestas só se concentraron na capital, Bakú, e non tiveron repercusión no resto do país. A diferencia dos casos xeorxiano e ucraíno, semellaba claro que a oposición non tiña un líder visible e comezaron a explicitarse dilemas entre os seus representantes, entre os máis moderados e os máis radicais. Tampouco contaron coa total axuda exterior, mentres a permisividade das autoridades azeríes (ao contrario do pasado, onde as manifestacións se reprimiran con violencia) minimizaron os obxectivos dos líderes opositores. No espectro xeopolítico, a importancia de Acerbaixán aumenta ante os imperativos estratéxicos e enerxéticos. O país é rico en petróleo e gas natural pola súa proximidade ao mar Caspio, ademais de constituír unha ruta enerxética importante. Occidente espera finalizar o oleoduto Bakú-Tbilisi-Ceyhán para finais de 2005, cortando unha posible influencia rusa e iraniana nesta ruta. Do mesmo xeito, Acerbaixán forma parte da coalición antiterrorista dende Asia Central ata Afganistán, e é considerado por EEUU e Europa, dun xeito simbólico, como un moderado, secular e potencialmente democrático Estado musulmán. Sen embargo, existen intereses occidentais en expandir o efecto da “revolución laranxa” dentro de Acerbaixán. O plan da administración de George W. Bush do “Grande Oriente Medio” sinala á zona do Cáucaso e Asia Central dentro destes cálculos xeopolíticos. O “vaga democratizadora” debía tamén expandirse polo réxime de Alíyev, cuxo pai gobernara o país desde a súa independencia en 1991 ata a súa morte no 2003. EEUU e Europa acusaron a Gueidar Alíyev de instaurar un réxime autocrático e de culto á personalidade. A pesar disto, a familia Alíyev reforzou o seu poder grazas aos contratos coas multinacionais estranxeiras, especialmente Chevron Texaco, Conoco Phillips, British Petroleum, Lukoil, ENI e Total Fina Elf, beneficiadas desde 1996, con amplos acordos de explotación gasífera e petroleira no mar Caspio. Entón, ninguén se acordou da democracia en Acerbaixán, nin da debilidade da súa sociedade civil ante o poder autocrático. Desde a súa chegada ao poder, Alíyev fillo intentou manter a herdanza do seu pai cunha moderada liberalización que permitiu o ascenso dos movementos opositores. Sen embargo, a alta renda petroleira e a popularidade do presidente, amortizaron o avance dos movementos opositores, provistos dunha complexidade e división, sen liderado unificado. Velaí o aparente fracaso da “revolución laranxa” en Bakú. Pero non será a derradeira batalla. No 2006, outro réxime acusado de autoritarismo, a Belarús de Anatoly Lukashenko, celebrará eleccións presidencias, o cal constitúe outra oportunidade para a expansión das “revolucións de cores”. Belarús é un estreito aliado de Rusia, outro xogador clave no espazo eurasiático, aínda que debilitado polos recentes acontecementos. Non se debe esquecer que no antigo espazo ex soviético aínda gobernan réximes autocráticos como os de Nusurltan Nazarbayev en Kazajstán, Separmurad Niyazov en Turkmenistán e Islam Karímov en Uzbekistán, todos eles aliados militares de EEUU e Europa, pero provistos de pésimos índices en materia de dereitos humanos, con sociedades civís febles e pouco organizadas. Coma en Acerbaixán, ¿poderán Washington e Bruxelas conciliar os seus “intereses democratizadores” cos seus intereses estratéxicos? |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 21/11/2005 |