Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
A paixón turca
Por Roberto Mansilla Blanco (A Nosa Terra, 06/10/2005)
 
 

  Abdullah Gül e Jack Straw, clic para aumentar
Os gobernos de Francia e Alemaña intentaban convencer aos demais gobernos e sociedades para aceptar as negociacións con Turquía. Pero o chanceler austríaco, Wolfgang Schüssel, reforzaba a súa posición de “asociación privilexiada” con Turquía, contrario á plena integración na UE. E, nas rúas de Ankara, antes de que Straw e o ministro de Exteriores turco, Abdullah Gül, se deran a man para simbolizar o acordo de medianoite, simpatizantes do partido da ultradereita Movemento Nacionalista manifestaban a súa perigosa frustración cara Bruxelas. (Na foto: Abdullah Gül (esquerda) e Jack Straw).
 
Entre Europa e Turquía existe unha confusa historia de encontros e desencontros e un dilema de difícil resolución. O mellor exemplo observouse na evolución do cumio europeo de Luxemburgo, que debía propiciar os prazos de negociación para unha eventual e futura admisión turca na UE.

A última hora, unha chamada de Condoleeza Rice desde Washington ao primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, e os malabarismos do ministro británico de Exteriores, Jack Straw, desbloquearon un cumio camiño do fracaso. A conxunción do factor Rice-Straw non é casualidade: EEUU e Gran Bretaña manteñen unha firme posición favorable ao ingreso turco e ven ao país otomán coma unha “potencia emerxente” do século XXI e un exemplo de republicanismo e democracia occidental para o mundo musulmán.

O inevitable debate turco ven conformando unha fractura socio-política dentro da UE. Os referendos francés e neerlandés evidenciaron un firme rexeite social á candidatura turca. Os gobernos de Francia e Alemaña intentaban convencer aos demais gobernos e sociedades para aceptar as negociacións con Turquía. Pero o chanceler austríaco, Wolfgang Schüssel, reforzaba a súa posición de “asociación privilexiada” con Turquía, contrario á plena integración na UE. E, nas rúas de Ankara, antes de que Straw e o ministro de Exteriores turco, Abdullah Gül, se deran a man para simbolizar o acordo de medianoite, simpatizantes do partido da ultradereita Movemento Nacionalista manifestaban a súa perigosa frustración cara Bruxelas.

O dilema hamletiano sobre a necesidade ou non de aceptar a Turquía non remata co inicio de negociacións do pasado luns 3 de outubro. Aínda non se coñece unha data de admisión definida, se esta finalmente se produce. Moitas das disposicións do acordo alcanzado son un segredo para a opinión pública e nesto ten moita responsabilidade a presidencia rotativa británica da UE.

Do mesmo xeito, o acordo alcanzado semella in extremis, sen absoluto consenso, cheo de incertezas no que respecta a súa duración. O compromiso pode ser sólido na actualidade pero débil nun futuro próximo, cun escenario onde o motor europeo franco-alemán pode cambiar de orientación política se Ánxela Merkel e Nicolás Sarkozy, abandeirados da política antiturca na UE, chegaran ao poder en Berlín e París.

Entre os obstáculos do cumio, os temas de Chipre e o xenocidio armenio son demasiado delicados e sorprende que Bruxelas, nesta ocasión, non incluíra (por omisión ou intención) o problema kurdo como centro da discusión. Se ben a sociedade turca ven amosando sinais de aproximación á problemática armenia e kurda, moito camiño queda por andar. Un recoñecemento oficial é aínda prematuro, pero Europa pode contribuír a alcanzalo.

Turquía é un país que está entre as quince principais economías do mundo, cunha posición xeoestratéxica particular e que, por factores demográficos, tamén crea contrariedade para os europeos. Admitir a un país con diferenzas culturais e relixiosas supón tamén un reto para o proceso de integración europeo e a súa pretensión como actor global. É por iso que Turquía encerra moitos enigmas e poucas certezas, unha sorte de exótico perfume oriental, mestura de fascinación e inquietude. A súa presenza non semella indiferente para Europa.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/10/2005
Fernando Pol


Subir