| Presenza-Opinión |
||||
| A OTAN muda de faciana Por Roberto Mansilla (Xornal, 23/04/2005) |
||||
|
O cumio de Vilnius revelou un novo enfrontamento político entre Moscova e Washington, ata o punto de que o representante ruso declarou publicamente a instauración dunha nova “guerra fría”. A declaración da secretaria de Estado, Condoleeza Rice, de apoiar o derrocamento do goberno de Alexander Lukashenko en Belarús, calificándoo como a “última ditadura en Europa”, apunta unha nova dirección: unha OTAN transformada en espazo de actuación para a defensa das “revolucións democráticas”. Rice reuniuse en Vilnius con membros da oposición belarusa, divididos e fragmentados trala derrota no referendo do ano pasado e sen aparente capacidade política para mobilizar ás masas. Semella claro que Washington busca en Belarús unha continuación das “revolucións” orixinadas en Xeorxia, Ucraína, Moldavia e Kirguizistán, pero existen dúbidas de que en Minsk se repitan os acontecementos de Tbilisi ou Kiev. Lukashenko se reuniu co presidente ruso Vladímir Putin en Moscova, a fin de conter a provocativa declaración de Rice e coordinar respostas. Outro asunto de controversia é Ucraína, xa prácticamente fora da esfera de influenza rusa. Os temores no Kremlin de que este país ingrese na OTAN, ambición perseguida por Washington e Bruxelas dende fai máis dunha década, son cada vez maiores. É indicativo o feito de que este cumio da OTAN se celebrara nunha ex república soviética, e por iso en Moscova cren que o goberno ucraíno de Viktor Yushenko ten practicamente negociado este ingreso. Do mesmo xeito, Rice advertiu de que agora a OTAN impulsaría a paz palestino-israelí, outro escenario inédito. Nunca antes un alto representante dun país membro deste organismo de defensa fixera unha declaración tan directa. Deste xeito, a organización transatlántica se convertiría nun organismo político de alcance mundial, con atribucións diametralmente opostas ás adoptadas en 1949, cando se fundou. Obviamente, o mundo de hoxe é moi diferente, e máis agora co global poderío estadounidense que a OTAN parece chamada a reforzar ostensiblemente. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/04/2005 |