| Presenza-Opinión |
||
| O ultimato de Karimov Por Naír Millos Álvarez (Xornal, 11/08/2005) |
||
|
A retirada das tropas estadounidenses da base usbeca, instada por Karimov, pode deparar algúns inconvenientes desde o punto de vista militar. EEUU xustifica a súa presenza para facilitar un mellor control da situación en Afganistán, se ben as súas ambicións resulten moito máis amplas. Pero o ultimato de Karimov a EEUU plantea sobre todo un desafío político, toda vez que significaría a perda dun aliado nunha rexión estratexicamente clave, onde erosionaba a tradicional influenza rusa e contiña a crecente penetración chinesa. Cabe pensar que, de agora en diante, o réxime de Islam Karimov deberá soportar presións moito máis fortes por parte dos países occidentais. Caso aparte, China e Rusia, que non darán as costas a este país membro da Organización de Cooperación de Shangai. Hai uns días, o subsecretario norteamericano de Estado para Asuntos Políticos, Nicholas Burns, anunciou en termos desafiantes a cancelación dunha próxima visita a Tashkent, a capital usbeca. A notificación sobre a retirada da base de Uzbekistán foi recibida en Estados Unidos como algo irracional. Segundo Burns, Uzbekistán desentendese da principal preocupación da comunidade internacional, e opta polo illamento debido á incapacidade do goberno de levar a cabo reformas no país. Moscova non ve con bos ollos a présa que lle entrou a Occidente para acelerar o proceso de democratización nas repúblicas centroasiáticas. Como ben di o director do Instituto de Estudios Estratéxicos de Rusia, Evgueni Kozhokin, a implantación dos procedementos insensatos de democratización podería derivar nunha bomba política e social. Coma consecuencia, chegarían ó poder as forzas musulmanas e ata fundamentalistas. O auxe do islamismo aínda está presente en Asia Central, sobre todo en Uzbekistán e Tadxikistán. Segundo Kozhokin, é fácil críticar o réxime de Karimov, pero é a única forza capaz de manter estable a situación do país. No plano militar, algúns autores relativizan o valor da retirada da base usbeca, que non significaría unha perda moi importante para EEUU. Os norteamericanos poderían manter, alternativamente, unha maior presenza militar en Kirguizistán e crear novas instalacións en territorio tadxico. Estados Unidos tería que asumir maiores riscos políticos en Asia Central. A Organización de Cooperación de Shangai rexeita o incremento da presenza militar estadounidense na rexión. O caso de Uzbekistán deixa en evidencia un dilema da política exterior para Washington: que a imposición da democracia nos estados de Asia Central resulta unha tarefa sumamente difícil tomando en conta que, por mor da súa relación de alianza con algúns deles no combate contra o terrorismo internacional e o islamismo radical, o goberno estadounidense está sostendo rexímenes que non respectan os dereitos humanos e os procedementos democráticos. Quizais o problema sexa que nin o modelo democrático estadounidense é tan atractivo para todos como para afogar as buscas propias e lexítimas de cada sociedade por artellar fórmulas de convivencia aceptables, nin, sobre todo, poida impoñerse manu millitari, co auxilio de sofisticados medios electrónicos que todo o rastrexan pero que non poden implantar nas conciencias un chip democratizador que iguale democracia e alianza con Washington. |
||
|
||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/08/2005 |