| Presenza-Opinión |
||
| Disputas sen solución Por Naír Millos Álvarez (Xornal, 25/09/2005) |
||
|
O conflito de Nagorno Karabagh enfronta a Armenia e Acerbaixán dende hai anos, pero non parece que haxa unha solución viable a curto prazo. Nagorno Karabagh é unha rexión de maioría armenia sita en territorio azerí. En 1988, Armenia reclamou a anexión deste territorio ó seu Estado, argumentando que lle pertence lexitimamente porque fora entregada por Stalin a Acerbaixán prescindindo de toda legalidade, en 1921. Os aires de liberdade impulsados pola perestroika de Gorbachov permitiron a emerxencia dos vellos contenciosos, e o enfrontamento foi medrando en intensidade. En 1991, Nagorno Karabagh proclamouse independente de Acerbaixán, agravando a cruenta disputa polo territorio. Sen embargo, o máis preocupante foron os miles de desprazados armenios e azeríes, e as matanzas de cidadáns armenios en Acerbaixán e de azerís en Armenia. Nun contexto de crise económica, empobrecemento xeralizado e tensións territoriais, ningunha das solucións políticas pretendidas (a plena soberanía sobre o territorio reivindicada por Armenia ou a soberanía autoxestionada admisible por Acerbaixán) tivo a oportunidade de abrirse camiño. Baixo a man da Organización para a Seguridade e Cooperación de Europa (OSCE) creouse o Grupo de Minsk, que inclúe a Rusia, Francia e Estados Unidos e que dende 1994, data do alto ó fogo, supervisa as negociacións sobre Nagorno Karabagh. Pero as conversas están tan estancadas e todo indica que ningún dos dous países vai dar o seu brazo a torcer. Cando todo parecía inamovible, a instancias do Grupo de Minsk, Armenia e Acerbaixán reuníronse en Kazán (Rusia) para abrir de novo o proceso de pacificación deste enclave. Ámbolos dous presidentes (Cocharian e Aliev, respectivamente) coincidiron en que as conversas tiveron un cariz positivo pero, por outra banda, un cambio de opinión sobre o futuro de Nagorno require tempo para que as respectivas opinións públicas entendan e asuman a necesidade de facer concesións para achegar a un cordo duradeiro e satisfactorio. Ninguén está en condicións de impoñer pola forza o seu criterio. Entre os factores que cómpre ter en conta para chegar a unha solución do conflito débense sinalar os demográficos, xeográficos e económicos, pero tamén políticos e históricos. Situar estas variables arredor dunha mesa de negociacións é apremiante, pois o conflito pode rexurdir en calquera momento. Acerbaixán vai duplicar o orzamento militar en 2006. Armenia, denunciada polos azerís por unha suposta vulneración do alto ó fogo, pretende por todos os medios incorporar ó seu territorio a Nagorno. O gasto militar vai ser incrementado nun 76%. Por outra banda, o tráfico de armas e o conflito entre os dous países fai temer que o Alto Karabagh convértase nunha das zonas máis militarizadas do mundo. Os ingredientes para o espertar e agravamento do conflito ou a pacificación definitiva están sobre a mesa que comparten os dous países. Resta por saber que opción priorizarán os negociadores. |
||
|
||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/09/2005 |