| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
| Palestina: Rexurde a tensión Por Moncho Iglesias Míguez (Xornal, 30/10/2005) |
|
Jihad Islámica é un grupo militar considerado como terrorista por Israel, Estados Unidos e Europa. A palabra jihad, etimoloxicamente significa esforzo dirixido cara a un determinado obxectivo espiritual (gran jihad) ou corporal (jihad menor). A jihad non é un fin en si mesmo, senón un medio lexítimo e necesario para exterminar o gran mal do mundo. De acordo á Enciclopedia do Islam, para un musulmán a jihad é o mesmo que para un cristián un monxe: ambos están dedicados ao servizo de Deus. “É un acto de pura devoción, unha das portas ao Paraíso”. É por isto que este movemento islámico considera que aqueles que leven ao último estremo a loita pola súa fe terán garantida a vida eterna. Neste sentido, a xente que se inmola nunca é considerada suicida, senón mártir da fe. Pensan que, cando alguén mata un israelí, Deus respectarao e acadará o ceo xunto cos outros mártires e profetas. Con todo, non calquera é elixido para levar a cabo esta tarefa. A elección dun mártir é algo segredo que só saben dúas ou tres persoas como máximo. Os membros de Jihad considéranse liberadores e mestres da fe verdadeira, e o seu obxectivo primordial é a expansión do Islam. En Palestina representan un grupo reducido e eles mesmos considéranse contrarios ás ideas doutros países musulmáns, por encontralos demasiado achegados a Occidente. En canto ao conflito contra os xudeus, confesan que admiten ao pobo xudeu, pois é unha das relixións do “Libro”. A súa loita é contra o inimigo sionista que ocupa as súas terras. Consenten que os xudeus vivan onde están, pero gobernados por unha nación musulmá, Palestina. Os que non o aproben, e eses que viñeron de todo o mundo, poden regresar aos seus países, exclaman. O movemento creado por Fathi Shaqaqui persegue a devolución de todo o territorio palestino, dende o río Xordán ata o mar Mediterráneo. Non cren en ningún tipo de negociación co goberno liderado por Sharón –para eles Palestina, xa que non cren na existencia de Israel-, pois consideran negativo sentarse co inimigo; non obstante, non están a favor de matalo a non ser que sexa necesario. O profeta Mahoma predicou que non se debía matar unha muller, un neno, nin sequera unha árbore. Apuntou que había que loitar só en defensa propia e non pelexar contra aquel que non agrede a un. A loita contra os sionistas é necesaria, “eles entraron e colonizaron o noso territorio, é necesario defenderse”, apuntan. Ante as respostas aos ataques armados palestinos por parte do exército israelí, varios grupos palestinos coinciden na idea de que a tregua chegou ao seu fin e prometen vingar a sangue dos caídos inxustamente. Sosteñen que o goberno de Sharon provocou novamente a ira do pobo palestino ao entrar nos seus territorios e matar á súa xente. Amais as palabras proclamadas polo presidente de Irán serviron de respaldo e animaron para seguir esa loita que consideran legal. |
|
Moncho Iglesias Míguez é profesor visitante na Bethlehem University. |
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 02/11/2005 |