| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
| Gandhi en Palestina Por Moncho Iglesias Míguez (Titulares, 21/12/2005) |
|
A opinión sobre a fermosura, utilidade e repercusión turística deste muro está dividida. E son estas desavinzas as que provocan liortas entre apoloxistas e detractores. Neste sentido, Bilin, unha aldea próxima a Ramallah, en Cisxordania, é un dos sitios máis destacados do conflito. A parede que dividirá Bilin e outras aldeas próximas aínda non está construída; emporiso, as súas xentes convócanse semanalmente intentando que se paren os traballos de achandadura e posterior cimentación. As protestas fixeron famoso o lugar e aos seus habitantes, que son chamados os “Gandhis palestinos”. E igual que sucedera coas marchas lideradas polo líder hindú, os enfrontamentos entre os grupos de manifestantes e as forzas da orde pública son constantes. Aínda que levar sal nas súas mans non sería complicado, posto que estas terras están próximas ao Mar Morto, as máis de mil persoas que adoitan congregarse todas as semanas en Bilin, levan oliveiras con eles. Saif Abu Keshek, un dos dirixentes destes grupos pacifistas, manifesta que “poderán construír canto queiran, pero nós continuaremos coas oliveiras, porque queremos a paz”. Esta mesma semana, Michel Sabbah, primeiro palestino que ostenta a posición de Patriarca Latino en Terra Santa, plantou unha árbore, simbolizando a paz, e declarou que o muro de contención non ten ningún sentido. Estas palabras engádense ás que xa pronunciara o ano pasado, cando comentara que a barreira de separación convertera Belén nunha “prisión”. Pero nestas xuntanzas pacifistas non só participan palestinos, senón que tamén están envoltos membros de organizacións internacionais e activistas israelís. Un dos militantes máis famosos é Ionathan Polack que, procedente de Tel Aviv, está totalmente implicado na acción non violenta a través dos movementos “Anarquistas contra o muro” e “Movemento solidario internacional”. Polack foi ferido hai uns meses, por medio do exército israelí, nunha destas manifestacións; con todo, non pensa abandonar a resistencia non-armada, e seguirá loitando con fe e espírito. Afirma que se sente obrigado moralmente a revelarse contra a construción do muro, xa que “estano levantando no meu nome, aínda que pense que é un crime horrendo, e ata que non haxa liberdade para os palestinos non a haberá para ninguén”. Esta mesma semana volveu ser detido, aínda que foi liberado poucas horas despois, xa que non había cargos. Os delitos que se lle imputaron foron: danos nunha construción militar; aínda que a realidade era que só tocara unha valla. Bilin, unha aldea dun milleiro de habitantes, é un claro exemplo desa Intifada que non lanza pedras, senón sementes para a paz. Con todo, serán os promotores de obras os que decidan se a construción debe seguir e as oliveiras deben quedar en invernadoiros ou outros museos de atracción para o turista, ou as oliveiras deben ocupar o lugar do cemento. |
|
Moncho Iglesias Míguez é profesor visitante na Bethlehem University. |
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2005 |