Presenza-Opinión / Oriente Medio Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio
A paz, unha arma cargada de futuro
Por Moncho Iglesias Míguez (Xornal, 18/11/2005)
 
 

  Funeral de Ahmed Khatib, clic para aumentar
Con todo, a familia decidiu doar os órganos de Ahmed para calquera que necesitase un transplante. Así, afirmaron, demostraban que a paz e o entendemento son armas cargadas cun futuro que a loita armada se encarga de destruír. O propio pai de Ahmed, Ismail, declarou estar contento por poder salvar a vida de seis israelís. “Sinto que o meu fillo entrou no corazón de todo Israel”, engadiu. (Foto: Funeral, o 6 de novembro de 2005, de Ahmed Khatib, o cativo de doce anos que o día anterior xogaba nas rúas da súa aldea cando soldados do exército israelí confundiron o plástico co metal).
 
Nunha mesma semana celebráronse en Terra Santa os aniversarios de dous dos seus líderes máis apreciados. Primeiro foi o de Yitzhak Rabin, asasinado o 4 de novembro de 1995 a mans dun xudeu nacionalista. Neste caso, como vén sendo habitual, as rúas enchéronse de pancartas e bandeiras que lembraban a figura do dirixente laborista. O último destes actos en memoria dun desaparecido paralizou a parte árabe desta zona. Así, celebrando un ano da morte de Yasser Arafat, as rúas de moitas cidades palestinas cubriron muros coas súas fotografías, e houbo reunións e manifestacións para loar a súa figura. Que no prazo dunha semana se cubriran ambas efemérides é unha coincidencia, o que non o é son os datos que os emparellan: ambos recoñecíanse como bos amigos, recibiron o premio Nóbel da paz en 1994 e amplos sectores da poboación aínda choran a súa falta. Con todo, o galardón obtido grazas a palabras que confluíron entre un e outro, non derivou en procesos de paz sobre o papel, descontando os papeis en forma de cartos que recibiron tras o Nóbel. Os apertóns de man que volveron ocupar xornais estes días, para algunha xente non representa máis que un xogo ideolóxico; é dicir: eses saúdos e esas sinaturas plasmadas en libros que xa son parte da historia aínda serven como retrato a un proceso de paz inconcluso, un proceso de paz levado a cabo por dirixentes, e do que moita parte da poboación é unha descoñecedora.

O comité encargado de conceder os premios Nóbel procura destacados investigadores ou persoas que contribuísen de forma notable á sociedade. Quizais Arafat e Rabin favoreceron a construción dun camiño cara á paz que hoxe en día, cando se fala dunha terceira intifada –esa que está renacendo dun novo odio, fastío e medo–, parece moi afastado. Nesas sendas divididas por muros de cemento e pensamento, os protagonistas son dirixentes que se enredan en abrazos o mesmo que en disputas. Non obstante, hai heroes no silencio que axudan a derrubar con feitos os muros que outros constrúen coas palabras. Este é o caso da familia de Ahmed Khatib, un neno palestino asasinado por error, contan as fontes oficiais.

Jenín, cidade cisxordana coñecida por ser berce de varios membros extremistas anti-israelís, volveu sufrir a morte dun neno a semana pasada. Cando isto sucede, o neno, levantado en brazos pola familia, é coroado como mártir. Amais, garántese o odio eterno da familia contra as forzas asasinas. Nesta ocasión, o dito bíblico de “ollo por ollo, dente por dente”, tomou a súa vertente pacífica e a familia do neno de doce anos vingou a súa morte doando todos os seus órganos a calquera necesitado da sociedade palestino-israelí.

Celebrando a fin do Ramadán, moitos nenos saen á rúa a xogar cos seus xoguetes –metralletas de plástico ou pistolas coas que imitan a aqueles que idealizan. Ahmed Khatib, un cativo de doce anos, xogaba nas rúas da súa aldea cando soldados do exército israelí confundiron o plástico co metal. Membros de grupos armados palestinos disparaban nese momento contra soldados israelís e por iso, a unha distancia duns cen metros, os soldados dispararon para defenderse do presunto terrorista, ferindo gravemente a Ahmed. Ao achegarse ao lugar, decatáronse do erro e trasladaron ao neno inmediatamente a un hospital en Haifa, en territorio israelí. Ao pai negóuselle o acceso xa que estivera preso anteriormente e non puido ver ao seu fillo nunca máis. Con todo, a familia decidiu doar os órganos de Ahmed para calquera que necesitase un transplante. Así, afirmaron, demostraban que a paz e o entendemento son armas cargadas cun futuro que a loita armada se encarga de destruír. O propio pai de Ahmed, Ismail, declarou estar contento por poder salvar a vida de seis israelís. “Sinto que o meu fillo entrou no corazón de todo Israel”, engadiu.

Os órganos de Ahmed foron transplantados a xudeus e árabes de diferentes idades. Así, os riles foron doados a dous nenos de non máis de catro anos, e o fígado a unha muller de 66. Ismail Khatib, que recibiu chamadas de pésame por parte do goberno israelí, amais de agradecementos, declarou que “se isto serve para solucionar o problema palestino e avanzar no proceso de paz, entrevistareime con Sharon e levareille unha mensaxe de paz”.

Ás palabras por parte de Israel, que non poden cicatrizar a dor pola perda dun fillo, engadíronse os apósitos que curan moitas das doenzas do primeiro mundo: os cartos. Así, a familia Khatib recibiu uns dous mil euros pola doazón excepcional que fixeron e que non perseguía ningún tipo de recoñecemento. Por iso, aínda que os Khatib non reciban as loanzas e o recoñecemento dun premio Nóbel, a pesar de contribuír a abrir novas vías para a paz, é preciso que se saiba que hai xente nesta parte do mundo que loita pola paz.

 
 

Moncho Iglesias Míguez é profesor visitante na Bethlehem University.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/11/2005
Fernando Pol


Subir