Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Bolivia desbloqueada
Por Lino Pellitero (Vieiros, 20/12/2005)
 
 

  Evo Morales e Álvaro García Liñera, clic para aumentar
O tándem Morales-Liñera non poderá esquecer, nin dilatar, en tan repleta axenda, o pago puntual da débeda social histórica que acumulan as masas emprobrecidas que o levaron á presidencia. Un conglomerado ben organizado que axiña premerá se non ve atendidos os seus graves problemas polo goberno. (Foto: La Paz, 20/12/2005. Primeiro plano de Evo Morales con Álvaro García Liñera ao fondo).
 
A rotunda vitoria dos collas sobre os cambas, fixo anacos todos os negros augurios que se prognosticaban para o país máis pobre de América do Sur. Esta Bolivia crebada en dous, entre “os collas” do occidente indíxena pendente de cobrar as débedas sociais históricas, e “os cambas”, que se localizan na denominada Media lúa das catro gobernacións orientais con capital na San Cruz, crioula, próspera, exportadora, petrolífera, occidental, europea...

Estar situado no mundo no posto 114 sobre 177 na renda per cápita, cun ingreso medio de 949 dólares anuais, o máis baixo da rexión, conxugado cunha profunda inequidade na distribución na renda nacional na que o 10% dos 9 millóns de bolivianos acumula o 45% da riqueza nacional... explica a razón das polifracturas nacionais ou das feridas abertas por antagonismos políticos, territoriais, étnicos ou de clase.

O mapa que se debuxaba antes das eleccións do 18-D era o dunha Bolivia bloqueada entre faccións en permanente empate. Prevíase que se dos resultados saíse un Evo Morales presidente, estaría en minoría parlamentaria, bloqueado no Congreso e no Senado por unha oposición que triunfaría nas estreadas 9 gobernacións ou, polo menos, nas orientais da denominada Media lúa, ricas en Gas, engraxadas no libre mercado e con forte investimento estranxeiro.

Se, pola contra, os resultados se pronunciasen polo ex-presidente Tuto Quiroga, axiña os partidarios de Morales e do seu partido, o Mas, bloquearían as estradas e as capitais, para desestabilizar o goberno e tombar ao presidente electo.

Dende hai dous anos os partidos só tiñan forza como para vetarse mutuamente.

Nada disto aconteceu. O líder indíxena disporá de 65 bancadas nun Congreso de 130 parlamentarios, terá 13 senadores dun total de 27, conseguiu 2 gobernadores entre as 5 gobernacións occidentais nas que foi claramente vencedora nas presidenciais. Por tanto, poderá gobernar sen ataduras, evitando ser un goberno entrampado á hora de ditar leis.

Con certeza, a cómoda maioría electoral do Mas, excarcera ao futuro goberno dun posible bloqueo parlamentario, pero o novo presidente terá que abordar unha axenda demasiado quente, como para poder asegurar que non vai pasar á historia como o sexto presidente transitorio da curta democracia.

Entre as súas prioridades programáticas están temas de complicada xestión como a nacionalización das empresas petroleiras estranxeiras ou a despenalización do cultivo da coca, permitindo a súa legalización para usos industriais.

O segundo país de Sudamérica en reservas de gas vai renegociar todos os contratos coas multinacionais, xa que estima que son ilegais, porque o Congreso nunca os ratificou, tal como prescribe a lei.

As relacións cos veciños van estar repletas de temas moi complexos, mesmo cos máis achegados dende o punto de vista ideolóxico. Con Lula terá que pactar a renegociación das contratos do gas da principal empresa brasileira, Petrobras. A Kirchner deberá aumentarlle considerablemente a factura do gas para cumprir a promesa electoral de encarecelo aos estranxeiros para abaratar o que se vende no interior. Co outro veciño do sur as cousas están aínda peor e as palabras de Evo Morales sobre a vella reivindicación territorial non invitan ao optimismo: “Non haberá diplomacia para Chile se hai mar para Bolivia”.

Para abordar tan complicada axenda, vai contar coa estreita colaboración do seu vicepresidente, Álvaro García Linera, un ilustrado e brillante sociólogo, que comanda o grupo de intelectuais de esquerda co que armou o seu programa electoral.

Este ex-guerrilleiro do Tupak Katari (EGTK), de principios dos 90, é hoxe un reputado analista internacional, representa a cara moderadora coa que Morales conseguiu atraer con éxito aos sectores medios-urbanos, inicialmente menos proclives ao perfil rural, pouco ilustrado e populista de Evo Morales. Con Liñera como vicepresidente pódese explicar mellor ese sorprendente 43,4% de votación para o Mas nos centros urbanos.

A el vaille tocar fixar a complicadísima axenda programática do goberno. Quizais por iso mesmo, sexa quen proclame, para tranquilizar os mercados internacionais, que Bolivia seguirá sendo capitalista nos próximos 50 ou 100 anos; ou quen recoñeza que foi máis doado expulsar ás transnacionais como as da auga na Cochabamba, que poñer en pé empresas que funcionen.

Na lista de prioridades terá que colocar inexorablemente o referendo de autonomía previsto para 2 de xullo de 2006, impulsado polo Comité Cívico Pro-Santa Cruz. A capital das gobernacións da Media lúa, aporta 617 millóns de dólares ao ano en concepto de impostos e denuncia que só reciben o 26%. Achega o 31% do PIB Nacional, o 62% das divisas, e recibe o 48% do investimento estranxeiro. Ao redor de Santa Cruz pode nuclearse a oposición política, económica e reabrirse o tema da territorialidade.

O tándem Morales-Liñera non poderá esquecer, nin dilatar, en tan repleta axenda, o pago puntual da débeda social histórica que acumulan as masas emprobrecidas que o levaron á presidencia. Un conglomerado ben organizado que axiña premerá se non ve atendidos os seus graves problemas polo goberno.

A tarefa que queda por diante é ben complexa para un equipo que vai chegar ao poder sen experiencia na xestión e con pouca rodaxe na vida parlamentaria, pero que ten a oportunidade de sentar as bases para sacar a Bolivia do súa postración histórica.

A partir do 22 de xaneiro, o presidente Evo Morales ten a responsabilidade de ilusionar ao seu país con algo máis que proclamas electorais como “Causachun coca, wanuchun ianquis”, isto é, “Viva a coca, fora ianquis”.

 
 

Lino Pellitero,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2005
Fernando Pol


Subir