Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
A crise das pensións á chilena
Por Lino Pellitero (Xornal, 15/12/2005)
 
 

  Roberto Madrazo, clic para aumentar
O modelo, nado en 1981, foi concibido e asistido no seu parto por José Piñera (na foto), irmán do magnate Sebastián Piñera, candidato da centrodereitista RN (Renovación Nacional) á presidencia de Chile, á que concorre con Michelle Bachelet, a outra triunfadora da primeira rolda das eleccións celebradas o 11 de decembro, coa que disputa a ballotage do 15 de xaneiro.
 
Hai vintecatro anos que se activaron en Chile as AFP (Administradoras de Fondos de Pensión), xestionadas por grandes corporacións como o BBVA, unha bomba de reloxería que pode estoupar nas mans do próximo goberno chileno, se non comeza de inmediato un complexo labor de desactivación.

A APF, creadas durante a ditadura chilena acumulan a calafriante cifra de 68.931 millóns de dólares nas súas dúas décadas de existencia, pero segundo diversos expertos non vai poder asegurar nin sequera unha pensión mínima á metade dos traballadores inscritos neste modelo, e que agora comezan a xubilarse.

O modelo, nado en 1981, foi concibido e asistido no seu parto por José Piñera, irmán do magnate Sebastián Piñera, candidato da centrodereitista RN (Renovación Nacional) á presidencia de Chile, á que concorre con Michelle Bachelet, a outra triunfadora da primeira rolda das eleccións celebradas o 11 de decembro, coa que disputa a ballotage do 15 de xaneiro.

Durante a década dos noventa a estrela emerxente do máxico sistema de pensións das AFP, foi posta como exemplo polos Chicago Boys. Eran os tempos de máximo esplendor do Consenso de Washington, e axiña foi asumido como referente pola Arxentina neoliberal de Ménem, polo Perú de Fujimori ou pola Colombia liberal.

Máis o fulgor da radiante estrela das APF, aínda ilumina hoxe a expertos de todo o mundo cando tentan procurar unha saída, unha viabilidade ou unha pervivencia aos sistemas de pensións públicos, hoxe en crise. Cando xa perdeu o vigor e fulgor dunha supernova para converterse nunha xigante vermella que ameaza con fundir, na súa expansión incontrolada, o futuro das pensións de millóns de traballadores, aínda ven de ser proposta por George W.Bush como o camiño certo para xestionar a seguridade social do seu país.

As causas da grave crise das APF á chilena son varias:

· Criterios restritivos para poder optar a unha pensión. Segundo o Instituto Nacional de Normalización Previsional, para poder optar a unha pensión mínima duns 130 dólares, precisaríase, alomenos, de 150 cotizacións, o que equivale a vinte anos de puntuais cotizacións mensuais. Pero a realidade é ben diferente xa que, segundo pesquisas da axencia francesa AFP, o 60% dos afiliados non consegue cotizar máis alá de 4,2 meses por ano, por razóns varias: perda do emprego, entrada na economía informal, porque os empresarios non aportan as súas cotizacións... etc.

· Os elevados custes de administración que cobran as empresas privadas que xestionan os Fondos de Pensións que non baixan do 10%, pero que poden chegar ate o 30%, en detrimento dos activos recadados.

· O deseño piramidal dos Fondos privados. Se capitalizaron durante moitos anos cos fondos de traballadores novos que aínda estaban lonxe da idade de xubilación. As AFP non tiñan que pagar pensións a xubilados, aos que atendía o sistema público, daquela en vigor. Cando as AFP se achegan xa ao cuarto de século de vida, comezan a ter que pagar aos primeiros pensionistas que chegan á idade de xubilación. O prato da balanza de gastos, comeza a baixar co peso dos pagos correspondentes.

· Grande parte do problema está no peculiar e desigual sistema de xestión dos fondos. Na verdade funcionan como un auténtico fondo de investimentos que se capitaliza coas achegas obrigatorias dos traballadores, que deben aportar aproximadamente entre un 10 e un 12% dos seus ingresos laborais. Estes son depositados nun fondo individual blindado, pero ao que ten libre acceso e xestiona as AFP. Adoitan investir en accións ou en bonos conseguindo uns lucros que no ano 2004, andou entre o 5,9 e o 12,11 %, valores significativos tendo en conta que a inflación anual estivo no 4%. Pero tamén significativamente menores que a rendibilidade promedia do 26% que teñen conseguido as AFP nos últimos 12 anos.

En definitiva, un sistema ideado para sete millóns de afiliados, hoxe, polas razóns expostas, non ten recursos nin para asistir á metade dos futuros pensionistas. A bomba está activa, cada novo ano serán máis chilenos os que van chegar á idade de xubilación, e non vai haber fondos para todos.
O próximo presidente, ou presidenta, que saia da segunda rolda das eleccións do 15 de xaneiro, vai ter nas súas mans esta situación explosiva, e non lle quedará máis remedio que comezar a desactivala.

A viabilidade no tempo dos sistemas de pensións públicos internacionais, está a debate. O modelo privado chileno de pensións, tamén.

 
 

Lino Pellitero,
analista do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/12/2005
Fernando Pol


Subir