Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Mercadorías si, persoas non
Por Lara Barros Alfaro (Xornal, 30/11/2005)
 
 

  Ceuta, clic para aumentar
A pesar dos dez anos de construción dunha área de “seguridade, paz e prosperidade”, hoxe o Mediterráneo segue sendo un espello no que descifrar as desigualdades Norte-Sur, un muro-fronteira, literal e metaforicamente falando, que máis que achegar ás sociedades, distáncianas; e a inmigración é o seu reflexo máis desesperado. (Foto: Ceuta, 01/10/2005. Militares das Forzas Regulares patrullan a fronteira entre España e Marrocos).
 
Primeiro foi no Cumio do Consello Europeo de Hampton Court, que tivo lugar a finais de outubro, e agora é no Cumio Euromediterráneo. A inmigración saltou aos discursos europeos nos últimos tempos. Os dramáticos testemuños que se agolpan nos muros de Melilla ou as imaxes de caos dunha Francia que segue considerando estranxeiras a terceiras ou cuartas xeracións de orixe inmigrante, visibilizaron inevitablemente unha problemática que xa viña de lonxe e que cada ano se escenifica no estreito coa morte dun bo número de persoas.

En Hampton Court, foi o presidente español o que levou á axenda o tema da inmigración irregular que tanto se está deixando sentir nas súas costas, apelando á solidariedade e á comprensión do resto dos socios europeos ante un “problema” que, aínda que lonxe das súas fronteiras, tamén lles atinxe directamente. Na reunión, máis ben limitada na concreción de compromisos, adoptouse por unanimidade unha iniciativa común: un maior control das fronteiras exteriores da UE, reforzar e ampliar o número de convenios europeos de repatriación de inmigrantes clandestinos cos países de orixe, e ampliar as axudas aos países de orixe e tránsito dos inmigrantes, que poden estar condicionadas á firma de ditos acordos de repatriación.

Para isto, proponse a utilización dun 3% dos fondos do futuro Instrumento de Veciñanza para reforzar o control da fronteiras externas da UE, e que o Fondo Europeo de Desenvolvemento dirixa os seus créditos aos países da África Subsahariana, especialmente a aqueles que teñan aceptado os acordos de repatriacións.

Máis recentemente tivo lugar o Cumio Euromediterráneo, que viña a dar conta dos dez anos de andadura do Proceso de Barcelona que ten por obxectivo formal converter ao Mediterráneo nunha área de interrelación a nivel político, económico e social e, por interese real, a creación dunha área de libre comercio para o 2010, meta que se mantén a pesar da mínima evolución do proceso nos últimos anos.

O Cumio transcorreu sen pena nin gloria, o que xa se intuía debido á ausencia da maioría dos líderes da beira Sur, e encallou, unha vez máis, no conflito palestiniano-israelí, que fixo imposible chegar a unha declaración conxunta. No Plan de acción aprobado para os próximos cinco anos, trátase da política migratoria e da loita contra a inmigración ilegal do mesmo xeito que se contemplaba na Declaración de Barcelona de 1995, na que só se concretaba a necesidade de pechar acordos de readmisión cos países de orixe; en engadido, faise fincapé na cooperación en materia de seguridade e xustiza, e planease unha conferencia ministerial euromediterránea sobre migracións, sen concretar a data.

A pesar dos dez anos de construción dunha área de “seguridade, paz e prosperidade”, hoxe o Mediterráneo segue sendo un espello no que descifrar as desigualdades Norte-Sur, un muro-fronteira, literal e metaforicamente falando, que máis que achegar ás sociedades, distáncianas; e a inmigración é o seu reflexo máis desesperado.

A Zona de Libre Comercio proposta para o 2010 contempla a libre circulación de produtos industriais, e está en negociación a inclusión de produtos agrícolas, reivindicación da beira Sur (único sector no que poderían competir coa poderosa UE); pero, sen embargo, a libre circulación das persoas non só queda excluída dos acordos senón que segue a dinámica contraria e búscanse maiores medidas de control. Domina unha ausencia de políticas a medio e longo prazo que aborden o fenómeno da inmigración, e como única solución presentase a liberalización dos intercambios que, a través dun teórico efecto redistribuidor, levaría ao equilibrio socioeconómico dos países mediterráneos.

África subsahariana, pola súa banda, segue aportando un bo número dos recursos naturais fundamentais para os sectores industriais e tecnolóxicos europeos: uranio en Níxer, petróleo en Nixeria, algodón en Malí, cacao en Cotê d´Ivoire, diamantes en Serra Leona, madeira en Liberia... recursos para a exportación (detrás da cal hai moitas veces compañías europeas) que non atopan ningún muro nin estreito, ningunha fronteira militarizada que sortear no seu camiño cara o Norte enriquecido.

Sexa cal sexa a canle, as prioridades económicas aparecen por riba das humanas, e as mercadorías atopan a liberdade que non conseguen as persoas. O continente africano interesa ben como mercado (países norteafricanos) ben como subministro de materias primas, e os seus dramas políticos, económicos ou sociais só se atenden cando se agolpan ás portas europeas. E as solucións propostas non pasan dun maior esforzo en materia de seguridade e de máis créditos aos países de orixe a cambio de acordos de repatriación; é dicir, militarización das fronteiras e chantaxe a través da cal ofrecese engrosar a débeda externa duns países declarados altamente endebedados polos organismos internacionais.

A cooperación ao desenvolvemento como alternativa, especialmente o codesenvolvemento que pon en relación as migracións co desenvolvemento dos países de orixe, atopou pouco espazo nestes cumios, e perdéronse así dúas boas oportunidades para buscar solucións que estean á altura dos problemas.

 
 

Lara Barros Alfaro é analista do Igadi.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/12/2005
Fernando Pol


Subir