| Presenza-Opinión / Rusia |
| Un novo anxo exterminador Por Luís Álvarez Pousa (El Ideal Gallego, 16/10/2005) |
|
Mentres, sen apenas publicidade, un cento de persoas morrían a balazo limpo na cidade dunha das sete repúblicas caucásicas. Independentistas chechenos e soldados rusos convertiron as rúas nun inferno. Nel caeron unha vintena de inocentes civís. Trece meses antes, o secuestro de alumnos e profesores nunha escola de Beslán saldouse cunha matanza: 331 mortos, a metade deles nenos. Un pouco máis atrás, a matanza tivera por escenario o teatro Dubrovka de Moscova, que fora ocupado polos guerrilleiros. É o estilo Putin. A resposta dun déspota a un desafío terrorista que ten raíces políticas –guerras, limpezas étnicas, marasmos económicos e abusos de todo tipo desde 1991–. Os líderes occidentais queren telo da súa parte á hora de tracexar, por intereses fundamentalmente enerxéticos, unha nova orde mundial, e concédenlle contra toda evidencia un escudo protector: o seu tamén é “terrorismo internacional”. A cambio desa concesión anxélica, todos miran para outra parte cando, aproveitándose da vitola antiterrorista, leva a cabo con total impunidade unha cruel estratexia de exterminio en Chechenia -masacres, asasinatos selectivos, saqueos, torturas, secuestros...-. O máis recente, o asasinato do líder dos independentistas moderados, Masjadov. Como miran para outra parte ante o xiro autoritario e a involución no interior –o cerrollo sobre a estrutura do poder do Estado, o control absoluto sobre os medios de comunicación, a abolición das eleccións nas provincias rusas para nomear el a dedo...–. As rexeitables accións terroristas dos independentistas non xustifican a existencia deste novo anxo exterminador. Nin tampouco o abstencionismo europeo e norteamericano. Aproveitarse do terrorismo para liquidar opositores e violar impunemente os dereitos humanos, é obsceno e criminal. Aínda que non o iluminen os focos mediáticos. |
|
Luís Álvarez Pousa é membro do Consello Asesor do Igadi. |
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 22/10/2005 |