Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
RD Congo: ¿unha nova constitución?
Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 22/12/2005)
 
 

  Joseph Kabila, clic para aumentar
Ademais de ser o paso previo para a celebración de eleccións presidencias en 2006, o novo texto constitucional contén elementos de relevancia en canto ao compromiso de implantar un sistema onde se consagran as liberdades fundamentais e se reforza a estrutura do poder xudicial. Con respecto aos elementos máis polémicos do texto destacan a división territorial do país en 26 provincias, que xestionarán o corenta por cento dos ingresos que xeren, o recoñecemento da cidadanía para todos aqueles que demostren a súa presenza no país antes de 1960, a limitación do mandato presidencial a dous termos de cinco anos ou a competencia do presidente para nomear directamente ao primeiro ministro. (Foto: Joseph Kabila antes de emitir o seu voto no referendo do novo texto constitucional, en Kinshasa o 18 de decembro de 2005).
 
A República Democrática do Congo, RDC, vive un momento de suma importancia para o inmediato futuro deste complicado e conflitivo país situado na rexión africana dos Grandes Lagos. Un novo texto constitucional estase sometendo a referendo; un texto que de saír aprobado sentará as bases para a celebración en 2006 das primeiras eleccións presidenciais en décadas e que pode supoñer o inicio dunha nova etapa política destinada, en principio, a poñer fin a unha terrible guerra que, directa e indirectamente, levouse por diante preto de catro millóns de vidas dende 1998.

A historia recente da RDC, un dos países potencialmente máis ricos e poderosos de todo África, está marcada pola inestabilidade e conflitividade crónica, que comeza no mesmo momento da súa independencia de Bélxica en 1960, cando unha serie de revoltas provocaron o colapso das estruturas de goberno congolesas. Estas revoltas foron seguidas da intervención ilegal de tropas belgas, do asasinato do ex primeiro ministro Patrice Lumumba, do intento secesionista da rica provincia de Katanga e do despregue dunha das misións de paz das Nacións Unidas, ONUC, máis controvertidas de toda a historia.

Esta inicial e caótica situación que se vivía por aquel entón na RDC, empeorou considerablemente cando, en 1965, un golpe de estado encabezado polo entón xeneral Mobutu puxo fin ao sistema político anterior instaurando un novo réxime unipartidista, aliado incondicional dos EEUU na súa guerra contra o comunismo. Este período, no que a RDC se denomina Zaire, estivo marcado pola corrupción a grande escala, o totalitarismo, a violencia de estado e a explotación dos xigantescos recursos naturais do país.

O xenocidio ruandés, a chegada ao poder dos tutsis do FPR, Fronte Patriótico Ruandés, e a fuxida de parte da poboación hutu ruandesa, entre os que se atopaban os responsables do xenocidio que se instalan na rexión do Leste da RDC desde onde lanzarán os seus ataques contra Ruanda, dará lugar, posteriormente, á caída do réxime de Mobutu Sese Seko, cando a unión dos tutsis congoleses, chamados banyamulenges, coas tropas de Laurent Desiré Kabila da lugar á Alianza das Forzas Democráticas para a Liberación do Congo, abertamente sustentada polos gobernos de Uganda e Ruanda, que consegue tomar a capital, Kinshasa, e facerse co poder.

O goberno resultante da revolta contra Mobutu, encabezado por L.Kabila e polos representantes tutsis de Uganda e Ruanda, pronto se torna insostible, de maneira que a expulsión dos representantes tutsis do goberno congolés cara os seus respectivos países, provoca unha crise que posteriormente alenta a intervención de Ruanda e Uganda na RD Congo contra o réxime de Kabila, quen evita a súa caída grazas á axuda militar de Angola, Zimbabue e Namibia. Este conflito armado que comeza en 1998 e “remata” formalmente en 2003, foi denominado no seu momento como a Primeira Guerra Mundial Africana, tanto polo número de países enfrontados como pola cantidade de vítimas que provoca.

A situación resultante dos diversos acordos de paz asinados entre as diversas partes, foi a creación, en 2003, dun goberno de transición compartido entre os antigos inimigos e presidido por Joseph Kabila, fillo do anterior presidente Laurent Kabila, asasinado en 2001. Este novo goberno, lonxe de estabilizar, o país foi incapaz, durante os últimos anos, de exercer a súa autoridade e control sobre o extenso territorio da RDC, permitindo a escalada da violencia na rexión de Ituri, a continua explotación ilegal dos recursos naturais, as matanzas de civís, a vulneración constante dos dereitos humanos, o asentamento de grupos rebeldes como o LRA ugandés...

Estamos, pois, ante un momento crucial do devir dun dos procesos de paz máis custosos e complicados de cantos se teñen dado; un proceso de paz supervisado dende 1999 pola ONU a través da voluminosa misión coñecida como MONUC, e que conta coa activa participación da Unión Europea a nivel político, económico e policial-militar.

Finalmente, cómpre lembrar que ademais de ser o paso previo para a celebración de eleccións presidencias en 2006, o novo texto constitucional contén elementos de relevancia en canto ao compromiso de implantar un sistema onde se consagran as liberdades fundamentais e se reforza a estrutura do poder xudicial. Con respecto aos elementos máis polémicos do texto destacan a división territorial do país en 26 provincias, que xestionarán o corenta por cento dos ingresos que xeren, o recoñecemento da cidadanía para todos aqueles que demostren a súa presenza no país antes de 1960, a limitación do mandato presidencial a dous termos de cinco anos ou a competencia do presidente para nomear directamente ao primeiro ministro.

Mais este novo horizonte que se abre para a maltratada poboación deste país, será imposible de acadar sen unha efectiva estabilización do conxunto do territorio que loxicamente debe pasar pola completa desmobilización dos combatentes, o desarme total das milicias, e a definitiva renuncia dos países veciños a intervir nos asuntos internos da RD Congo.

 
 

Carlos Negreira Espasandín,
estudiante da USC en prácticas no Igadi.

Carlos Negreira Espasandín, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2005
Fernando Pol


Subir