| Presenza-Opinión / África |
||
| O TPI en Uganda Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 28/10/2005) |
||
|
O TPI, con sede na Haia, xurde logo de que 120 Estados conseguisen poñerse de acordo na necesidade de crear un tribunal internacional –similar aos de Nüremberg, Tokio, antiga Iugoslavia ou Ruanda, mais de natureza permanente– que se encargase de xulgar aos responsables de perpetrar crimes de guerra, lesa humanidade ou xenocidio, e asinasen o Estatuto de Roma en xullo de 1998. O Estatuto de Roma, en vigor dende abril de 2002, establece, que o TPI terá capacidade para investigar e xulgar os crimes máis graves de naturaleza internacional, cometidos no territorio daqueles países que asinaran e ratificaran ese estatuto; e que só intervirá no caso de que as autoridades nacionais non podan encargarse dese traballo –é dicir, é un tribunal que debe actuar de xeito complementario aos tribunais nacionais–. Na actualidade, o Estatuto de Roma está ratificado por 99 estados e asinado por 139, aínda que o feito que máis chama a atención é a ausencia de potencias internacionais coma China e Xapón (non signatarias do estatuto). Ademais, debemos destacar que este tribunal conta co fervente rexeite da actual administración estadounidense, quen se nega de forma tallante a ratificar o estatuto –expoñendo con claridade unha idea da sociedade internacional diferente á defendida pola UE–. A pesares de nacer sen o respaldo dos EEUU, curiosamente, o TPI decidiu poñer en funcionamento a súa maquinaria dentro das fronteiras de Uganda –que pasa por ser un dos aliados máis sólidos dos estadounidenses en África– unha vez que o goberno deste país reclama ao tribunal (a mediados de 2004) o inicio dunha investigación no norte do seu territorio, para conseguir a condena internacional para os líderes do LRA –movemento que figura nas listas occidentais de organizacións terroristas–, que permita poñer fin a un conflito que se alonga dende hai case dúas décadas e que causou, segundo axencias internacionais, decenas de miles de mortos, case dous millóns de desprazados e no que uns 20.000 nenos e nenas foron raptados para servir na causa dos rebeldes do LRA (como soldados no caso dos nenos e como escravas sexuais no caso das nenas). O LRA ergueuse en armas no norte do Uganda –territorio maioritariamente poboado pola etnia Acholi– en 1989, co “obxectivo” inicial de derrocar ao goberno de Museveni e acabar coas inxustizas históricas cometidas por Kampala con esta etnia. Pouco tempo despois, o “obxectivo” das tropas de Kony pasará pola instauración en Uganda dun sistema teocrático fundamentado nos dez mandamentos da Biblia, e por acabar coa poboación Acholi –quen deixara de apoiar ao LRA, debido á magnitude dos delirios do seu líder– para crear así unha nova sociedade “libre de traidores”. A lonxevidade do LRA –sen un proxecto político coherente e mobilizado en función dos designios divinos do seu xefe– e deste cruel conflito armado pódese explicar en función das rivalidades rexionais que se producen na zona. Desta maneira, o apoio prestado por Museveni aos rebeldes do SPLA (Exército de Liberación de Sudán) que operaban na rexión sudanesa fronteiriza con Uganda, foi contrarrestado polo apoio do goberno de Khartum ao LRA de Joseph Kony –a quen se lle permitía establecer a súa retagarda no sur do país–. Estes apoios explican como os rebeldes dun e doutro país puideron sobrevivir tantos anos fronte a inimigos de tal envergadura. Cabe dicir que este xogo de desestabilización mutua –entre Uganda e Sudán– semella que rematou recentemente, cando o SPLA e Sudán asinaron a paz. Queda agora por realizar un enorme esforzo que permita levar aos responsables do LRA perante os xuíces do TPI, axudar a poñer fin ao conflito do norte de Uganda, sentar un precedente claro e directo de loita contra a impunidade para este tipo de crimes, e demostrar a viabilidade e utilidade deste tribunal (cuestionado por algúns sectores en Uganda, que alertan da “inconveniencia” que supoñen estas ordes de arresto para as negociacións de paz entre o goberno e os rebeldes). Un esforzo que ben paga a pena e que debera facerse conxuntamente entre a comunidade internacional (especialmente a UE), as autoridades de Uganda e os países fronteirizos onde se poidan refuxiar as tropas rebeldes –principalmente a República Democrática do Congo como parte do TPI e Sudán que malia non asinar o estatuto de Roma podería ofrecer a súa colaboración para gañar algo de respecto en Occidente-, pois se é a xustiza o que está en xogo, é bo lembrar que non hai paz sen xustiza. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 29/10/2005 |