Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
Liberia: esquecendo o pasado
Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 16/11/2005)
 
 

  Ould Taya, clic para aumentar
Ellen Johnson-Sirleaf, este é o nome da primeira muller en conseguir a presidencia dun país africano, neste caso de Liberia. O proceso electoral liberiano –avalado en xeral polos observadores electorais da UE, Centro Carter e Instituto Nacional Democrático– acaba de finalizar, un mes despois de que 22 candidatos concorreran á primeira volta duns comicios que viñan a selar a fin do angustioso e inestable proceso de pacificación comezado en 2003 e a demostrar as ansias democráticas dunha poboación esgotada por 14 anos de guerra.
 
Ellen Johnson-Sirleaf, este é o nome da primeira muller en conseguir a presidencia dun país africano, neste caso de Liberia. O proceso electoral liberiano –avalado en xeral polos observadores electorais da UE, Centro Carter e Instituto Nacional Democrático– acaba de finalizar, un mes despois de que 22 candidatos concorreran á primeira volta duns comicios que viñan a selar a fin do angustioso e inestable proceso de pacificación comezado en 2003 e a demostrar as ansias democráticas dunha poboación esgotada por 14 anos de guerra. O triunfo desta veterana política e economista –popularmente coñecida como a “dama de Ferro”– prodúcese contra todo prognóstico, logo de derrotar a ex-estrela futbolística George Weah –coñecido como o “rei George”–, quen obtivera o respaldo maioritario na primeira volta destas eleccións celebradas o 11 de outubro pasado.

A República de Liberia, situada en África Occidental e cunha poboación aproximada de tres millóns de habitantes, é un dos países máis vellos de todo o continente africano. Foi colonizada en 1822, coincidindo co desembarco masivo nas súas costas de escravos liberados procedentes dos EEUU (coñecidos como Americo-Liberianos). En 1847 estes colonos afroamericanos –financiados pola American Colonization Society– declararon a independencia desta república, que gobernarán ata 1980, cunhas políticas de discriminación, explotación e dominación sobre as tribos autóctonas –consideradas polos colonos como incivilizadas e inferiores–.

A finais de 1979, a dominación da minoría Américo-liberiana toca ao seu fin, logo de que unhas revoltas sociais –fortemente reprimidas polo entón presidente William R.Tolbert– finalicen cun golpe de estado liderado por Samuel Kanyon Doe, quen pertencía á etnia dos Krahn –maioritaria entre a poboación nativa do país– e quen instaura un réxime totalitario, represivo e corrupto, favorecedor dos intereses da súa etnia –feito que contribuíu decisivamente ó aumento das tensións entre as restantes etnias que poboaban o territorio liberiano e o seu goberno–.

O descontento tanto no exterior –EEUU, Francia– como no interior –aumento da violencia e da represión– con respecto ao crecente absolutismo de Samuel Doe, levará finalmente ao colapso político, económico e social das estruturas do país que, a partires de 1989, se verá inmerso nunha tráxica guerra civil –causante duns 200.000 mortos e preto dun millón de desprazados– que se estenderá ata o ano 2003 e na que a loita polo control das minas de ouro e diamantes (e o seu posterior tráfico ilegal) xogou un papel primordial.

O primeiro período desta guerra civil (1989-1996), comeza cando as milicias da Fronte Patriótica Nacional –NPFL– capitaneadas por Charles Taylor e Prince Johnson entran en Liberia –a comezos de 1989–. Tan só un ano despois, e logo dunha serie de crueis enfrontamentos –nos que as mutilacións, torturas, violacións e o recrutamento forzoso de nenos e nenas estaban á orde do día–, as tropas rebeldes conseguen chegar a Monrovia e poñen fin ao réxime de Doe –quen será torturado ata a morte por Johnson–. Logo da caída do réxime, Liberia será protagonista dunha loita fratricida entre o NPFL de Taylor –que se fai forte no Norte–, a facción escindida do NPFL –liderada por Johnson que dominaba parte da capital–, o Exército de Liberia e outros grupos rebeldes. Esta primeira etapa contou, tamén, coa intervención da Comunidade de Estados de África Occidental –ECOWAS– que consegue implantar un goberno interino presidido por Amos Sawyer e co despregue de tropas das Nacións Unidas –UNOMIL–.

Finalmente, os belixerantes e o goberno interino decidiron poñer fin ó enfrontamento e asinaron os acordos de Abuja en 1995, retrasados ata 1997 debido a novos choques armados. Nese ano celebráronse as eleccións á presidencia –ás que concorrera Ellen Johnson-Sirleaf– que deron como gañador ao rebelde Charles Taylor, vencendo deste xeito o voto do medo espallado durante esa campaña polo vencedor.

Os anos de goberno de Taylor –caracterizados polo espolio ilegal dos recursos naturais do país, a corrupción, o tráfico de armas, a violencia gobernamental...– foron de todo menos tranquilos xa que dende 1999, a aparición dos rebeldes do LURD –Liberianos Unidos pola Reconstrucción e a Democracia– supón o inicio da segunda etapa da guerra civil, que contará a partir de 2003 cun novo grupo rebelde, o Movemento pola Democracia en Liberia –MODEL–. Nese momento, o goberno de Monrovia tan só controlaba unha terceira parte do territorio.

No verán de 2003, os esforzos realizados pola ECOWAS deron lugar á sinatura dos acordos de paz de Accra, entre o goberno de Monrovia, os grupos rebeldes –LURD e MODEL– e os partidos políticos existentes. Estes acordos suporían a formación dun Goberno de Transición compartido (presidido por Gyude Bryant), coa misión de dirixir ó pais ata a celebración das eleccións actuais, é o despregue dunha nova misión das Nacións Unidas –UNMIL, composta por 15000 “cascos azuis”– encargada de asistir á implementación dos acordos de paz e protexer á poboación civil.

Estes acordos motivarán a posterior renuncia de Charles Taylor –exiliado en Nixeria onde conta con todo tipo de comodidades– e a posterior orde de detención por parte do Tribunal Especial para Serra Leona contra el –baixo a acusación de cometer 17 crimes de guerra e crimes contra a humanidade, a través do apoio prestado aos rebeldes que sementaran o terror nese país veciño durante os anos noventa–.

Ábrese agora unha nova etapa chea de oportunidades para Liberia –situada no noveno posto do Índice de Estados Fallados–, onde a candidata gañadora terá que facer fronte a toda unha serie de desafíos que medirán a fortaleza do actual proceso de paz e a madurez política do país.

A implantación dun sistema democrático xusto e transparente, o desenvolvemento económico, a normalización das deterioradas relacións cos seus países veciños, a posta en marcha dun novo sistema educativo e sanitario, a reconstrucción das hoxe en día inexistentes infraestruturas, a loita contra a acuciante corrupción e a pobreza, o completo desarme e desmobilización da poboación, a reconciliación nacional dunha sociedade acostumada á guerra, a promoción da inversión estranxeira..., en definitiva, uns retos que deben ser superados para que Liberia esqueza, dunha vez por todas, o seu escuro pasado.

 

Carlos Negreira Espasandín,
estudiante da USC en prácticas no Igadi.

Carlos Negreira Espasandín, clic para aumentar
 
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/11/2005
Fernando Pol


Subir