| Presenza-Opinión |
||
| Europa en misión de paz Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 05/12/2005) |
||
|
O proceso de construción da PESD, que xunto coa Política Comercial, a Política de Desenvolvemento e Axuda Humanitaria forman a Política Exterior e de Seguridade Común da UE, débese enmarcar no conxunto das iniciativas lanzadas, por parte dalgúns países europeos como Francia ou Alemaña, de cara a dotar á UE dunhas capacidades civís e militares que permitan o funcionamento real e efectivo da acción exterior europea. Unha acción exterior, que no seu momento fora creada, entre outras cousas, para axudar ao mantemento da paz e seguridade mundial; neste senso, a PESD se concibe como unha política destinada a facer efectivo ese obxectivo europeo. A orixe desta incipiente política, máis alá da fracasada Comunidade Europea da Defensa dos anos cincuenta, atopámola no Tratado da UE de 1992, onde se instaba á futura construción da PESD, e no deseño das Misións Petersberg do mesmo ano. Mais foron os Consellos Europeos de Viena en 1998, Helsinki en 1999 e Laeken en 2001 xunto co Tratado de Niza, os que deron o pulo definitivo para o funcionamento teórico e práctico desta política. Neses tres Consellos e no Tratado, se establece que a PESD será o instrumento principal que permita á UE asumir as súas responsabilidades no mundo, e se acorda o denominado Helsinki Headline Goal, hoxe coñecido como Headline Goal 2010, que fixa unha serie de condicións, económicas e materiais, destinadas ao cumprimento das misións Petersberg asumidas dentro desta política: as operacións humanitarias, de busca, rescate e evacuación; as tradicionais operacións de mantemento da paz; e as misións de combate e pacificación. Xunto coas capacidades militares, a UE tamén acorda o desenvolvemento de capacidades civís destinadas é realización de misións de policía, de creación do Estado de Dereito e de Administración e Protección Civil. Dentro das misións ata hoxe realizadas pola UE, atopamos a operación Concordia en Macedonia, composta por persoal militar destinado a creación dun ambiente de seguridade; a Eujust Themis en Xeorxia, compoñente civil para fomentar e implantar o imperio da lei; e a operación Artemis no Congo, para a imposición da paz. Actualmente a UE, está presente militarmente en Bosnia-Herzegovina (operación Althea), policialmente en Macedonia (operación Proxima), Palestina e no Congo (Eupol Kinshasa e Eusec RDC), e civilmente no Iraq (Eujust Lex). Ademais controla o proceso de paz en Aceh (Indonesia) e financia as operacións de pacificación (Amis I e II) da Unión Africana en Darfur (Sudán). Dentro deste pequeno, aínda que importante, elenco de misións realizadas pola UE baixo o amparo da PESD, destaca sobre todo a operación Artemis, desenvolvida durante o ano 2003 na capital da provincia de Ituri, no norte da República Democrática do Congo (RDC). Esta provincia do territorio da RDC, fora testemuña durante os anos 1995-2002 de loitas encarnizadas entre as distintas milicias étnicas, principalmente os hema e os lendu, que poboaban esa rexión; ademais tamén fora obxecto de sendas incursións das forzas armadas de Ruanda e de Uganda. No ano 2003, ante unha nova escalada de violencia inter-étnica en Bunia, capital de Ituri, que superou por completo ás capacidades da MONUC, que era a misión das Nacións Unidas alí despregada, o secretario xeral da ONU reclamou ós líderes europeos unha rápida intervención sobre o terreo capaz de poñer freo ás matanzas de civís que alí se estaban a producir. A resposta da UE foi o envío dunha misión de imposición da paz, composta por uns 1.500 soldados europeos, baixo o amparo das Nacións Unidas (Resolución 1.484 do Consello de Seguridade, que autoriza o despregue dunha misión baixo o paraugas do capítulo VII da Carta). Esta misión, que recibe o nome de Operación Artemis, supuxo a realización da primeira operación militar da UE completamente autónoma, é dicir, fóra do marco dos acordos Berlín Plus, que autorizaba á UE a dispoñer da estrutura da OTAN neste tipo de misións, e tamén, a primeira misión da PESD despregada fóra de Europa. O “éxito” final desta misión, que conseguiu pacificar a capital de Ituri e frear o abastecemento armamentístico das milicias, serviu de exemplo para os líderes europeos de como deberían ser os futuros pasos que a PESD habería de dar no ámbito da prevención e xestión de crises. Deste xeito, a UE segue a estar presente, na actualidade, no proceso de paz da RDC a través da Misión de Policía en Kinshasa, destinada a adestrar e asistir á Unidade de Policía Integrada, formada por congoleses e encargada de garantir a seguridade deste proceso de transición, e da Misión de Asistencia e Consello á Reforma da Seguridade na RDC. Ademais, o modelo de intervención (unha forza militar reducida, con soporte aéreo, e con capacidade para despregarse en menos de dez días) pasou a converterse en norma (EU Battle Groups) para as futuras misións dentro do ámbito Petersberg. A pesar de que os resultados da operación Artemis amosan un saldo positivo, débense ter en conta varias consideracións, que limitan dalgún xeito ese éxito europeo nas labores de pacificación na RDC. En primeiro lugar, aínda que esa misión levase a bandeira da UE, na práctica foi realizada por Francia, quen puxo o 90 por cento das tropas e das infraestruturas. E en segundo lugar, foi unha misión limitada no espazo (unha cidade) e no tempo (de xuño a setembro de 2003), persistindo a situación de violencia no resto da rexión. Finalmente, debemos sinalar que se ben os pasos dados ata o de agora foron bastante certeiros, no senso de avanzar nese proceso de construción da PESD (Estratexia Europea de Seguridade de 2003, institucionalización desa política no texto do naufragado Tratado Constitucional europeo), non debemos esquecer a realidade máis que limitada da PESC e por conseguinte da PESD, xa que dentro desa intención de desempeñar un papel independente dentro do sistema internacional, a UE segue a depender en grande medida do que decida e faga a potencia norteamericana e do que ela lle permita facer. A isto cómpre unirlle as históricas reticencias dos británicos e dalgúns outros membros da UE, como o caso dos países bálticos, de cara a consolidar unha PESD que supere o marco das relacións transatlánticas. Ademais, no contexto estrito da pacificación, debemos ter presente que a día de hoxe, a UE por si mesma (como a guerra dos Balcáns deixou claro) non está preparada para asumir unha operación de envergadura que, por exemplo, consiga deter eficazmente un conflito armado fóra das súas fronteiras. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 05/12/2005 |