Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
Etiopía-Eritrea: tensando a corda
Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 24/12/2005)
 
 

  Joseph Kabila, clic para aumentar
A orixe do actual desencontro reside no rexeite frontal de Etiopía a abandonar a cidade de Badme, ocupada militarmente durante a guerra e posteriormente adxudicada aos eritreos por unha Comisión de Fronteiras independente. A devolución desta cidade, fronteiriza coa rexión do Tigré de onde procede o primeiro ministro etíope, Meles Zenawi, é considerada polo presidente eritreo, Isaias Afewerki (na foto), como condición previa para a estabilidade e definitiva pacificación da zona.
 
Unha vez máis, a inestable rexión do Corno de África, composta por Sudán, Etiopía, Eritrea, Djibuti e Somalia, semella estar ao borde do colapso. Aos coñecidos problemas que levan azoutando a Somalia e Sudán durante a última década, se lles une unha vez máis a repunta da inimizade entre Etiopía e Eritrea, que segundo a Resolución 1640 do Consello de Seguridade da ONU do 23 de novembro pasado, está a poñer en risco o proceso de paz comezado no ano 2000.

Este proceso de paz, posibilitado pola sinatura dos Acordos de Alxer, puxo “fin” a dous anos de guerra entre ambos estados, que custou a vida dunhas 70.000 persoas e que intensificou considerablemente os grandes problemas de orde político, económico e social que historicamente sofren ambos contendentes. Unha guerra da que, segundo un recente ditame, Eritrea foi responsable, xa que o uso da forza empregado en primeiro lugar por Asmara, non pode ser xustificado en función da lexítima defensa, posto que, seguindo se di no citado documento, non existiu un acto de agresión previo de parte etíope.

A orixe do actual desencontro reside no rexeite frontal de Etiopía a abandonar a cidade de Badme, ocupada militarmente durante a guerra e posteriormente adxudicada aos eritreos por unha Comisión de Fronteiras independente. A devolución desta cidade, fronteiriza coa rexión do Tigré de onde procede o primeiro ministro etíope, Meles Zenawi, é considerada polo presidente eritreo, Isaias Afewerki, como condición previa para a estabilidade e definitiva pacificación da zona.

O actual escenario, cualificado pola MINUEE, Misión das Nacións Unidas en Etiopía e Eritrea, como “situación tensa e altamente volátil” está a empeorar de xeito moi preocupante, e incluso se está considerando a retirada das tropas multinacionais ante a acumulación de efectivos militares, etíopes e eritreos, no borde da fronteira. Cabe dicir que o precario estado deste proceso de paz está motivado, entre outras razóns, pola falla de vontade e de iniciativa da comunidade internacional á hora de instar ás autoridades etíopes a aceptar os resultados desa Comisión de Fronteiras.

Neste contexto, cabe encadrar o actual discurso do presidente Afewerki, quen é sinalado, na Resolución antes mencionada, coma o responsable principal do aumento das tensións entre ambos países. Esta Resolución tamén ameaza con medidas duras para ambos se non se reducen as tensións. Segundo varios analistas, as dificultades que as autoridades eritreas están a poñer ó labor de pacificación da MINUEE deben ser entendidas como represalia eritrea ante esa pasividade da comunidade internacional para facer efectivas as decisións vinculantes da Comisión de Fronteiras.

Dentro das últimas decisións tomadas por Asmara, destacan as trabas aos cascos azuis no seu labor diario de control da fronteira, denominada Zona de Seguridade Temporal, impoñendo restriccións temporais e xeográficas aos seus movementos e limitando a operatividade real desa misión. Tamén cabe mencionar a decisión de prohibir a presenza dos cascos azuis de EEUU, UE, Canadá e Rusia en solo eritreo, que se encadra nesas mensaxes directas de Afewerki a Occidente, aínda a sabendas de que o continxente occidental a penas supón uns 150 dos máis de 3.000 homes despregados na zona.

Con respecto ao actual discurso etíope, este céntrase en non abandonar os territorios conquistados durante a guerra, a menos que se inicie un novo diálogo que revise en última instancia a delimitación de fronteiras feita en 2002.

Alén das consideracións sobre a orixe e natureza da controversia entre ambos, débese ter presente a delicada situación a nivel interno que se está a vivir en ámbolos dous países. No caso etíope, a actualidade política centrase nas denuncias de fraude feitas polos partidos da oposición ante as eleccións xerais de maio pasado, nas que o partido do primeiro ministro, Meles Zenawi, saíu unha vez máis vencedor. A estas denuncias e aos máis que evidentes retrocesos democráticos que se están a producir, uníronselles nos meses de xuño e novembro pasados, unhas masivas protestas artellladas dende a oposición que remataron con máis de cen mortos a mans da policía etíope e de centos de detidos. Isto está a ocorrer nun país, no que o seu líder, Meles Zenawi, forma parte da Comisión para África de Tony Blair, que ten como obxectivo primordial a promoción da boa gobernanza.

No caso da veciña Eritrea, a situación política interna pódese considerar “estable”, mais tendo en conta que, neste caso, estabilidade supón a continuidade dun réxime nacionalista no que o proceso constitucional está en suspenso, as eleccións son aprazadas indefinidamente, as liberdades fundamentais non son máis que artificiais, o recurso á ameaza exterior é empregado de xeito constante e a axuda externa é vista con moita desconfianza.

Ademais, cómpre ter en conta a extrema pobreza que afecta a esta rexión, que neste caso vese agravada polas terribles secas que a azoutan, e que do problema da escaseza de alimentos un mal eterno. Segundo o Banco Mundial, Etiopía é o país máis pobre do mundo, ocupando ámbolos países as derradeiras posicións do Índice de Desenvolvemento Humano do PNUD. Unha difícil realidade que non debería ser castigada cunha nova guerra.

 
 

Carlos Negreira Espasandín,
estudiante da USC en prácticas no Igadi.

Carlos Negreira Espasandín, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/12/2005
Fernando Pol


Subir