| Presenza-Opinión / África |
||
| Etiopía-Eritrea: a paz en perigo Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 04/11/2005) |
||
|
O conflito entre estes dous países –que actualmente figuran entre os máis pobres do planeta– remóntase ao ano 1962, cando o monarca etíope Haile Selassie revocou a autonomía de Eritrea (dende 1952 rexión autónoma federada con Etiopía), converténdoa nunha provincia máis do seu reino. A partires dese momento, a poboación eritrea comezará unha longa loita pola independencia, asumindo o EPLF –Fronte de Liberación Popular de Eritrea– o papel protagonista principal cun líder, Isaias Afewerki, que se converterá posteriormente en presidente eritreo. O obxectivo independentista do EPLF plasmarase na realidade en 1991, logo de derrocar, en alianza coa Fronte de Liberación Popular do Tigré –do actual presidente etíope, Meles Zenawi, que entón exercía como líder– ó réxime de orientación socialista de Mengistu que gobernaba en Etiopía dende 1974. A chegada á presidencia de Zenawi (compañeiro de armas dos eritreos), facilitou a apertura dun proceso constituínte que rematou coa independencia de Eritrea logo da convocatoria do referendo de 1993. A creación do novo estado eritreo (recoñecido con dificultades pola Unión Africana) e a coincidencia na presidencia de ambos países por parte de vellos amigos –Zenawi e Afewerki– non supuxo a fin dos problemas entre os dous veciños. En 1998 estalou unha guerra –ante a pasividade dunha comunidade internacional entón centrada nos bombardeos da OTAN sobre Cosova– que se alongou ata mediados do 2000, e que puxo de manifesto de novo a intensidade das diferencias históricas entre os dous estados. As causas que motivaron este enfrontamento militar son variadas: a ruptura unilateral do mercado único etíope-eritreo (cando as autoridades eritreas deciden crear unha nova moeda), as diferencias en canto ao uso común do porto eritreo de Assab (que representaba a única saída ó mar para Etiopía), o incremento do prezo do cereal etíope (do que Eritrea depende totalmente)... Pero a principal foi a delimitación da fronteira ente ambos países, que se traduce nas disputas pola cidade de Badme, obxecto de reclamación por parte de ambos. Esta cidade –de escaso valor estratéxico ou económico, pero cun alto valor simbólico xa que alí xurdiu o movemento guerrilleiro que finalmente consegue acabar co réxime de Mengistu– foi a causante directa do inicio da contenda militar, e durante os dous anos que durou este enfrontamento armado pasou polas mans tanto dos eritreos como dos etíopes, sendo a protagonista de dúas grandes batallas que, segundo algúns, foron libradas ao estilo da I Guerra Mundial, co uso masivo de tropas de infantería e mesmo polo tipo de armamento empregado. Despois de dous anos de destrucción mutua, duns 70.000 mortos, de centos de miles de desprazados e de miles de deportados, de afondar na situación de extrema pobreza das poboacións destes países, e de dous fallados procesos de negociación para a sinatura dun armisticio, chegouse a un acordo de paz (facilitado pola labor da Unión Africana), asinado a finais do ano 2000 por ámbalas partes en Alxer, e polo que se establecía un definitivo alto ao fogo, a retirada das tropas cara as posicións de pre-guerra e se acordaba o despregue dunha forza de mantemento da paz –que velase polo cumprimento dos acordos de Alxer– ao longo da controvertida fronteira que separa aos dous países, agora convertida en Zona de Seguridade Temporal. Unha Comisión de Fronteiras independente habería de fixar a fronteira definitiva entre ambos. Os resultados desta comisión –feitos públicos en 2002– non foron aceptados polo goberno etíope, que non admite a adxudicación da cidade de Badme aos eritreos. O proceso de paz estancárase ante a negativa de Meles Zenawi (quen fora definido por Clinton como paradigma dunha nova xeración de líderes africanos comprometidos coa defensa da democracia liberal) a abandonar a cidade –ocupada actualmente por Etiopía de xeito ilegal– e a intransixencia de Afewerki –quen considera as novas fronteiras como intocables– a iniciar un novo diálogo que poña fin ás disputas territoriais. A inestabilidade deste proceso de paz conta, ademais, co problema da falta de vontade internacional para facer que os acordos de paz se leven á práctica e sexan respectados. Deste xeito, o goberno eritreo, a pesares de contar co respaldo da legalidade internacional con respecto ás súas reclamacións territoriais, non ten o apoio nin das potencias mundiais –que cuestionan o seu réxime–, nin dos países veciños. Asmara está enfrontada cos gobernos de Iemen, Sudán e Djibuti para conseguir que Etiopía respecte as decisións da Comisión; ademais as trabas ó labor da MINUEE por parte de Afewerki non fan máis que xerar reticencias cara o seu país. Unha situación moi distinta vive Etiopía, que malia os retrocesos democráticos que este país está a sufrir –eleccións non recoñecidas pola oposición–, aínda goza do favor de Occidente. Zenawi formou parte da Comisión para África de Tony Blair e, pola súa situación xeográfica, Etiopía é un país clave na alianza contra o terrorismo da administración Bush, quen está a facer oídos xordos ante as lexítimas reclamacións de Eritrea. Estes obstáculos, aínda que importantes, deben ser superados xa que a realidade de ámbolos dous países, marcada polas continuas fames e pola extrema pobreza, impón a necesidade dun novo impulso político que finalice co actual estancamento deste proceso; un impulso que debería significar o abandono das posturas belixerantes por parte de Zenawi (quen xa afirmou que “recoñece en principio” os resultados da Comisión de delimitación de fronteiras) e de Afewerki. Unha nova escalada militar suporía un enorme revés tanto para as esperanzas de desenvolvemento de etíopes e eritreos como para a necesaria estabilidade rexional. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 06/11/2005 |