| Presenza-Opinión / África |
||
| Estados Fallados: a nova desorde mundial Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 23/11/2005, 24/11/2005 e 03/12/2005) |
||
|
O debate arredor do concepto de Estado Fallado –e as súas implicacións no tocante á seguridade internacional–, acaba de recibir un novo pulo proveniente do estudo realizado entre as institucións norteamericanas, Fondo pola Paz e Fundación Carnegie pola Paz Internacional. Este estudo elaborou o primeiro Índice Anual de Estados Fallados que mostra, en función de diferentes variables de tipo político, económico, social..., un ránking de estados en risco de desintegración e de quebra efectiva. A conclusión máis chamativa que se desprende do estudo é que uns dous mil millóns de persoas habitan países en perigo de colapso, que segundo este Índice son uns 60 estados repartidos ó longo de todo o taboeiro mundial. A rexión que máis estados fallados acolle é a África subsahariana, seguida de Asia, América Latina, Oriente Medio e Europa do Leste. Un panorama internacional definido como de “nova desorde mundial” –utilizando o título dun libro de Tzvetan Todorov–. Os dez primeiros postos desta lista de “estados en estado precario” están ocupados por Côte d’Ivoire, República Democrática do Congo –RDC–, Sudán, Iraq, Somalia, Serra Leona, Chad, Iemen, Liberia e Haití. Entre eles tamén atopamos a países da importancia de Rusia, Turquía ou Irán –aínda que a debilidade e natureza fallada destes estados poderíase poñer en cuestión–. Segundo este informe, un Estado falla e fracasa, cando o goberno perde o control de parte do seu territorio (e a súa autoridade é suplantada por unha forza antagonista) ou non consigue manter o monopolio do uso lexítimo da forza. A falla de autoridade para tomar decisións colectivas e manter o imperio da lei, a incapacidade para garantir o acceso por parte dos nacionais aos servizos e bens públicos máis básicos, cando a poboación non paga os seus impostos e practica a desobediencia civil a gran escala –ou simplemente non recoñece á autoridade vixente–, a presenza estranxeira en forma de ocupación militar ou de sancións políticas, económicas, comerciais de orde internacional... tamén son presentados como síntomas da progresiva descomposición dun estado como tal. A importancia que supón –para a estabilidade e a seguridade mundial– a existencia de Estados débiles en determinadas partes do mundo, comezou a medrar –e a ter relevancia nos medios de comunicación– a comezos dos anos noventa, cando os casos de Somalia, a ex-Iugoslavia, Haití ou a República Democrática do Congo provocaron enormes crises humanitarias que só se puideron “atallar” mediante intervencións militares de moita envergadura. Estas intervencións non resolveron eficazmente o problema político co que se enfrontaban, de maneira que estes países seguen a vivir na actualidade, unha situación de caos político, económico e social que dificulta enormemente a posibilidade da súa normalización –como estado– e do éxito das misións alí despregadas –Operación Althea da UE en Bosnia, MINUSTAH en Haití ou MONUC na RDC–. Non obstante, o problema dos Estados Fallados –e dos Estados Canallas– adquiriu unha relevancia internacional sen precedentes a partir dos atentados terroristas do 11-S. Nese momento a Administración Bush, decide que a existencia de países nos que “a anarquía se impón como a institución dominante”, constitúe unha ameaza real e directa para a seguridade nacional dos EEUU –Estratexia de Seguridade Nacional de 2003– e por tanto, debe ser tratada e combatida como tal. Unha ameaza que posteriormente foi asumida polo resto do mundo, particularmente pola Unión Europea –coa Estratexia Europea de Seguridade, tamén coñecida como Estratexia Solana–. En canto ás causas que poden ser determinantes para provocar o colapso dun estado, este informe sinala o desenvolvemento desigual e o mal reparto da riqueza –Colombia–, a existencia de fames non atalladas –Somalia–, a criminalización e deslexitimación do Estado producida por unhas institucións corruptas, ilegais ou ineficaces –Sudán, Liberia–, a presión demográfica derivada da existencia de poboacións refuxiadas ou desprazadas no interior dun país –RDC–, a degradación ambiental –Nixeria–, as violacións constantes de dereitos humanos, o incremento de tensións relixiosas, étnicas ou entre diferentes grupos sociais –Bosnia–... Cando estes indicadores se atopan dentro do territorio dun estado, o que acontece habitualmente é o estoupido dunha guerra civil –Somalia, Costa do Marfil, RDC, Serra Leona– no que distintas faccións armadas, controladas por señores da guerra, tentarán de conquistar o poder ou, no caso contrario, de manter a súa autoridade sobre unha determinada parte do territorio dese país que posibilite a súa subsistencia. Tamén pode suceder, que o Estado Fallado xogue un papel de desestabilización rexional –a Liberia de Charles Taylor–, mediante a promoción, sustento ou apoio a grupos rebeldes que operan nos países veciños e que poden provocar a quebra dos mesmos. Outra das posibilidades máis comúns é que ese estado se converta nun paraíso para a proliferación de grupos terroristas –o réxime talibán en Afganistán, o Iraq actual–, para a venda ilegal de armas e de drogas –países da extinta Unión Soviética– ou para a destrución e espolio dos recursos naturais a través da súa explotación con fins privados ou co obxectivo de alimentar un conflicto –Angola–... A proliferación deste tipo de estados, segundo algúns estudos, é consecuencia directa da fin do enfrontamento bipolar e da competición entre as potencias en determinadas zonas do Terceiro Mundo (principalmente en África), que dou lugar ó remate das axudas económicas e militares a grande escala por parte dos EEUU e da URSS –principalmente naqueles países onde intereses xeoestratéxicos ou económicos estaban en xogo– e que puxeron de manifesto a debilidade estrutural –a nivel gobernamental e económico– que padecían estes “países clientes” e que ata entón fora disimulada con maior ou menor éxito, pero que, unha vez deixados de lado comezaron o seu colapso. Tamén a desintegración da URSS, e o posterior nacemento de novos países que herdaron costumes pouco democráticas e sistemas corruptos, o deseño de políticas económicas equivocadas –dende as institucións financeiras internacionais– para países en risco de fallar ou os efectos negativos da globalización son factores que contribuíron en grande medida ó crecemento deste fenómeno. A cuestión agora, comprobadas as ameazas que este tipo de estados poden xerar a nivel local, rexional e internacional, deberíase enfocar na axuda á reconstrución e fortalecemento destes Estados dende unha perspectiva global, combinando a creación de novas institucións e estruturas estatais coa axuda ó desenvolvemento e a asistencia humanitaria. Trátase por tanto de levar á práctica unha estratexia de prevención –mecanismos de alerta tempérana, diplomacia preventiva– que permita actuar antes de que o estado quebre e provoque o caos, a desorde e a anarquía. Situacións que unha vez espalladas son moi difíciles de controlar e reparar como o caso de Bosnia –10 anos despois– pon de manifesto. En último termo, o éxito dunha estratexia deste tipo –apoiada nos últimos anos pola UE e a ONU–, dependerá da vontade política internacional –traducida no nivel de esforzos e recursos que se queiran dedicar– á hora de afrontar este problema. Ata o momento, semella que a prevención non foi unha das opcións prioritarias escollidas pola comunidade internacional para loitar contra a desintegración dos estados.
Se a existencia dun amplo número de Estados Fallados a nivel mundial constitúe un problema e unha ameaza de primeiro nivel para o mundo occidental, entón as súas miradas e esforzos deberíanse focalizar un pouco máis en África. Deixando de lado aqueles países en risco ou perigo de colapso, este continente, ou mellor dito a rexión subsahariana, acolle unha importante cantidade de Estados plenamente fallados. É dicir, países que durante períodos significativos de tempo, contan con gobernos que están lonxe de ser efectivos, ben sexa porque o seu radio de acción se limita a unha pequena parte do seu territorio –debido a presenza de forzas rebeldes antagonistas ou “señores da guerra”– ou porque a súa autoridade é posta en cuestión pola maioría da sociedade, que non recoñece a lexitimidade dos seus representantes políticos. Tomando como referencia a anterior definición, limitada e xeral, de Estado Fallado, comprobamos que na actualidade a rexión da África subsahariana está composta por varios países destas características, dos cales Côte d’Ivoire, República Democrática do Congo, Sudán e Somalia sobresaen por enriba dos demais. Nestes catro casos están presentes tódolos síntomas que se necesitan para poder falar de “estado quebrado”. En Côte d’Ivoire e Sudán, as autoridades centrais loitan contra grupos rebeldes, que ademais de cuestionar o poder dos gobernos centrais, controlan parte do territorio destes países, imposibilitando, deste xeito, a gobernanza efectiva dos mesmos –no caso de Côte d’Ivoire, os rebeldes gobernan o norte do país–. Por outra banda, as poboacións de ámbolos dous países, en maior ou menor medida, poñen en dúbida a lexitimidade dos seus gobernantes, e a incapacidade gobernamental en canto a provisión dos servizos e bens básicos é máis que notoria. A República Democrática do Congo (RDC) –no que actualmente unha forza multinacional, composta por máis de 15.000 persoas, baixo a bandeira das Nacións Unidas (MONUC) está a sustentar un fráxil e débil proceso de paz–, é outro dos casos representativos deste tipo de estados. O colapso da RDC –entón coñecida como Zaire–, coincide co incremento do malestar político-social contra ó indescritible réxime de Mobutu Sese Seko –un dos máis corruptos e totalitarios de toda a historia do continente– quen paulatinamente irá perdendo o control efectivo do seu territorio en favor dos rebeldes liderados por Laurent-Désiré Kabila. Unha vez derrocado Mobutu en favor de Kabila, este será incapaz de impoñer e consolidar a súa autoridade, dando lugar ó derrubamento total do país. Un país que posteriormente se verá inmerso nunha nova guerra civil na que a anarquía e a desorde se apoderaron –ata hoxe en día– de tódalas estruturas da sociedade. Cómpre sinalar que o fracaso deste estado e as dúas guerras que o azoutaron, unha delas coñecida como a Primeira Guerra Mundial Africana polo número de estados que nela interviñeron, provocaron, directa e indirectamente, máis de tres millóns de mortes e varios millóns de desprazados. Se o caso da RDC é representativo, o de Somalia constitúe o paradigma dos estados fallados. Neste país conxúganse a maior parte dos trazos que definen a “un estado en mal estado”: a inexistencia dun goberno efectivo e do imperio da lei, un territorio repartido entre varios “señores da guerra”, os procesos de secesión postos en marcha en determinadas rexións –Somalilandia–, as acusacións de dar refuxio a redes terroristas e capos da droga, fames, pobreza, violencia, enfermidades e criminalidade xeralizadas... Un panorama terrorífico e anárquico que leva presente no país dende que o ditador Siad Barré fora derrocado a comezos dos anos noventa, e que non semella que poida ser arranxado a curto prazo –o que nos pode dar unha idea da dificultade que supón reconstruír un país en situación de quebra efectiva–. Ademais destes casos, debemos ter en conta, que o continente africano está poboado por toda unha serie de estados en risco de volver a fallar; é o caso de países como Liberia, Serra Leona, Guinea ou Angola, nos que malia a existencia de procesos de paz e de reconstrución –máis ou menos consolidados–, a situación coa que se enfrontan é tremendamente delicada. Tamén en Chad, República Centroafricana, Togo ou Zimbabwe as posibilidades de colapso están a medrar perigosamente. Esta desorde imperante nos países africanos non é unha situación novidosa, posto que xa fora denunciada con brillantez a mediados da década pasada por Robert Kaplan no artigo “A anarquía que ven” (posteriormente convertido en libro), no cal se describía a situación de caos e desorde que reinaba nas rúas de países de África Occidental como Serra Leona ou Côte d’Ivoire, e se advertía que de espallarse esta situación, o caos podería chegar a afectar directamente á estabilidade dos países occidentais. A clave reside en como arranxar a desorde no continente africano, esquecida polo mundo en xeral dende hai décadas, unha vez que as consecuencias que se poden derivar do caos –inestabilidade rexional, tráfico ilegal de armas e drogas, incremento do radicalismo relixioso e de grupos terroristas...– foran comprobadas polo conxunto da comunidade internacional en setembro de 2001, cando quedou demostrado que a inestabilidade nunha parte afastada e remota do mundo occidental pode afectar directamente á seguridade e á estabilidade internacional. Isto último queda maxistralmente reflectido nas palabras do presidente nixeriano Obasanjo, tamén actual presidente da Unión Africana : “A crise de Côte d’Ivoire é unha crise en África Occidental, o que significa unha crise en toda África, e toda África en crise constitúe unha ameaza para todo o mundo”.
A miopía da comunidade internacional á hora de considerar e facer seus os problemas que afectan ás zonas máis desfavorecidas e empobrecidas do planeta, queda reflectida, unha vez máis, en relación ás consecuencias que se derivaron, e se poden derivar, dos Estados fallados. É dicir, os problemas e ameazas que estes estados podían xerar, eran ben coñecidos pola maioría dos representantes políticos mundiais, que comprobaron en lugares tan dispares como Haití, Somalia, ex Iugoslavia, Afganistán ou Liberia as perigosas e ilegais actividades que no seu seo se estaban a realizar de xeito totalmente impune, ó carecer dun control efectivo sobre a totalidade do seu territorio. Esas actividades (tráfico ilegal de drogas, de armamento, de diamantes...) permitiron, durante moito tempo, o financiamento de grupos armados que operaban e actuaban libremente no interior deses estados, o enriquecemento de políticos corruptos e de señores da guerra, a organización de bandas de delincuentes internacionais, a proliferación de grupos terroristas etc. Mais o conxunto desas actuacións ilegais, que eran realizadas no interior de países afastados das grandes urbes occidentais, non eran consideradas como de extrema importancia para a seguridade nacional dos países occidentais, de maneira que o problema dos estados fallados, salvo no caso de derivar en catástrofes humanitarias, non formaba parte da axenda política internacional. Ademais, os estados fallados presentaban –e presentan- un problema engadido que proviña da súa incapacidade para asumir as funcións propias dun estado, entre elas a responsabilidade internacional, de maneira que resulta moi difícil esixir a responsabilidade internacional dun estado en quebra no caso de violacións de dereito internacional ou mesmo de dereito humanitario. A ausencia de responsabilidade tamén xera problemas á hora de enviar unha misión de mantemento da paz que contribúa á estabilización do país como paso previo para a súa reconstrución, xa que se necesita o consentimento expreso do estado receptor para o seu despregue. Esta situación de “esquecemento” dos estados en descomposición, comezou a mudar a fins dos anos noventa, cando a rede terrorista de Al Qaeda atenta contra as embaixadas estadounidenses de Kenia e Tanzania. Estes atentados viñeron a por de manifesto como o caos e a anarquía reinante en certos países era aproveitada por grupos terroristas, xa que neles atopaban refuxio seguros, ao tempo que os utilizaban para conseguir o financiamento das súas actividades. Nese momento, a problemática dos Estados débiles, matóns e fallados comeza a coller certa importancia en termos de seguridade para Occidente, como o demostra a súa inclusión na Estratexia de Seguridade Nacional norteamericana de 1999 redactada durante o derradeiro mandato do ex presidente Clinton. Mais sen dúbida algunha, o tratamento que ata entón recibiran os estados fallados quedará plenamente modificado despois do acontecido o 11-S en Washington e Nova Iorque. Os atentados terroristas alí ocorridos viñeron a poñer no ollo do furacán ao réxime talibán de Afganistán (estado matón e fallado por excelencia, segundo os cánones occidentais), que baixo a acusación de dar acollida e amparo, por acción ou omisión, aos responsables do ataque contra EEUU, foron afastados pola forza do poder e o seu país pasou a ser ocupado por unha coalición internacional (que actualmente está a “asistir” ás novas autoridades afganas no proceso de reconstrución do estado). A partires desa data, será cando o problema dos estados débiles ou fallados quede recollido xunto ó terrorismo e a proliferación de armas de destrución masiva como principal ameaza para a seguridade nacional de EEUU. En último lugar, isto supuxo modificar o esquema convencional que pasou de considerar a acumulación de poder como fonte de perigo, a considerar a súa dispersión como problema de maior importancia. Este progresivo papel protagonista que os estados fallados comezan a ter no conxunto da sociedade internacional, recibe o pulo definitivo coa primeira Estratexia Europea de Seguridade de 2003, que menciona xunto co terrorismo, a proliferación de armas de destrución masiva, os conflitos rexionais e a delincuencia organizada, á descomposición do Estado como unha das principais ameazas para a seguridade mundial e europea. Se ben o consenso, en canto á definición e importancia da problemática destes estados, é máis ou menos amplo, debemos deixar constancia que o tratamento deste problema está moi lonxe de acadar unha postura común, principalmente pola confrontación entre dúas visións antagonistas do mundo. Por unha banda, a perigosa visión sustentada pola actual administración estadounidense, que trata de defender a posición hexemónica do seu país –e por ende, a súa seguridade- por tódolos medios, utilizando a forza cando así se estime oportuno (incluso máis alá do regulado no capítulo VII da Carta das Nacións Unidas) e contando ou non co apoio dos demais membros da comunidade internacional. Por outra banda, a visión “europea” que aposta polas actuacións multilaterais, legais e concertadas no marco dos organismos internacionais para garantir a seguridade e estabilidade no mundo. Os estados en quebra, ademais de supoñer un grande problema en termos de seguridade e estabilidade internacional, tamén xeran dificultades relacionadas coa criminalización e deslexitimación do estado, a privatización da seguridade –exércitos privados que non responden ante ninguén, grupos rebeldes descentralizados e sen cadea de mandos...-, incremento da delincuencia común neses países froito da proliferación de armas pequenas ou lixeiras, a propagación de enfermidades como a SIDA... Este escenario de caos, que soportan as poboacións que habitan nos estados fracasados, é o máis parecido ao Estado de Natureza descrito por Hobbes, no que a loita de todos contra todos e a lei do máis forte se impón como norma para a supervivencia. Neste sentido, a comunidade internacional actual goza das capacidades necesarias para axudar a esas poboacións na súa saída dese estado de natureza. Ademais, o exemplo da reconstrución dos estados europeos logo da destrución causada pola primeira e segunda Guerra Mundial debería ser tido en conta á hora de definir as estratexias de reconstrución e consolidación do estado. Unhas estratexias que consideren a cada país individualmente xa que cada caso é diferente e ofrece distintas posibilidades -segundo Jean Germain Gros existen estados anárquicos (Somalia), fantasmas (Congo-Kinshasa), anémicos (Haití), capturados ou atrapados (Ruanda) e abortados (Angola)-, que definan un enfoque centrado a longo prazo para evitar solucións temporais que se demostran inviables unha vez que afrontan a súa consolidación, que involucren aos organismos rexionais e aos países veciños, que aproveiten os costumes e culturas autóctonas, que conten coas persoas máis capaces e comprometidas e que fomenten e institucionalicen a boa gobernanza. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 05/12/2005 |