Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
¿Democracia en África?
Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 19/10/2005)
 
 

  Eleccions presidenciais en Liberia, clic para aumentar
Durante o ano pasado e o que levamos deste, celebráronse eleccións democráticas en doce países con resultados satisfactorios –avalados por observadores de ONG's internacionais e locais–. Entre estes países é interesante sinalar os casos de Burundi, onde se culminou o proceso de paz mediante a celebración de eleccións democráticas a tódolos niveis; Lesotho, onde se convocaron por primeira vez eleccións a nivel local; e Liberia, que iniciará en próximas datas a segunda volta das eleccións presidenciais que poñerán fin á guerra civil vivida nos últimos anos. (Foto: Funcionarios en Monrovia fan reconto dos votos emitidos o día anterior nas eleccións presidenciais de Liberia celebradas o 11 de outubro de 2005).
 
Xeralmente, cando dende os países occidentais miramos –a través dos medios de comunicación de masas– cara o continente africano, a realidade que atopamos é case sempre negativa; unha realidade caracterizada pola existencia de guerras civís que semellan non ter fin e que acaban con xeracións enteiras dos pobos que as sofren, de FAMES xeneralizadas que provocan grandes crises humanitarias e só poden ser atalladas mediante a axuda externa, de pandemias coma a SIDA ou a Malaria que causan a diario miles de mortes –perfectamente evitables–; en definitiva, unha serie de problemas que fan de África un continente esquecido, subdesenvolvido e pobre.

A pesares destas consideracións que nos poden levar á conclusión –equivocada– de que todo está perdido neste continente, atopamos en certos países algúns feitos que nos fan albergar esperanzas dun futuro mellor para os pobos africanos; estoume referindo aos pequenos –aínda que grandes– pasos en prol da consolidación da democracia real neste continente levados a cabo en determinados países. Neste senso, é necesario facer mención ós estudos que amosan a relación que existe entre desenvolvemento e democracia, e que establecen que a condición ou requisito previo para a mellora económica e social dos países é a adopción da democracia como sistema de goberno.

Deste xeito, durante o ano pasado e o que levamos deste, celebráronse eleccións democráticas en doce países con resultados satisfactorios –avalados por observadores de ONG's internacionais e locais–. Entre estes países é interesante sinalar os casos de Burundi, onde se culminou o proceso de paz mediante a celebración de eleccións democráticas a tódolos niveis; Lesotho, onde se convocaron por primeira vez eleccións a nivel local; e Liberia, que iniciará en próximas datas a segunda volta das eleccións presidenciais que poñerán fin á guerra civil vivida nos últimos anos. Ademais, a democracia se consolidou e fortaleceu mediante a celebración de novas eleccións en países coma Namibia, Ghana, Botswana, Malawi, Sudáfrica, Níxer, Mozambique, República Centroafricana ou Guiné Bissau, malia que nalgúns deles coma no caso da victoria da SWAPO en Namibia ou da FRELIMO en Mozambique, a alternancia política aínda non tivo lugar.

Este proceso de establecemento e consolidación da democracia ao longo do continente africano, recibirá –presumiblemente– un novo impulso durante o vindeiro ano 2006, cando está previsto que se realicen eleccións democráticas nuns quince países.

Nalgúns casos estas eleccións virán a certificar a fin de longos procesos de paz e o posible establecemento dun novo sistema democrático, como na República Democrática do Congo ou en Angola; noutros, como en Uganda, suporán a fin do sistema unipartidista; en Madagascar, servirán para analizar o grado de consolidación da democracia logo da crise sufrida durante o 2002; e en países como Senegal, Burkina-Fasso, Cabo Verde e pequenas illas coma as Seychelles ou Sao Tomé e Príncipe poderán ofrecernos os definitivos síntomas da continuidade dos seus sistemas democráticos.

Estes decisivos pasos que se están a producir no continente africano en canto á adopción e establecemento de sistemas de goberno democráticos, non deben facernos esquecer as situacións que se están a vivir en determinados países do continente que poñen de manifesto a fraxilidade e inestabilidade política que historicamente acompaña ao conxunto dos países de África.

Neste senso é importante subliñar o crecente autoritarismo por parte das clases gobernantes de Côte d’Ivoire -onde as eleccións previstas para finais deste ano foron pospostas sen fixar ningunha data- ou de Camerún, as pseudodemocracias do Chad e de Gabón, onde sempre gañan os mesmos, as ditaduras de Mugabe e Obiang en Zimbabwe e Guinea Ecuatorial respectivamente, o sistema unipartidista en Djibuti, o absolutismo monárquico en Swazilandia ou os retrocesos democráticos vividos en Etiopía, Togo -coma consecuencia do fracaso das últimas eleccións- e Eritrea. Ademais, as ameazas á estabilidade no continente que supoñen os “Estados fallados” de Ruanda, Somalia, Sudán, Angola e a República Democrática do Congo continúan a estar presentes a pesares dos fráxiles procesos de paz postos en marcha neles.

Estamos pois, ante un momento decisivo para a consolidación da democracia (a través destes procesos electorais), que de seguir adiante probablemente contribuirán de xeito positivo ao obrigado desenvolvemento económico e ao establecemento dunha paz robusta e duradeira en África. Un proceso que debería contar co apoio enérxico, decidido e a tódolos niveis (económico, político) de dos países “comprometidos” coa difusión da democracia (EEUU, UE, Canadá, Xapón...), como das institucións internacionais e rexionais competentes (ONU, Unión Africana...) como das potencias rexionais africanas con sistemas democráticos “consolidados” (Sudáfrica, Nixeria). Mais debemos ter presente que as eleccións, aínda que moi importantes, son só unha parte máis das democracias e que estas só trunfan a longo prazo, cando contan coa convicción moral dos seus líderes (boa gobernanza) e co apoio total dunha poboación civil que aprecia a extensión dos seus beneficios aos eidos económico, social ou cultural.

 

Carlos Negreira Espasandín,
estudiante da USC en prácticas no Igadi.

Carlos Negreira Espasandín, clic para aumentar
 
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/10/2005
Fernando Pol


Subir