| Presenza-Opinión / África |
||
| Angola: ¿eleccións en 2006? Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 18/10/2005) |
||
|
As bases que marcan o inicio da conta atrás para a celebración destas eleccións comezáronse a cimentar no pasado mes de abril, cando a Asemblea Nacional angolana aprobou, por escasa maioría e cos votos en contra do principal partido da oposición (a UNITA de Isaías Samakuvu), o primeiro texto da nova Lei Electoral, que incluía tamén a Lei de Partidos Políticos e do seu financiamento, a Lei de Rexistro Electoral, a Lei de Nacionalidade, a Lei de Observación Electoral e o Código de Conducta Electoral. A aprobación desta nova Lei Electoral, supuxo tamén a creación da Comisión Nacional Electoral como órgano encargado de poñer en marcha o proceso electoral e coa misión principal de velar e supervisar de xeito totalmente independente a legalidade deste proceso (ademais establecese que será o órgano encargado de realizar un novo censo electoral e de crear as delegacións electorais provinciais que a representarán polo conxunto do territorio angolano). A composición desta Comisión foi a razón principal pola que UNITA votou en contra da nova Lei Electoral, xa que nela haberá unha representación maioritaria de membros do partido gobernante (MPLA), así como de membros nomeados directamente polo presidente, José Eduardo Dos Santos. Esta Comisión foi tamén duramente criticada por varios analistas políticos angolanos como é o caso de Pinto de Andrade quen recentemente alertou sobre a posible parcialidade e falla de transparencia do proceso, debido á enorme carga partidista da Comisión. A presidencia deste órgano recae en Caetano de Souza (que conta co rexeitamento da terceira forza política angolana, o Partido de Renovación Social), quen presidira esta Comisión nas eleccións de 1992, que foran dalgún xeito causantes do reinicio da guerra civil angolana (a pesares de que esas eleccións foran avaladas pola comunidade internacional e a ONU, a UNITA non recoñeceu os resultados das mesmas, e retornou á loita armada). A nova Lei electoral, foi tamén motivo de polémica debido á inicial redacción do artigo 17, que limitaba o numero de mandatos presidenciais a dous consecutivos e tres interpolados. Este artigo, foi declarado inconstitucional polo Tribunal Supremo (que as veces actúa coma Tribunal Constitucional e cuns membros que son nomeados polo presidente da República), e posteriormente foi modificado polo parlamento, ampliando o número de mandatos consecutivos a tres (eliminando así calquera traba á posible presentación do actual presidente para un novo mandato). Deste xeito, en agosto deste ano, aprobouse o texto definitivo da nova Lei Electoral que continúa a ser criticada polos partidos da oposición. Estas críticas céntranse principalmente no número de firmas necesarias para rexistrarse como partido político (que aumentou considerablemente co obxectivo de evitar a fragmentación parlamentaria), no apartado que fixa en dez o número mínimo de anos de residencia no país para poderse presentar como candidato á presidencia do país (e que podería invalidar a candidatura de Samakuvu xa que regresou ao país no 2003, logo de estar exiliado na Europa durante os anos 90). Por outra banda, as autoridades públicas angolanas deberían tentar de poñer fin a unha serie de problemas sinalados tanto por institucións locais coma por representantes do goberno (coma é o caso de Virgilio de Fontes, ministro da Administración do Territorio) e que fan mención á ausencia de infraestruturas, á intolerancia política da poboación civil, á consecución do desarme completo da poboación, ó total desminado do territorio (Angola segue a ter máis de 300 campos minados), á educación da poboación de cara a comprender a importancia dun proceso electoral... Finalmente, debemos chamar a atención sobre a lentitude que está a padecer este proceso nas últimas datas, un problema posto de manifesto polo comisario de Desenvolvemento e Axuda Humanitaria da UE, Louis Michel, quen chama a intensificar os esforzos da clase política angolana, de cara a consolidar o proceso electoral. Neste senso, cabe sinalar que o presidente José Eduardo dos Santos aínda non fixou unha data concreta para a celebración dos comicios, deixando tamén no aire a cuestión de se as eleccións serán lexislativas e presidenciais ao mesmo tempo, ou se ben terán lugar por separado. Do que non parece haber dúbida é de que haberá eleccións. Sempre é mellor votar ca guerrear. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 22/10/2005 |