| Presenza-Opinión / África |
||
| Angola, Cabinda, EEUU e Chevron Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 12/10/2005) |
||
|
O enclave de Cabinda, situado entre o Congo-Brazzaville e a República Democrática do Congo, conta cunha poboación próxima aos 300.000 habitantes, os cales, maioritariamente, viven da agricultura de subsistencia e da pesca. Por outra banda, e o que é máis importante, este enclave angolano conta cunhas inmensas reservas de petróleo (tanto na súa liña de costa, como no interior do territorio) que fan de Cabinda un lugar coñecido como “o Kuwait” africano. De feito, na actualidade, produce preto dun millón de barrís diarios de cru, e xera, por si soa, o 60% dos ingresos que Angola recibe da industria petroleira, o que fai que nas súas costas estean presentes as empresas petroleiras máis importantes do mundo (Chevron-Texaco, Elf, Agip...). A pesares desta abundancia de “ouro negro” e de contar tamén con outros recursos como fosfatos, manganesio, ouro..., Cabinda, ao igual que a meirande parte do territorio angolano, sofre unha situación de absoluta pobreza (e destrucción). Esta pobreza está fomentada pola corrupción e a mala xestión dos gobernantes locais (nomeados polo goberno angolano), perpetuada pola actividade das empresas petroleiras occidentais, e agravada por unha guerra que enfronta, dende hai case 30 anos, ao FLEC (Fronte de Libertaçao do Enclave de Cabinda), nas súas múltiples vertentes, que loita pola independencia de Cabinda, e ao goberno central de Luanda, que tenta manter o “statu quo” de Cabinda, como unha provincia máis do seu territorio. Neste sentido, é importante destacar que o movemento independentista goza de amplo apoio da sociedade de Cabinda. Esta situación de enfrontamento armado (ou “guerra de baixa intensidade”), mudou considerablemente a partires do 2002, momento no que a guerra civil angolana rematou, e o goberno de Dos Santos puido enviar ao enclave a 30.000 homes, dentro dunha operación militar que conseguiu practicamente acabar coas capacidades ofensivas do independentismo cabindés e que causou a fuxida de gran parte da poboación. Ademais, esta operación provocou a aparición de numerosas denuncias de violación de dereitos humanos (execucións, torturas, agresións sexuais...) que sinalan principalmente ás Forzas Armadas de Ruanda aínda que tamén ao FLEC, e que foron difundidas por ONGs e asociacións locais como a Asociación Mpalabanda ou a Ad Hoc Commission for Human Rights in Cabinda (esta última apoiada pola Open Society de G.Soros). Neste novo contexto, as forzas independentistas de Cabinda, reuníronse no 2004 en Holanda, e crearon o Fórum Cabindés para o Diálogo (plataforma que agrupa ao FLEC, á sociedade civil e á igrexa de Cabinda), que declara unilateralmente o alto ao fogo para poder establecer un diálogo co goberno central de Angola, que dea lugar a unha solución pacífica e negociada a este conflicto (que segundo observadores locais, debe pasar ineludiblemente polo establecemento dunha ampla autonomía, ou pola independencia do enclave, solución a todas luces improbable). Esta oferta de diálogo por parte do independentismo cabindés, non foi ata agora contestada polas autoridades centrais de Luanda (sen dúbida reforzadas polos recentes logros militares en Angola e o apoio dos EEUU ao mantemento da situación actual en Cabinda), mais resulta evidente que o goberno angolano debe facer fronte a este problema, xa que a súa solución suporía a total pacificación do país. En definitiva, é neste contexto de oportunidades para a pacificación definitiva de Angola, onde se enmarca a actuación dos EEUU, a través da demanda de extradición contra o presidente do Fórum Cabindés para o Diálogo. Unha demanda que está baseada nos receos da compañía Chevron-Texaco (debemos ter en conta que Condolezza Rice formaba parte do Consello de Administración da empresa cando presuntamente tivo lugar o suceso polo que Bento Bembe é reclamado) fronte a un posible cambio na situación de Cabinda que poida supor a perda da súa posición dominante dentro da producción de petróleo no enclave e que de prosperar podería supor un duro golpe para o proceso de diálogo entre o FCD e o goberno de Luanda. A resolución do caso terá lugar o vindeiro 15 de novembro. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/2005 |