Volver a TitularesVolver a Presenza/ÁfricaPresenza-Opinión / África
Angola: As finanzas da guerra ¿financian a paz?
Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 07/10/2005)
 
 

  Nenos e nenas reciben clase nun campamento de Unita, clic para aumentar
Tomando coma referencia, o último estudo feito polo Banco Mundial (“Angola at a glance, 2004”), observamos que tan só un 38% da poboación ten acceso a auga potable, e un 24% acceso á sanidade pública. A esperanza de vida sitúase nos 47 anos, a mortandade infantil é do 154 por mil, a desnutrición alcanza a un 45% dos nenos menores de cinco anos, o 68% da poboación sobrevive con menos de dous dólares ó día e o 60% é analfabeta. Ademais, este país ocupa o posto 166 de 177 no índice de desenvolvemento humano da ONU. (Foto: Nenos e nenas reciben clase nun campamento de desmobilización de Unita).
 
En novembro do presente ano cumpriranse tres décadas dende que Angola accedeu formalmente á súa independencia; unha conmemoración tinxida de dor dado que esta data marca tamén o inicio dunha das guerras civís máis crueis e duradeiras que se deron no continente africano, e que enfrontou ao MPLA (no poder dende o 1976) e á UNITA.

En abril de 2002, despois da morte de Jonás Savimbi (líder histórico da UNITA), os representantes de ámbolos dous bandos selaron a paz, a través dun acordo polo cal a UNITA debería desmobilizar a súa forza armada e converterse en partido político; e o goberno do MPLA, encabezado dende 1979 por José Eduardo dos Santos, se comprometía á convocatoria de eleccións lexislativas e presidenciais en canto fose posible (probablemente estas terán lugar o próximo ano). Deste xeito, poñíase fin a un período de casi tres décadas de guerra civil, que deixa tras de si tan só morte, pobreza e destrucción, e onde a poboación civil, como de cotío ocorre nos conflitos armados, foi quen se levou a peor parte.

Durante este período de guerra fratricida, e máis concretamente a partires de 1991 (momento que coincide coa fin da Guerra Fría, e co final do apoio das grandes potencias a un e outro bando), o obxectivo primordial para ambos contendentes foi o de manter as súas fontes de financiamento, provenientes na súa meirande parte dos abundantes recursos naturais existentes no territorio angolano; de xeito que a UNITA loitou por manter o control das minas de diamantes e o goberno do MPLA polo mantemento do poder que lle aseguraba o control sobre a producción petrolífera. Desta maneira, o conflicto foise agravando xa que o control destes recursos (e a súa explotación), permitíalles obter unhas extraordinarias sumas de diñeiro que posibilitaban a supervivencia dos dous bandos, a través da compra de armamentos no mercado internacional.

Transcorridos tres anos de relativa paz, observamos que a situación socioeconómica a penas mellorou, malia que Angola está chamada a ser un dos países máis potentes de África, debido fundamentalmente ás súas importantes reservas de petróleo e diamantes. De feito, actualmente Angola é o segundo produtor de petróleo da África subsahariana (produce aproximadamente un millón de barrís ó día, cunhas previsións de multiplicar por tres esa cantidade nos próximos anos) e ademais é o cuarto produtor mundial de diamantes.

Tomando coma referencia, o último estudo feito polo Banco Mundial (“Angola at a glance, 2004”), observamos que tan só un 38% da poboación ten acceso a auga potable, e un 24% acceso á sanidade pública. A esperanza de vida sitúase nos 47 anos, a mortandade infantil é do 154 por mil, a desnutrición alcanza a un 45% dos nenos menores de cinco anos, o 68% da poboación sobrevive con menos de dous dólares ó día e o 60% é analfabeta. Ademais, este país ocupa o posto 166 de 177 no índice de desenvolvemento humano da ONU.

Xunto con estes problemas de subdesenvolvemento, Angola sofre outro mal endémico, que sacude ao país dende a súa independencia de Portugal: a corrupción da clase gobernante. Un problema denunciado en varias ocasións por institucións públicas coma o FMI ou o Banco Mundial, e privadas (Global Witness, Transparency International, Human Rights Watch, Intermón Oxfam...), ou tamén por investigacións e informes individuais (“The main institution in the country is corruption” de John McMillan, “Angola´s political economy of war: the rol of oil and diamonds, 1975-2000” de Philippe Le Billón...). En todas estas denuncias, atopamos un mesmo denominador común, a falla de transparencia por parte da clase gobernante á hora de mostrar os ingresos do petróleo, e que, por exemplo, levaron ao FMI a denunciar a desaparición duns 8 billóns de dólares durante o período 1997-2001.

Este problema, o da corrupción, que impide tanto a estabilización económica do país como a reducción da débeda externa (en tanto que as autoridades angolanas vense na obriga de recorrer a entidades financeiras privadas para conseguir os préstamos necesarios que financien o proceso de paz) frustrando, deste xeito, a celebración dunha conferencia de doantes ou a firma de acordos con entidades internacionais coma o FMI, que en principio, proporcionan recursos baixo unhas condicións máis favorables (que as vixentes noutros mercados), sempre e cando se leven a cabo as reformas económicas necesarias para a estabilización macroeconómica do país e a implantación dun sistema de economía de mercado homologable.

Estamos por tanto, ante un momento crucial do proceso de paz angolano, onde o goberno do MPLA, debería seguir os consellos e recomendacións que chegan dende numerosas institucións, ONG´s, medios de comunicación... nacionais e internacionais, e incrementar a transparencia na xestión dos fondos públicos ademais de eliminar a corrupción, investindo os xigantescos beneficios derivados dos recursos naturais do país en programas sociais destinados a erradicala pobreza e as enfermidades (SIDA, Malaria, Marburo...), diversificala súa economía fomentando a produción agrícola (Angola era ata os setenta o terceiro productor mundial de café) e pesqueira; aproveitar outros recursos existentes no seu territorio, tales como o uranio, gas natural... co obxectivo de acabar coa extrema dependencia do petróleo; conseguir o total desminado do territorio; investir en infraestruturas de uso público..., é dicir, crear as condicións necesarias que posibiliten a efectiva reconstrución do país e a consolidación dunha paz definitiva e asentada na xustiza social.

 

Carlos Negreira Espasandín,
estudiante da USC en prácticas no Igadi.

Carlos Negreira Espasandín, clic para aumentar
 
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/10/2005
Fernando Pol


Subir