| Presenza-Opinión / África |
||||
| África: a corrupción, outra lacra Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 25/10/2005) |
||||
|
Os resultados amosados neste informe non poden ser máis demoledores en canto aos niveis de corrupción entre as clases gobernantes dos países obxecto de análise. Deste xeito, TI conclúe que en 70 destes países os niveis de corrupción son alarmantes –cunha puntuación de menos de 3 sobre 10– e en máis de dous tercios deles percíbense elevados índices de corrupción –cunha puntuación por debaixo de 5 sobre 10–. No caso dos países da África sub-sahariana –a rexión máis afectada por este problema–, o panorama que atopamos é desolador xa que dos 39 estados desta rexión incluídos no estudo, 38 reciben unha nota de menos de 5 sobre 10 –altos índices de corrupción– e a nota media que obteñen en conxunto é dun 2´8 –nivel alarmante de corrupción–. En canto aos estados africanos que mellor conducta presentan atopamos a Bostwana (no posto 32 de 159, e cunha nota de 5´9), Sudáfrica (no posto 46) e Namibia (no posto 47). No polo oposto, vemos que os países con maiores índices de corrupción son Chad (situado no último posto da lista), Nixeria (no posto 154), Guinea Ecuatorial (no 153) e Cote d´Ivoire (no 152). Por tanto, este informe ven a confirmar unha vez máis, a vixencia dun problema presente na maior parte do mundo –116 países reciben unha nota de menos dun 5– e que na rexión da África sub-sahariana se pode atopar en case tódolos estados, afectando á meirande parte das estruturas dos mesmos. Como causas máis directas da corrupción en África sóense sinalar, entre outras, a cultura da impunidade fronte a este tipo de prácticas ilegais (corrupción institucionalizada), a debilidade da sociedade civil e dos seus mecanismos de protesta (escasa liberdade de expresión froito tanto das prácticas políticas autoritarias como da escaseza de recursos económicos para a súa proxección), a conivencia dos poderes xudiciais fronte a este tipo de delictos (debido á difusa separación de poderes nos sistemas políticos africanos), a colaboración directa e indirecta das empresas multinacionais (occidentais) na perpetuación da corrupción nestes países ... Neste sentido, é conveniente salientar que, en termos xerais, a corrupción en África ten uns custos aproximados de 150 billóns de dólares ó ano, incrementa o prezo dos bens en máis dun 20%, actúa coma un freo para o desenvolvemento económico, reduce os investimentos privados locais e fai que a IED –investimento estranxeiro directa– sexa reticente a desembarcar nestes países. Ademais, fai que o problema da pobreza –a corrupción se presenta coma unha das súas causas principais– que afecta a toda esta rexión, non poda ser eficazmente atallado. Necesítase unha actuación concreta de parte dos estados occidentais e dos organismos financeiros que os representan a nivel internacional –FMI, Banco Mundial–, de cara a eliminar este tipo de prácticas nos países do terceiro mundo. Unha actuación que se debera trasladar máis alá da retórica, de maneira que toda axuda económica feita cara estes países a través dos seus programas de cooperación, liñas de crédito e financiamento..., fose acompañada de mecanismos reais que permitisen avaliar a limpeza, eficacia e transparencia destes procesos (emisor-receptor). Tamén se fai necesario que os países occidentais que contan con empresas multinacionais investindo nos países da África sub-sahariana, promovan a través de medidas efectivas, actuacións xustas e transparentes que comprometan a esas empresas de maneira que se consiga acabar co secretismo e coa opacidade que tradicionalmente se da nas relacións entre os gobernos dos países desta rexión e as grandes empresas occidentais (principalmente as do sector do petróleo). Por outra banda, debemos destacar tamén o papel que a cooperación internacional e rexional, neste caso materializada na Convención da ONU contra a corrupción –que entrará en vigor en Decembro– e na Convención da Unión Africana sobre prevención e loita contra a corrupción –pendente de ratificación–, podería xogar para, colectivamente, tratar de poñer fin a este problema. Mais sen dúbida algunha, o factor clave para a erradicación da corrupción, reside no grao de compromiso que as elites dirixentes destes países estean dispostas a adoptar coa boa gobernanza, xa que son elas as principais responsables da administración tanto do diñeiro que reciben do exterior coma do que se xera dentro das súas fronteiras. Unha clase dirixente que debera ter en conta os posibles beneficios da aplicación dunha política comprometida coa boa gobernanza que, a bo seguro, facilitaría o incremento do investimento estranxeiro e do ingreso per cápita da poboación, a reducción das taxas de analfabetismo e das taxas de mortaldade infantil... En definitiva, unhas condicións que, de tomar forma na realidade, darían lugar á tan necesaria mellora xeral que as sociedades destes países precisan para dignificar a súa propia existencia. Informe sobre a Percepción da Corrupción de Transparency International: http://www.transparency.org/cpi/2005/dnld/media_pack_es.pdf |
||||
|
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 27/10/2005 |