Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
A Unión Africana e a estabilidade rexional
Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 17/12/2005)
 
 

  1º aniversario Unión Africana, clic para aumentar
A OUA é substituída en xullo de 2002 pola Unión Africana, que xurde co obxectivo xeral de avanzar cara unha integración económica, política, social e cultural entre os seus membros e de fomentar a cooperación entre eles. Está formada por tódolos estados do continente, agás Marrocos, xa que a UA acolle como membro á República Saharauí. En canto a súa estrutura organizativa, segue o modelo básico da Unión Europea, de xeito que se conta cun Parlamento Pan-Africano, unha Comisión Africana, un Consello Executivo composto polos ministros dos estados membros, unha Asemblea formada polos xefes de estado e de goberno, unha Corte de Xustiza africana... (Foto: Selo conmemorativo do primeiro aniversario da Unión Africana).
 
A fin da Guerra Fría e a chegada dos anos noventa, tiveron en África un impacto moi distinto ao vivido noutras partes do mundo, en especial no Occidente, onde a expansión das economías liberais de mercado e a das súas democracias se impuxo como nota característica. Exceptuando o conflito da ex Iugoslavia, Chechenia e a intervención, principalmente occidental, que puxo fin á invasión iraquí en Kuwait, pódense caracterizar como de convulsos en termos de transición sistémica, pero globalmente estables e tranquilos, deixándose notar os efectos “positivos” da globalización.

Pero no caso de África, este novo período deixou un rastro desolador: a fin da dicotomía Este-Oeste concretouse na retirada estratéxica das potencias de ambos bloques e a reducción das axudas económicas e políticas a grande escala en países abocados ó colapso. A explosión demográfica africana e de epidemias como a Sida ou a Malaria, a pobreza endémica, o incremento substancial dos conflitos internos que en varias ocasións provocaron conflitos a nivel subrexional, a radicalización de enfrontamentos inter-étnicos que nalgúns casos derivaron en xenocidios, o avance de movementos relixiosos de corte radical...

Este panorama, onde a inestabilidade política, económica e social se percibía como a nota común do continente, contou coa intervención constante por parte de institucións mundiais como a ONU, o FMI e o Banco Mundial... que na maioría dos casos a penas axudaron a erradicar os problemas que lles afectaban a estes países. Isto é evidente no caso das misións de mantemento da paz realizadas polas Nacións Unidas no continente africano, incapaces de cumprir cos seus mandatos por falta de medios materiais nuns casos, e de vontade política noutros.

A chegada do novo século, fixo que as autoridades dos países africanos, conscientes de que a estabilidade rexional dependía en grande medida deles mesmos, comezasen a madurar a idea de dar un novo pulo ás institucións comúns africanas. Este novo pulo xurde co obxectivo fundamental de iniciar un verdadeiro proceso de integración a nivel económico, que habería de dar, co paso do tempo, nunha maior unión nos eidos social, político e cultural, para conseguir, finalmente, superar o decepcionante legado deixado pola OUA (Organización da Unión Africana), que nacera en 1963 e que se mantivo paralizada polo antagonismo da realidade bipolar, ata o ano da súa defunción, en 2002.

Desta maneira, a OUA é substituída en xullo de 2002 pola Unión Africana, que xurde co obxectivo xeral de avanzar cara unha integración económica, política, social e cultural entre os seus membros e de fomentar a cooperación entre eles. Está formada por tódolos estados do continente, agás Marrocos, xa que a UA acolle como membro á República Saharauí. En canto a súa estrutura organizativa, segue o modelo básico da Unión Europea, de xeito que se conta cun Parlamento Pan-Africano, unha Comisión Africana, un Consello Executivo composto polos ministros dos estados membros, unha Asemblea formada polos xefes de estado e de goberno, unha Corte de Xustiza africana...

En canto aos avances que se están a vivir neste inicial e novo proceso de integración destacamos a iniciativa do NEPAD, Novo Partenariado para o Desenvolvemento de África, adoptada en 2001 como programa de desenvolvemento económico que tenta fomentar o investimento estranxeiro e que está focalizado na saúde, educación, infraestrutura rexional, agricultura e preservación do medio ambiente. Sudáfrica acollerá o Parlamento africano que exercerá a partir de 2008 a totalidade das súas competencias lexislativas, e as institucións centrais da integración manteranse en Addis Abeba. A aprobación dun Pacto de Non Agresión entre os estados membros, considerase un paso previo para o deseño dunha futura política de defensa común. Ademais, conseguiuse recentemente que o Consello de Seguridade e de Paz , deseñado a semellanza do Consello de Seguridade da ONU, sexa operativo e constitúase como un órgano básico da integración encargado de anticipar, previr e xestionar crises dentro de África. Recentemente acordou a creación da AU Stand-by force que, en 2010, deberá contar con 3000-5000 tropas preparadas para responder rapidamente a unha crise en solo africano.

Con respecto ó mantemento da estabilidade rexional dentro das fronteiras africanas, a aplicación práctica da UA, aínda que en fase de deseño e construción, está a resultar un tanto decepcionante, como no caso da actual presenza militar africana en Darfur, na que os propósitos iniciais están moi lonxe de ser acadados. Tamén a Misión africana en Burundi, realizada en 2003, deixou un certo sabor amargo, xa que tivo que ser substituída por unha misión das Nacións Unidas. Actualmente, a idea de enviar un continxente militar africano para axudar ao novo goberno somalí está a ser repensada, ante o frontal rexeite que provoca dentro da sociedade deste estado colapsado. No caso das labores de mediación realizadas estritamente por representantes da UA, destacan a axuda prestada no outra vez fervente conflito etíope-eritreo, na presente crise de Côte d´Ivoire, en Togo...

No marco das tarefas de pacificación, previas á creación da UA, no continente africano, débese ter en conta o labor realizado neste sentido por algunhas organizacións africanas de corte subrexional, que nalgúns casos facilitaron o éxito de procesos de paz esquecidos pola comunidade internacional. Neste senso destacamos á ECOWAS, Comunidade Económica dos Estados de África Occidental, que a través do ECOMOG (grupo de seguimento) participou nos procesos de paz en Liberia, Serra Leona ou Guiné Bissau; á SADC, Comunidade de Desenvolvemento no Sur de África, e o IGAD, Autoridade inter-gobernamental en desenvolvemento, que tamén estiveron activas no eido da seguridade rexional.

Non obstante os pasos que se están a dar, de cara a dotar ao continente africano dunha organización supranacional, neste caso a UA, capaz de estabilizar e de mellorar a dura realidade do continente, o camiño que queda por percorrer é aínda moi longo e os desafíos que se deben afrontar son enormes, de maneira que, desafortunadamente, África segue e seguirá a necesitar do apoio exterior para aspirar a resolver moitos dos seus grandes problemas.

 

Carlos Negreira Espasandín,
estudiante da USC en prácticas no Igadi.

Carlos Negreira Espasandín, clic para aumentar
 
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2005
Fernando Pol


Subir