Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
A incógnita de Mauritania
Por Carlos Negreira Espasandín (Xornal, 11/11/2005)
 
 

  Ould Taya, clic para aumentar
Durante os gobernos de Ould Taya, os problemas endémicos do país lonxe de ser atallados incrementaríanse notablemente de maneira que a corrupción entre a clase gobernante medraría considerablemente, as ancestrais rivalidades entre a poboación árabe-bereber e a negroafricana exacerbaríanse mediante a exclusión desta última da vida política e social –as denuncias de escravitude e racismo contra a poboación negra continúan a estar presentes– e os niveis de pobreza se estancarían definitivamente.
 
Cando só pasaron uns meses dende que o goberno de Maaouiya Ould Sid Ahmed Taya foi afastado do poder en Mauritania mediante un golpe de estado –condenado, con maior ou menor énfase, por EEUU, UE, ONU, OTAN e Unión Africana–, a situación política, social e económica deste país africano segue a ser tan incerta como inestable.

Os problemas e desafíos que se derivan desta nova “fase de transición” seguen a estar presentes; ademais, a herdanza deixada polos 21 anos de goberno do coronel Ould Taya en forma de tensións políticas e relixiosas, rivalidades inter-étnicas, subdesenvolvemento económico... dificulta en grande medida as posibilidades de éxito desta “transición político-militar”.

Dende que Mauritania obtivo a independencia de Francia en 1960, a inestabilidade política –en forma de continuos golpes de estado– ergueuse como nota predominante do seu sistema político. En 1978, o líder da independencia e posterior presidente Moktar Ould Daddah, era derrocado por Mohamed Khouna Ould Haidalla. Este, a súa vez, sería relevado forzosamente polo coronel Taya en 1984 quen encabezaría ata 1991 o goberno militar mauritano.

En 1992, o coronel Taya lideraría o proceso de “apertura democrática”, que finalizaría ese mesmo ano coa convocatoria de eleccións que el mesmo gañaría encabezando ao PRDS (Partido Republicano Democrático e Social). As posteriores eleccións dos anos 1997 e 2003 –tamén gañadas por Taya– foron fiel reflexo dos seus anos de goberno, marcados polo exercicio autoritario, despótico e antidemocrático do poder –prácticas denunciadas anualmente por Amnistía Internacional– que se traducía na ilegalización de partidos políticos, torturas, malos tratos, xuízos arbitrarios e sen garantías...

Durante os gobernos de Ould Taya, os problemas endémicos do país lonxe de ser atallados incrementaríanse notablemente de maneira que a corrupción entre a clase gobernante medraría considerablemente, as ancestrais rivalidades entre a poboación árabe-bereber e a negroafricana exacerbaríanse mediante a exclusión desta última da vida política e social –as denuncias de escravitude e racismo contra a poboación negra continúan a estar presentes– e os niveis de pobreza se estancarían definitivamente.

Sen dúbida, un dos aspectos máis destacados dos anos de goberno do coronel Taya, será a loita sen cuartel contra a ameaza do radicalismo islámico no seu país. Unha “ameaza”, que segundo o International Crisis Group foi esaxerada por Ould Taya para obter o apoio dos EEUU á imposición de medidas represivas adoptadas contra a oposición democrática ó seu réxime, pero que comeza a tomar forma durante os últimos anos coa aparición de pequenos grupos islamistas radicais a nivel local e co máis que probable asentamento de organizacións terroristas –como o alxerino Grupo Salafista para a Predicación e o Combate que o pasado verán reivindicou o ataque a un destacamento militar mauritano deixando un saldo de quince mortos e varios feridos– en solo mauritano.

Este paulatino incremento e asentamento do fundamentalismo islámico en Mauritania, pode ter varias explicacións, mais debemos ter presente que a poboación mauritana –2´7 millóns de habitantes– presentou, ata o de agora, unha conduta de moderación –política e social– con respecto aos temas relixiosos (o islam é a relixión oficial do estado e é maioritaria entre a poboación).

A persecución política que sufriron os dirixentes e os membros de partidos políticos de inspiración islámica –a máis represión máis radicalismo–, que durante os anos de goberno do coronel Taya foron encarceados e silenciados influíu neste auxe. En 1991 prohibíronse as referencias relixiosas nos partidos políticos, abortando tódolos intentos da oposición por crear un partido de inspiración islámica unificado.

O progresivo acercamento do presidente Taya aos EEUU –en detrimento das relacións con Francia– que comezara a moldearse en 1999 co recoñecemento do estado de Israel –Mauritania xunto con Xordania e Exipto son os únicos estados árabes que teñen relacións formais con ese país– e se consolidará co aliñamento incondicional á “Guerra contra o terror” promovida dende Washington é outra das causas que inciden nesta mudanza . O goberno mauritano é un dos primeiros en adherirse ó plan PanSahel –actualmente Iniciativa Transahariana de loita contra o terrorismo– que supón a creación dunha forza militar –con tropas autóctonas da rexión aínda que controladas, financiadas e adestradas polos estadounidenses– para loitar contra o terrorismo islámico nesta rexión (Mauritania, Níxer, Mali e Chad), considerada pola administración Bush como de alto resgo.

Por último, cómpre ter en conta os efectos do desemprego que afecta a gran parte da sociedade mauritana, as desigualdades sociais derivadas da ineficacia no reparto da riqueza, os altos niveis de corrupción etc, etc, etc.

Está por ver cal será o futuro que lle agarda a Mauritania –onde recentemente se atoparon importantes reservas de gas e petróleo– que dependerá en grande medida do nivel de presión que Occidente aplique ao actual goberno transitorio –un bo paso sería que a UE acollera a este país coma membro da Asociación Euromediterránea– e da dirección que decida tomar o Comité Militar pola Xustiza e a Democracia, nome que recibe o actual goberno golpista, e que conta co apoio da antiga oposición política e da maior parte da sociedade.

As primeiras medidas adoptadas por este comité militar –encabezado polo coronel Ely Ould Mohamed Vall– consistiron en liberar a tódolos presos políticos (agás aqueles acusados de colaborar cos terroristas alxerinos) e permitir a volta dos exiliados. Tamén se anunciou a intención de democratizar as institucións de goberno, celebrar eleccións democráticas a tódolos niveis nun prazo de dous anos –nas que os actuais dirixentes non poderán participar–, convocar un referendo constitucional e manter os compromisos adoptados en política exterior. As apostas están abertas.

 

Carlos Negreira Espasandín,
estudiante da USC en prácticas no Igadi.

Carlos Negreira Espasandín, clic para aumentar
 
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/11/2005
Fernando Pol


Subir