| Presenza-Opinión |
| Níxer e a fame global Por Begoña Carrera (Xornal, 23/07/2005) |
|
Un total de 3,6 millóns de persoas en Níxer corren o risco de morrer de fame nos próximos días. Deles, 800.000 son nenos con malnutrición severa. Os nenos menores de 5 anos son os máis afectados, un de cada catro non chega a cumprilos, e moitos sofren lesións cerebrais irrecuperabeis debido á permanente malnutrición. Médicos Sen Fronteiras (MSF) está tratando rapaces de 2 anos con só 3 kilos de peso, o mesmo que pode pesar un bebé europeo ó nacer. As causas son varias. A falta de choiva impediu que creceran ben as colleitas e a praga de langosta que sufriron en novembro arrasou con todolos cultivos. Para sobreviviren, milleiros de persoas rompen os formigueiros para facerse co gran almacenado polas termitas ou comen raíces e froitas tóxicas, que son ricas en proteínas, e que as mulleres ferven durante 3 días para eliminar as substancias malignas. O aumento do prezo do millo (base da alimentación dos nixerianos) contribuíu a agravar máis, se cabe, a desesperada situación das xentes deste país, o segundo máis pobre do mundo despois de Serra Leona. Jean Ziegler, relator especial das Nacións Unidas para o Dereito á Alimentación, lanzou a alerta cualificando a situación de “extrema gravidade”. A crise alimentaria deuse a coñecer xa a principios deste ano por traballadores de MSF asentados no país, pero os chamamentos do goberno de Níxer e da ONU para recaudar fondos destinados a mercar alimentos foron desoídos polos estados desenvolvidos que só destinaron 3,8 millóns de dólares dos 16,19 millóns solicitados como axuda urxente para atender a poboación de Níxer. Ziegler esixiu aos demais países de Nacións Unidas o cumprimento da lexislación humanitaria internacional asegurándolle ó país africano o dereito fundamental de alimentarse. Pero non é un caso illado. Mauritania e Malí, países tamén veciños, víronse gravemente afectados pola seca e o brote de langosta. Entre os tres países suman 5millóns de persoas afectadas pola fame con risco de morte e hai unha perda importantísima de cabezas de gando que tampouco teñen nada que comer. É a peor crise dende 1984. Segundo denuncian algunhas organizacións humanitarias, esta situación debe cuestionar moi en serio a efectividade dos programas de axuste estructural do FMI, que prohiben ó goberno de Níxer a distribución de alimentos gratuitos para asegurar a subsistencia da poboación, medida escandalosa tendo en conta a situación dramática do país. Pero a realidade inapelable é que os ameazados de malnutrición no mundo ascenden a 825 millóns de persoas e cada día morren unha media de 5.000, un xenocidio silencioso -como afirma Ziegler- que poderiamos evitar, pois segundo a FAO (Organización para a Alimentación e a Agricultura das Nacións Unidas) coa agricultura actual, poderíase dar de comer a 12.000 millóns de persoas,o dobre da poboación mundial. |
|
Begoña Carrera é estudiante en prácticas no Igadi. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/07/2005 |