| Presencia-Opinión |
||||
| Sampaio fronte ó vacío Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 09/12/2004) |
||||
|
Santana Lopes durou a penas catro meses. A combinación de demagoxia e inconsistencia, coa afirmación progresiva de estratexias diferenciadas entre as formacións que conforman a alianza das dereitas portuguesas, facía previsíbel o actual escenario, unha vez constatada a incapacidade do sucesor de Durao Barroso para manter unha maioría parlamentaria estábel. Santana defendeu ante Sampaio a continuidade das políticas de Durao Barroso nas áreas de finanzas, defensa, política exterior e xustiza que o Presidente da República quería ver aseguradas, pero a súa capacidade para gobernar estaba en entredito. O momento é peor que hai catro meses?. Co debate da Constitución europea batendo na porta e na fronteira da elaboración dun novo orzamento, todo pode acabar por perturbarse, estorbando todo a todo, mesturando os debates e confundindo as prioridades. De convocar eleccións hai catro meses, hoxe habería un novo goberno e o debate das contas públicas resultaría mais equilibrado. Sampaio equivocouse. As eleccións serán en febreiro. O PS vese a si mesmo como seguro gañador dos próximos comicios. A victoria de Sócrates nas primarias, ubicado no centrodereita da familia socialista, facilita as cousas para asumir as tarefas gobernamentais, aínda que as dificulta para propiciar acordos á súa esquerda, cos comunistas da CDU ou a “esquerda caviar” do Bloco de Esquerda. Separados ou xuntos, CDS-PP de Paulo Portas, e PSD, afrontan uns comicios en condicións pouco propicias. O fiasco Santana, que liderará a campaña do PSD, empurra á baixa e será difícil remontar. Respecto da CDU, poucas novidades e moitos medos a seguir perdendo espazo electoral. O PCP celebrou recentemente o seu Congreso, optando pola elección de Jerónimo de Sousa como substituto de Carlos Carvalhas, dende hai anos lixeiramente distanciado da ortodoxia que aínda comanda Álvaro Cunhal, convertido nunha especie de Deng portugués cos seus mais de noventa anos de idade, pero cunha autoridade moral e influencia política que poucos discuten. |
||||
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/12/2004 |