| Presencia-Opinión |
| Democracia de confianza Por Xulio Ríos (ECO, novembro/2004) |
|
Houbo un tempo, no inicio da transición, en que as autoridades políticas a calquera nivel designaban o seu persoal de confianza, entendendo por este aqueles chamados a desempeñar funcións que van dende o exercicio da mera secretaría particular a aqueles outros que poden gardar máis proximidade coa condición do persoal asesor. Houbo unha preocupación por limitar estas atribucións para evitar a formación de estructuras paralelas de naturaleza pseudodemocrática e foron medidas polo triple soporte do apoio, a lealdade e a eficacia. Pola contra, nos partidos políticos, instrumento que sirve de canle da propia lexitimidade institucional, a marxe inicial para este tipo de procesos resultaba aínda menor pois a vida interna era moito máis rica. Pero o cambio xa estaba en marcha. Agora é frecuente escoitar, especialmente no ámbito local, que o cabeza de lista dunha determinada formación quer definir (léase impoñer) os primeiros da lista para garantir a cohesión do “equipo”. A lista electoral, como moito, pode chegar a conformarse a través da consulta cun sanedrín sen rango estatutario, reservando para a base o simple papel de lexitimadora por aclamación dunha lista cociñada cripticamente. E proliferan todo tipo de mecanismos paraformais na vida diaria dos partidos políticos que enfatizan o papel e as necesidades do líder en detrimento doutros canais máis asociativos. Paradoxalmente, os reclamadores e usuarios habituais destas prácticas acostuman queixarse de que as bases non participan... Nese proceso foise operando unha primeira consecuencia distorsionadora: a posición privilexiada do persoal de confianza (acceso aos dirixentes, manexo de información, capacidade relacional, etc...) facúltao para integrarse pola cúpula, encaramándose, ás veces con merecemento, outras non, en posicións relevantes e infinitamente mais complexas de acceder para os militantes normais. Ven esta reflexión a conto de que se palpa no ambiente un novo salto cualitativo nesta dinámica que vai dun aparato partidario que acumula déficits democráticos crecentes e favorecedores do anquilosamento de autenticas oligarquías, fenómeno dabondo estudiado na socioloxía política e que moitos semellan aplicar seguindo os manuais, ou deses aparatos institucionais que teñen o corsé das limitacións legais, ás organizacións plurais nas que conflúen movementos e agrupacións diversas, coexistindo expoñentes da vida partidaria, pero tamén movementos da sociedade civil apartidarios e persoas simplemente independentes. A mecánica de funcionamento destas entidades plurais ven determinada polo consenso, polo respecto da pluralidade e o firme asentamento de conductas integradoras, sen as cales acaban por fenecer ou transformarse en meros apéndices partidarios –sen ser necesariamente eles os iniciadores do proxecto– e perdendo boa parte da súa riqueza. E é aquí onde, con argumentos como a simple condición de líder conxuntural, a aportación de recursos económicos ou a ostentación dunha maior presencia relativa dunha determinada formación, hai quen pretende ningunear a cultura do consenso atribuíndo maior dereito e maior poder a uns en detrimento doutros. Obviamente, a representatividade se determina a partir de determinados factores, e así debe ser; pero o funcionamento debe asentar no respecto de normas democráticas e non nunha mera usurpación do poder por quen entende que ten mais dereito a exercelo ca outros. Substituír a capacidade, a responsabilidade, a integración, pola imposición, dar máis importancia a quen o fai máis ca ó que se fai, acaba por minar estes espacios de encontro, que deberían ser mimados por todos os demócratas que confían na democracia e que aspiran a algo máis que configurar unha democracia da súa confianza. Eses obsesivos da confianza, obsesión máis persoal ca partidaria, son un perigo para os hábitos democráticos porque, no fondo e na forma, están a deteriorala, falando en confianza, con prácticas abruptamente autoritarias. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/10/2004 |