Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
De Reagan a Normandía: falsas glorias
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 17/06/2004)
 
 

As pombas fúnebres do ex presidente estadounidense Ronald Reagan, moi oportunamente celebradas para maior gloria electoral de George W. Bush, debilitado nas enquisas e necesitado de defuntos nobres que fagan esquecer as bolsas negras que día a día chegan de Iraq, saian ou non saian case clandestinamente en Internet, constituíron toda unha cerimonia de ocultación universal de todo un prototipo da arrogancia anticomunista tan habitual no patio americano. Botouse en falla que alguén destacase, poñamos por caso, a súa participación na caza de bruxas dando o visto e prace dende a presidencia do sindicato de actores ás listas negras da América macartista que se impuxera como imperativo moral eliminar de Hollywood aos simpatizantes “comunistas”. Arnold Schwarzeneger figuraba doído entre o séquito lembrando que tamén el fora elixido e reelixido gobernador de California, coma insinuando por onde pode ir o seu futuro político. Preparémonos que facendo algo de músculo, político se sobreentende, pode chegar á White House.

Cando Reagan derrotou a Cárter en 1980, “América está de volta”, dixo, para iniciar o tempo da atenuación da presión fiscal das grandes fortunas e o paralelo desmantelamento dos programas sociais ata convertelos nunha simple anécdota no país máis rico do mundo. O incremento substancial da marxinación non podía menos que contrastar coa multiplicación dos “golden boys” en Wall Street. Esa era a América que regresaba: a do progreso para uns poucos, e exclusión para moitos máis. A América de Reagan. É para tanto celebrar?

A unanimidade seica non admite fendas á hora de valorar o seu papel internacional. Acabou co comunismo. Pero este home que non era capaz de ler informes de máis de tres folios, simplemente estaba aí cando a perestroika descubriu as inmensas vías de auga do socialismo. Onde foi adrede é ao Salvador ou a Nicaragua, onde a súa teima anticastrista causou infinitas penas para maior gloria da “soberanía limitada” do seu patio traseiro. O “Irangate”, que deberiamos recordar, foi a maior proba da practica dun terrorismo de Estado sen escrúpulos de ningún tipo. Reagan, tan santificado agora, era todo menos un santo.

A outra gloria fabricada nas últimas semanas, e mais escandalosa e insultante aínda, é a de Normandía, celebrada igualmente con todo boato: Europa foi salvada por América. A apertura da segunda fronte foi demorada premeditadamente para asegurar o maior desgaste posible do Exército soviético que viña derrotando cun enorme esforzo ás tropas hitlerianas dende o verán e outono do ano anterior. As tropas aliadas soamente interviñeron cando Alemaña xa perdera a súa superioridade militar e cando a guerra entraba na súa fase final e polo tanto había que impedir que o Exército Vermello liberase toda Europa, incluída a occidental. O inimigo estaba derrotado, había que conter ao rival. Os soviéticos fixeron moito mais por acabar Hitler que americanos e británicos, pero quedan borrados polos “vencedores”.

Pero a día de hoxe do que se trata é lembrar que o papel de Europa está a carón de EEUU. Se na posguerra fría alguén pensa en gañar autonomía, vai por mal camiño. Como Xapón en Asia, que tamén ten as súas dúbidas, se Alemaña ou Francia soñan con soster posicións propias (lease Iraq), pode haber consecuencias. Agora non se ameaqza, organizase unha conmemoración.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/06/2004
Fernando Pol