|
Álvaro Gil Robles, comisario para os Dereitos Humanos do Consello de Europa, propoñía recentemente
no Fórum das Culturas de Barcelona, a creación da figura do Valedor do Pobo no territorio de Chechenia,
como un medio para intervir en apoio dos cidadáns indefensos que padecen as consecuencias de vivir en zonas
de conflicto. A declaración ven a ser o primeiro recoñecemento post-11S de que existe un problema
checheno que vai máis alá do fenómeno terrorista e da simple e maniquea distinción
entre o ben e o mal. Chechenia, e Gil Robles ben o sabe porque coñeceu de preto o problema, é unha
consecuencia mais da desintegración violenta da URSS, que pode e debe arranxarse pola vía da negociación,
a única posible para imaxinar unha pacificación duradeira.
A guerra en Chechenia leva causado a morte de case 200 000 civís (o 17% da poboación) e destruído
os fogares de mais do dobre de cidadáns, que hoxe sobreviven a duras penas. Milleiros de persoas inocentes
desapareceron sen deixar rastro, secuestrados, segundo denuncian as organizacións humanitarias, polos militares
rusos. Algunhas desas persoas son devoltas, vivas ou mortas, sempre previo pago do rescate por parte dos seus familiares.
Outros aparecen enterrados en fosas comúns, con evidentes mostras de ter sufrido tortura.
O encarnizamento ruso e a resposta chechena son manifestacións dunha mesma violencia terrorista, nun caso
amparada na lexitimidade estatal, noutro, como manifestación de impotencia bárbara contra o terror
e as atrocidades das forzas rusas; e símbolo tamén dun mesmo descalabro da racionalidade mais elemental.
Na guerra de Chechenia sempre estivo presente o terror, pero non pode ser considerada, como aseguran Putin e Bush,
unha prolongación mais da loita internacional contra o terrorismo a raíz do 11S. Os padecementos
sufridos polos habitantes de Bosnia e Cosova, poñamos por caso, son anécdotas comparadas coas dramáticas
situacións vividas polos chechenos, con a penas apoios morais en parte ningunha e privados má mínima
atención informativa, a excepción de atentados e masacres indiscriminadas, actos protagonizados por
unha ou outra parte da contenda. Rusia ten unha responsabilidade inmensa no actual de estado de cousas, e principalmente
o seu Presidente Putin, quen medrou á sombra desta guerra, reiniciada e animada calculadamente en función
dos seus intereses político-electorais. Pero mentres Milosevic está no banco dos acusados da Haia,
Putin senta á mesa dos reunidos no cumio do G8, como lembraba Ahmed Zakaiev, vice primeiro ministro checheno,
dende unha tribuna do New York Times.
O terror, ao igual que a tortura e demais violacións dos dereitos humanos, debe ser condenado, veña
de quen veña, sexa Ben Laden ou Bush, Masjadov ou Putin. Pero os Estados, especialmente os que se din democráticos,
detentan unha especial responsabilidade á hora de encarar conflictos que o uso da violencia agrava ostensiblemente,
unha violencia practicada de forma discriminatoria e que alimenta o odio, a xenreira e a desesperación.
Entre o mundo musulmán e árabe, de Chechenia a Palestina, aínda sen querer militar no choque
das civilizacións, sábese moito da dobre vara de medir daqueles que gozan anunciando propósitos
democratizadores, pero que fan a vista gorda de forma reiterada ante violacións insoportables dos dereitos
humanos cando son cometidas polos seus aliados (Israel, poñamos por caso) e mesmo atrevéndose, cinicamente,
a asegurar, como Bush: “Nunca ordenei torturar. Non ordenarei nunca torturar. Os valores deste país son
incompatibles coa tortura que non é parte da nosa alma nin da nosa forma de ser”. Palabras que se enredan
nos arames do Guantanamo ocupado polos privilexiados ocupantes do Abru Graib caribeño.
|