| Presencia-Opinión |
| Azores en Bruxelas Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 01/07/2004) |
|
Non serei eu, amante ad eternum do viño de Porto, quen non se alegre da elección dun portugués á fronte da Comisión Europea. Pero o consenso xerado arredor de Durao Barroso ten infinito de artificial. Tocaba a un país pequeno e o primeiramente escollido despois de constatar a inviabilidade da candidatura de Patten, o primeiro ministro luxemburgués, Jean-Claude Juncker, non se sentía atraído polo cargo. Os ollos estaban postos en Portugal cando hai xa uns meses soaba o nome de António Vitorino, actual comisario de xustiza e asuntos internos, de adscrición socialista e cun perfil gabado por moitos. A recente aprobación da Constitución europea que debería e debe marcar un punto de inflexión non soamente nos capítulos formais do proceso de integración, contrasta así, a poucos días de ser bendicida polos vintecinco, coa realidade das duras inercias estatais. ¿Onde está o anunciado papel activo do Parlamento europeo neste proceso se todo queda xa practicamente decidido nesta mesma semana? É difícil que un cidadán normal, a quen se lle insiste constantemente que debemos ir deixando de lado as identidades políticas propias (eses nacionalismos tan perigosos) para afianzar a identidade común europea, chegue a comprender o subseguinte apego dos líderes políticos ás filias estatais e non ás ideolóxico-políticas. ¿Como pode un socialista apoiar agora sen fisuras a un conservador cando hai escasas semanas se batían por afirmar programas diferentes na construcción europea? Esta política europea resulta un artificio esquizofrénico. As rivalidades de aquí acaban por converterse en alianzas ¿inexplicables? en Bruxelas. Pero que ademais recaia nun conservador como Durao Barroso, quen serviu pousada e fonda nas Azores para servir de portaavións contra a ONU, pola agresión de Iraq, dividindo a Europa como nunca e contribuíndo a propiciar un drama como o que se está a vivir en todo Oriente Medio, sen mostra ningunha de arrepentimento nin retracción, e que todo iso se faga co apoio dos mesmos que se opuxeron á invasión, é para acabar reclamando a nacionalidade africana. Alguén poderá pensar que estes non son defectos, senón virtudes do proxecto europeo, unha demostración da súa inmensa capacidade para fraguar consensos mais alá das diferencias, pero cabe entender tamén que estas actitudes, carentes da mais elemental coherencia, afasta da política a quen conserve un mínimo apego aos principios. A designación do converso Durao Barroso, maoísta en tempos, abre outra incógnita con respecto ao inmediato futuro da política portuguesa. Semella que poucos queren falar de eleccións anticipadas. Os socialistas abriron unha crise ao perder as eleccións locais, facilitando así o ascenso dos conservadores, hoxe en horas baixas. Despois da derrota das europeas e do traslado de Barroso a Bruxelas, sería normal a convocatoria de eleccións anticipadas, que poden perder. Pero o presidente Sampaio, actuará con criterio europeo ou portugués? Segundo o primeiro, non haberá convocatoria. É un “sacrificio” mais para afortalar a Unión nun momento decisivo que non debe penalizar á cidadanía con acudir de novo ás urnas. Mais cando Portugal vai tan ben na Eurocopa. Pero se atenderamos á tradición política portuguesa, moito mais saneada que a española nese sentido, as eleccións anticipadas serían dificilmente evitables. Todos os candidatos, todas as candidaturas, todas as opcións políticas e mesmo todos os Estados, naturalmente, son respectables e gozan de toda a lexitimidade imaxinable. Pero todos iso, con ser moito e tanto, non garante a normalidade da política europea. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/06/2004 |