|
Non por esperado foi menos revelador o elevado índice de abstención rexistrado nas eleccións
europeas do pasado 13 de xuño. Alén de factores conxunturais que puideron incidir, nun ou noutro
marco nacional, nunha participación tan baixa, parece evidente que a festa europea non é celebrada
do mesmo xeito por arriba que por abaixo. Todos aqueles que participan no proxecto e cren nel, con maior ou menor
entusiasmo, certamente a inclusión dos países do Leste nun mesmo proxecto supón a culminación
dunha longa travesía histórica que a todos nos enriquece. Traerá os seus problemas o alargamento,
pero Europa é máis Europa co Leste dentro da Unión. Pero a cidadanía, que non está
en contra deses avances, segue escéptica e indiferente ante a construcción desa nova e grande Europa.
Porqué non entusiasma? Unha viñeta de Pepe Carreiro no semanario A Nosa Terra sinalaba a un votante
ante a urna cunha venda nos ollos. Poderían ser moitas as razóns citadas, pero coido que tres seguen
a ser as fundamentais. Unha é a que reflicte esa viñeta, os cidadáns votan pero con ese voto
non están decidindo de todo o esencial: nin o goberno nin as políticas europeas. O Parlamento terá
máis poderes desta vez, é verdade, pero segue lonxe de ser a expresión da soberanía
dos europeos. O déficit democrático, pouco a pouco corrixido pero aínda con graves taras,
é indisociable da percepción de Europa. O segundo elemento é a febleza da Europa social. A
unión fíxose monetaria pero non económica e a ponla social segue a ser en extremo frouxa.
Neste caso ademais non se está a xestionar ben o problema da deslocalización dalgunhas empresas,
que abandonan o Oeste pero asentarse no Leste, espertando incertezas e queixas entre as colectividades laborais.
Semella que a nova Europa segue a beneficiar prioritariamente ás grandes empresas e multinacionais, sen
que institucionalmente se habiliten medidas compensatorias. Ou, peor aínda, transmitindo a sensación
de que ninguén en Europa, que está coa cabeza na tecnoloxía, no I+D, no reto espacial, etc.,
se preocupa xa destas problemáticas, porque os “obreiros” sobran. E a clase traballadora tamén é
Europa.
Por último, o protagonismo dos asuntos internacionais esixe unha voz xenuinamente europea, con política
propia no concerto mundial. E esta política segue a ser, no esencial, de corte nacional e contradictoria.
Moitos europeos quixeran escoitar a Prodi, Patten e Solana plantar cara a Bush e dicindolle á superpotencia
que os europeos pensan que hai outras formas de democratizar o mundo que non sexa a canonazos e liquidando (ou
torturando) aos discrepantes. A cidadanía europea comparte un discurso que entronca cun sentir maioritario
que nin os lideres estatais nin a superestructura comunitaria é quen de defender ata as últimas consecuencias.
E esa idea de omnipresente componenda que se transmitiu na recente reunión do G8; ou ese servilismo europeo
para recordar o desembarco de Normandía esquecendo o sacrificio de millóns de soviéticos que
deron a súa vida na outra Europa por acabar co réxime nazi, fai que moitos pensan que esta Europa
así construída pode valer para regulamentar cantos cepillos de dentes debe haber no kit de salvamento
en caso de naufraxio, pero non para entrar no esencial, no fondo dos problemas.
Por iso, non nos trabuquemos, os que se absteñen non é que necesariamente pasen de Europa; moitos
deles queren unha Europa de verdade, queren máis Europa no mundo. Esa si podería entusiasmarnos.
|