| Presencia-Opinión |
| A Europa dos 25 naceu querqueneca Por Xosé Manuel Figueiras (Canal Mundo, 22/06/2004) |
|
Logo da porrada nos fociños durante as eleccións ó Parlamento Europeo, os líderes dos 25 tiñan, esta semana, a obriga de darnos solucións con respecto ós problemas inmediatos da Unión Europea e de tal forma ilusionar ó electorado, que é quen, ó final, envolto nun clima de pesimismo, mantén o negocio. Xoga un rol de importancia, a hipocrisía. Está claro.Todos eles durante as campañas electorais evitaron falar de asuntos estritamente Europeos, que para iso eran estas eleccións, as únicas europeas e capaces de influír directamente no futuro da Unión cando non contamos coa elección directa do Presidente que, ó fin e ó cabo, é un bo reflexo do rol dunha institución e a cabeza visible. Poñendo á marxe o caso español polas razóns obvias do adulterante que supuxo o 11 de Marzal, as eleccións Europeas sempre serviron de voto de castigo para os gobernos no poder en cada estado membro. Por iso, as representacións dos países reflicten maiorías opostas ás dos respectivos gobernos, e deste xeito, estes mesmos votantes puniron a Chirac, Blair, Berlusconi ou Schroeder. Se a isto se lle suma a falla de interese e a abstención típica das eleccións ó parlamento europeo –que non é nin nova, nin monopolio dunhas eleccións Europeas tal e como puidemos ver nas derradeiras eleccións presidenciais en Francia, onde pola falla de participación na primeira volta se conseguiu o ascenso da ultradereita– non é sorprendente que os partidos de corte populista ou de extrema-dereita obtivesen resultados sorprendentes simplemente culpando a Bruxelas de tódolos males. Isto é o que hai, e non é pouco. Os gobernos nacionais ou a prensa vende Europa cada día, como algo que non é. Unha especie de Mastodonte que ten a culpa de todo o que non vai ben, sen lembrarnos que o FEDER ou o famoso “Plan Labora” sería imposible sen el. Un mastodonte que ameaza a identidade dos Estados, da relixión católica, as pensións, o sistema sanitario...As ameazas parecen ser para tódolos gustos. O problema é que os Estados apúntanse ó carro dos beneficios económicos dun espazo sen fronteiras sen querer facer concesións- co cal é imposible calquera sorte de avance político no tema que se presente- porque non teñen unha visión de conxunto ou por desconfianza dos veciños. Tampouco os Estados fundadores da Unión, como Francia ou Alemaña, non axudan predicando co exemplo para os novos membros. Se analizamos puntualmente algúns exemplos concretos de suposta creación de campións Europeos que poidan competir cos estadounidenses, atoparemos situacións como a da empresa francesa Alstom -de capital público- que pretende saltarse “a la torera” as regras (que son iguais para todos) nun caso de axuda de Estado. Queren macroempresas, pero que sexan da casa, e isto non axuda. Crea un permanente estado de desconfianza e prexudica ó consumidor, que somos nós. Outro exemplo onde non fai falla romperse moito os miolos co tema é o do incumprido pacto de estabilidade. Os euroescépticos afirman que os cidadáns non se preocupan pola política Europea, e que a Comisión pretende molestalos e facerse ver, para xustificar o seu rol. Pero iso non é certo. Os cidadáns interésanse por todo o que lles conveña ós seus intereses e reverten esa comenencia en lexitimidade e adhesión ás políticas dos gobernantes. Se eles presenten que Bruxelas lles aporta beneficios tamén se identificarán cos seus gobernantes alí, e defenderanos como o fan cos políticos nacionais. O problema é que os políticos nacionais atopáronse con que teñen un legado de tratados do que os estados membros se beneficiaron e se benefician aínda hoxe, economicamente do que se benefician a curto prazo para poder ser re-electos -por iso hai tanta presa en adherirse canto antes ó ate fai pouco coñecido como mercado “común”- que paseniño paseniño lles esixe compromisos en ámbitos colaterais (ex. para que as empresas se poidan desprazar a facer os seus negocios sen problemas, para que as empresas que veñan contribúan en igual medida nas caixas dos Estados, etc), amosando as fronteiras da xenerosidade cara á idea de Europa, e fechándose a todo o que non poida ser controlado polas capitais. Os xefes de estado e de goberno non cren realmente no proxecto europeo, e manteñen a estratexia da desinformación do electorado nas súas campañas. Un electorado ó que non lles contan canto se benefician dunha cidadanía común na que non lles piden o pasaporte cando se van a Frankfurt, e ó que non lle explican que o modelo europeo foi tamén creado como barreira contra o perigo que supón ser francés, alemán ou español, e crerse superior ó veciño, matándose en dúas guerras mundiais. Non hai verdadeiro interese en afondar na educación das respectivas poboacións- para que se mire positivamente cara Europa- porque perderían peso específico se a unión se reforza a causa das demandas cidadáns. Desta maneira aprovéitanse desa falla de definición material dos beneficios que veñen dunha Europa Unida, que son menos visibles ós cidadáns da rúa, conservando o couto de poder na capital nacional de turno, recollendo as avantaxes que lles aporta o cadro europeo cando lles convén e mesmo usando Europa como válvula de escape dos problemas internos. Os medios tampouco axudan, aínda sendo como deberían selo, educadores amais de informadores, espallan sempre a propaganda típica e oportunista que desinforma. Os posuidores do poder económico só ven no proxecto europeo deferencias en consumer behaviour and taste, e oportunidades para mercar competidores. Ó final non existe unha visión paneuropea na maioría dos casos, que promova un imaxinario na xente, e que aporte algo novo no panorama dos negocios. Pero creo, sen ir máis lonxe, que o ideal europeo ten o cerne do respecto ó próximo, como ningún outro proxecto, aínda que para iso teña que regular provocando a irritación dos británicos. Algúns exemplos? Empecemos polos puntos quentes. Non impoñer ningunha relixión (está Polonia maquinando para que así non sexa) ten sentido se queremos contar como europeos ós tres millóns de musulmáns franceses por exemplo. Non impoñer unha soa lingua oficial, non é tal vez un dos mellores signos de respecto? Asumir unha carta de dereitos fundamentais, que poderá ter aspectos criticables, pero reforza temas non recollidos nas Constitucións como a prohibición do traballo infantil, é moi digno de resaltar.Ou ,finalmente, facer a ponderación dos votos no Consello máis igualitaria é –aínda que non nos guste a nós particularmente– unha idea lóxica. |
|
Xosé Manuel Figueiras. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/06/2004 |