Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
Fabricar medo
Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 12/02/2004)
 
 

Non só ten poder o estado moderno para fabricar medo, para crealo con fins estratéxicos de moi diversa natureza e para impoñelo ós seus súbditos, senón que acostuma facelo con máis que preocupante facilidade. E tamén cunha eficacia mesmo atentatoria para a natureza do ser humano, á par que converte a este nun suxeito manexado polo poder irracional, pero verdadeiro, do medo que os aparellos de propaganda saben crear e impoñer.

É un erro pensar que todo isto é de agora mesmo ou que se trata dunha novidade propia dos modernos e poderosos estados. Fabricar medo é algo moi vello, tanto que se pode afirmar que é de sempre. O que é novo é que este poder do estado veuse facendo, dende o século pasado e en ocasións, mesmo abafante. E, polo que semella, vai seguir ese camiño ou pode que aínda anovando os seus sistemas, as súas estratexias e a súa efectividade á par da importancia crecente dos medios de comunicación de masas.

Os exemplos son moitos, están ben á vista e son de agora mesmo. Reparemos senón nas pretendidas xustificacións que se deron para ir á guerra do Iraq. Hoxe está claro, e xa sen dúbidas racionais, que os EEUU, e non só eles, amañaron, mentiron e terxiversaron informacións esenciais coa finalidade de ir a esa guerra. E que o fixeron, entre outras razóns, para convencer á xente do perigo que Sadam Husein supoñía para os propios EEUU. Ou sexa, metéuselle medo no corpo á xente. E tamén doutras maneiras: por exemplo, facéndolle crer na posibilidade de atentados inminentes con armas químicas.

Aquí, entre nós, está tamén moi claro que a campaña para as próximas eleccións vai dirixida, ó menos por un dos partidos, a meterlle medo á xente tratando de convencela de que está en perigo a unidade de España, esquema simple e plano que sempre ten boa recepción nunhas masas que a propaganda, a propaganda do medo, pode torcer sen moitas dificultades.

Os exemplos poderían ser moitos, de aquí e de acolá. O peor é que poucos teñen criterio abondo para se decataren con certa propiedade das manipulacións a que son sometidos. Por iso o poder prefire a propaganda á cultura. E que a formación da xente tenda á conformidade e non á capacidade analítica. Hoxe, o Estado é o peor perigo para o ser humano libre. Coa cómoda conformidade deste.

 
 

Xosé Luis Franco Grande é escritor.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2004
Fernando Pol