Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Europa á marxe
Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 17/06/2004)
 
 

As eleccións europeas non interesaron. Sorprende que un proxecto político de tales dimensións, que tanto ten que ver con nós, e non sempre para ben, pois ten riscos evidentes –para os galegos non hai dúbida-, non interese á maioría dos votantes. Búscanselle explicacións, e supoño que seguiremos procurándoas de hoxe en diante. E pode que sexan moitas as razóns que se poden atopar.

Penso que a primeira de todas é a incapacidade dos políticos para interesar á xente. Non poden interesar a ninguén unhas eleccións nas que moi escasamente se referiron a Europa. Moitas veces os propios políticos preferiron facer referencias a cuestións nacionais, e mesmo a liortas intrapartidarias. Europa quedaba lonxe. Tan lonxe que se esqueceron dela. E así lles foi.

Entres nós, as cousas non diferiron moito. Aínda se lle podería engadir que a propaganda xogou en contra. Pois dicir que somos unha nación de Europa non parece que sexa a mellor maneira de interesar á xente. Case seguro que ninguén se mobilizou pola información de semellante realidade. E quedáronse nas súas casas, pois, para iso, non pagaba a pena saír a votar.

Ningún partido europeo soubo transmitir unha idea da Europa pola que traballar e, naturalmente, votar; ningún deles se esforzou por subliñar a importancia destas eleccións; ningún fixo por informar ós potenciais votantes das razóns que tiña para pedir o voto ou para que este fose nun sentido ou noutro; ninguén, ó cabo, parecía ter unha idea de Europa. Esta, unha vez e outra, quedaba moi lonxe. Estaba á marxe. E na marxe se quedou.

Parece que a Europa dos grandes políticos acabou. Xa nin os hai na Gran Bretaña. E os que un ve, aquí e acolá, en calquera país europeo, son políticos de deseño, moi relambidos por fóra e moi baleiros por dentro. E que saben facer moi ben o que mandan os seus asesores de imaxe, pero nada máis. Por iso mesmo, as ideas van quedando lonxe, tanto que se van esquecendo. Só quedan os monecos movidos polos fíos que lles dan movemento.

A isto chegou a Europa da cultura, a patria humanística da humanidade, a creadora das ideas que moven o mundo, como dixera Werner K. Heisenberg. O malo é que empezar a recuar en política moi ben nos pode levar a comezar a facelo tamén en cultura. ¿Ou non estamos recuando?

 
 

Xosé Luis Franco Grande é escritor.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/06/2004
Fernando Pol