| Presencia-Opinión |
||||
| Chile non baixou a cabeza Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 25/11/2004) |
||||
|
Os axentes de seguridade do presidente USA conducíronse en Chile como se dunha colonia se tratase. Os xornais informaron de diversos incidentes, como o da cea do sábado, día 20, na que, despois de teren entrado Bush e a súa esposa, os axentes de seguridade chilenos impediron o paso da escolta deste, composta de seis membros do Servizo Secreto, que quixeron abrise paso a empuxóns, sen conseguilo, porque a rexa actitude dos chilenos o impediu. O incidente resolveuse permitindo a entrada a só un dos seis axentes. Penso que eses feitos –con outros máis, porque as incidencias foron moitas-, demostran que os dirixentes chilenos tiveron moi claro en todo momento, primeiro, que os incidentes se ían producir, segundo, que non estaban dispostos a ser asoballados polos sicarios do emperador e, terceiro, que tiñan xa previstas as respostas máis axeitadas. As autoridades chilenas deron unha lección ao mundo de dignidade, manténdose firmes sen perder a cortesía e sen permitir nunca ser asoballadas. Teño as miñas dúbidas de que Aznar, no seu caso, e outros que non son Aznar, tivese chegado aos lindes de dignidade das autoridades chilenas. É unha hipótese, unha simple sospeita e non un feito obxectivo. Pero, despois de tanto servilismo con Bush, un ten dereito a agardar unhas determinadas maneiras ou unha certa lóxica. En calquera caso, hai que subliñar que, nalgunhas circunstancias, é moi difícil manter a dignidade (a nosa difícil dignidade, do poema de Salvador Espriú), moi en especial diante do poderoso e do prepotente. Chile, ao cabo, é un país culto e os seus dirixentes non defraudaron nin aos chilenos nin aos demócratas de fóra. Porque tamén puxeron de manifesto que, con intelixencia e con cortesía, é posible resistir. E manterse ergueitos. Que non é pouco. Chapeau para Ricardo Lagos. |
||||
|
Xosé Luis Franco Grande é escritor. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/11/2004 |