| Sudán: presentindo o xenocidio ruandés Por Raquel Quinteiro Castromil (Canal Mundo, 20/04/2004) |
|
Moito se choraba a semana pasada cando os informativos rememoraban a estampa sanguinolenta da barbarie perpetrada hai dez anos en Ruanda, o máis atroz dos xenocidios endexamais retransmitidos por televisión. A comunidade internacional lamentaba non ter actuado a tempo. Coma de costume, a historia volve a se repetir; esta vez sen a haxiografía daquela extraordinaria cobertura editorial. Certo é que nos últimos días, moitas foron as voces dos que se laian ante o inminente xenocidio desatado en Sudán; até o momento e segundo parece, de balde. A pasividade do clube das Nacións Unidas responde á mesma postura despreocupada e indiferente de hai dez anos atrás, cando Ruanda se convertía nunha fosa común de blasfemas e profanas dimensións. Hoxe en Sudán, cadaleitos Fur, Maasalit e Zaghawa, costurados a tiros polos homes a cabalo Janjaweed, comezan a amorearse. Un millón de esfameados desprazados internos, máis de cen mil refuxiados escapados para Chad, millares de mulleres e nenas violadas e asasinadas, matadoiros, canóns, agresións sexuais case industrializadas, secuestros e trapicheo de nenos, saqueos nas aldeas, incautación de millares de cabezas de gando, de terras, de posesións, queima de campos, destrucción de colleitas, bloqueo aos comboios humanitarios… Ese é o espectáculo do monstruoso patíbulo, do degolladero sudanés na rexión occidental de Darfur. E esta, a crónica dun xenocidio anunciado. Na novela de García Márquez, todos, agás a propia víctima, coñecían o fatal destino de Santiago Nasar. A ONU, a UE e o goberno dos Estados Unidos tamén o saben. Mais novamente, a realidade supera á ficción. A matanza impune, en complicidade co goberno de Jartum, foi denunciada pola USAID, polo secretario xeral de Nacións Unidas, Kofi Annan e por numerosas Organizacións Non Gobernamentais en prol da defensa dos Dereitos Humanos. Human Rights Wacht foi a primeira en rotular con maiúsculas a saña dun xenocidio flagrante do que directamente responsabiliza nos seus informes ao goberno presidido por Omar Hassan O-Béshir. O executivo deste país vén de ser formalmente acusado da matanza pola ONG norteamericana. Jartum estaría, segundo HRW, perpetrando crimes contra a humanidade e aplicando de maneira sistemática brutais ataques contra diversos grupos étnicos de Darfur nun feroz programa de limpeza étnica. As milicias e forzas armadas sudanesas, das que a maior parte de efectivos proceden de militares e paramilitares de confesión islámica afíns ao réxime de Omar Hassan O-Béshir, están levando o xenocidio sudanés ao seu maior apoxeo. As víctimas civís, etnicamente emparentadas cos guerrilleiros do Movemento de Liberación de Sudán (SLM) e do Movemento pola Xustiza e a Igualdade (JEM), compoñen o triángulo racial de cor negra Fur, Masaalit e Zaghawa, habitan ao sul do país e profesan ademais o cristianismo e outros cultos ancestrais multiétnicos. A reconciliación co norte do país, onde a poboación foi maioritariamente islamizada, está hoxe máis que nunca afastada de toda oportunidade de negociación a pesares da pantomima que o goberno e o Exército Popular de Liberación de Sudán (SPLA), tamén guerrilleiros, sacaron da manga cando decidiron sentar a parlamentar no careo de Kenia. Desde o inicio da loita, en 1983, máis de dous millóns de persoas pereceron nun conflicto de reivindicacións territoriais, cando o SPLA comezou a guerrear contra o goberno pola recuperación das rexións do sur do país. A campaña do terror hoxe imposta, a depuración, está rearmando ás milicias Janjaweed, implantando a cruzada de purgas en prol dunha frenética limpeza étnica que arrasa toda a rexión de Darfur e que é comparábel, tanto pola súa dimensión, coma pola súa bestialidade ao que ocorrera en Ruanda hai 10 anos. Esta mesma semana, Amnistía Internacional apoiaría a campaña de denuncias disparando unha traca de comunicados que recomendan ao goberno de Jartum a restitución inmediata de toda canta garantía sexa necesaria para tanto a grave crise humanitaria que asola o país coma a deplorábel situación dos Dereitos Humanos. Kofi Annan pola súa banda, foi rotundo e contundente non silenciando a verba “xenocidio” para se referir á situación que se vive en Darfur, insistindo ademais en que se o goberno sudanés non cede o paso de inmediato aos activistas internacionais, brigadistas para a paz e cooperantes en socorro e axuda de emerxencia humanitaria, promoverá unha intervención armada no país africano para asegurar “o pleno acceso á rexión e ás víctimas sen máis demora”. Só temos que agardar que non se cumpra a sentencia profética de sempre, esa que di que do dito ao feito hai un grande treito. |
|
Raquel Quinteiro Castromil é estudiante en prácticas no IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/04/2004 |