Leer el artículo en castellanoPresencia-OpiniónVolver ó índice / África
A fugaz reaparición de Yala revolve as eleicións en Guinea Bissau
Por Raquel Quinteiro Castromil (Titulares, 24/03/2004)
 
 

Só tres días despois do pistolazo de saída que inauguraba en Guinea Bissau a campaña eleitoral, con ocasión dos cruciais comicios previstos para o vindeiro 28 de marzo e aos que concorren quince formacións políticas, o deposto ex presidente Kumba Yala, reaparecía fugazmente en escea “ameazando” ao país con presentar de novo a súa candidatura á presidencia do país africano.

O susto duraba mal que a penas unhas cantas horas. Entrementres, a nova desencadeaba por todo o país espontáneas reaccións en rexeitamento ante o que finalmente resultou ser unha falsa alarma. Confinado en arresto domiciliario dende hai 6 meses, Yala foi destituído polas forzas armadas en setembro do ano pasado, logo do golpe militar que puxera punto final ao mandato do dirixente máis impopular de cantos pasaran polo goberno de Bissau. Durante o exercicio do seu cargo presidencial, Guinea Bissau sofreu de feito, a máis aguda crise de gobernabilidade e inestabilidade política dos últimos tempos. Pese a ter asinado, en setembro de 2003 un documento polo que o ex presidente se comprometía a non voltar ao exercicio da carreira política durante alomenos o lapso dun quinquenio, Yala deixaba abraiados a propios e estraños cando anunciaba a súa decisión de se reincorporar à loita política, algo que o mesmo líder cualificou de “bomba atómica”. Finalmente, Yala voltaria non à areia política, senón a súa detención indefinida.

Á marxe deste episodio, mais anecdótico que substancial, a campaña electoral inaugurada o 6 de marzo pasado vai decorrendo con calma e aparente normalidade. Numerosos observadores internacionais están a chegar ao país dende as últimas xornadas, entre eles, amais do delegado de Nacións Unidas, David Stephen, o responsábel da carteira de Exteriores de Timor Leste e representante da Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP), Ramos Horta.

Tanto o actual presidente do goberno de transición Henrique Rosa, coma algúns altos comandos militares, empeñaron-se, por recomendación expresa das Nacións Unidas en garantir o máximo respecto ao desenvolvemento normal do plebiscito avalando tanto a transparencia das urnas coma a do escrutinio e resultado final. Particularmente, a cúpula militar ven de se comprometer en velar polo cumprimento da legalidade, a non se entrometer no proceso, así coma a gardar a neutralidade que lles obriga en canto que representantes das forzas armadas. Todo en aras de abrir as portas de Bissau á recepción de axudas procedentes das axencias de cooperación internacional estranxeiras. David Stephen, observador especial da ONU, asegura que as eleccións do 28 de marzo representan o “borrón e conta nova” que porá fin a unha etapa crítica para a vida política guineana inaugurando un novo período de lexitimidade e saneamento democrático que traerá consigo oportunidades históricas no avanzo cara o cambio e o progreso. Entrementres, os doadores estranxeiros manteñen-se expectantes.

 
 

Raquel Quinteiro Castromil é estudiante en prácticas no IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/03/2004
Fernando Pol